A Coruña.- O portavoz de Transparencia do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Pablo Arangüena, acusou este xoves á Xunta de facer «a vista gorda diante as infraccións administrativas» das empresas contaminantes.
Segundo o deputado, o Executivo do Partido Popular estaría a sancionar ou non a esas compañías en función da «afinidade» que ten con cada unha delas.
Arangüena realizou esas declaracións na reunión que a Comisión Institucional do Parlamento de Galicia, onde o PP rexeitou unha proposta socialista que reclamaba á Xunta que sancione de forma estrita todas as infraccións ambientais, e que garanta a correcta tramitación de todas as denuncias que se reciban sobre as mesmas.
Verteduras no Umia
O pasado 18 de outubro Luzes-Público fíxose eco dunha advertencia do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil sobre as decenas de denuncias que enviara á Xunta tras constatar verteduras industriais tóxicos ao río Umia, sen que lle constase que derivasen na apertura dos correspondentes expedientes de infracción.
O departamento de Medio Ambiente do Goberno de Alfonso Rueda, que dirixe a conselleira Ethel Vázquez, contestou entón de que das decenas de denuncias tramitadas polo Seprona só abrira catro procedementos sancionadores, e só dous deles por verteduras industriais: un ao Concello, gobernado polo PSOE, por unha avaría na depuradora local, e outro a unha empresa que non quixo identificar.
O deputado socialisa acusa agora ao goberno galego de sancionar «en función da súa afinidade» cos infractores, e puxo como exemplo o escaso volume de sancións por mor das denuncias por contaminación doutros ríos e rías, así como a inacción da Comisión Galega da Competencia noutras materias e a falta de sancións ás plantacións irregulares de eucaliptos.
Ademais, Arangüena acusou á Xunta de «descafeinar» a aplicación en Galicia da normativa estatal que protexe aos denunciantes, aprobada en febreiro deste ano, ao crear a autoridade galega de protección da persoa informante mediante unha emenda á lei de acompañamento aos Orzamentos galegos.
A Xunta adscribiu esta figura á Oficina da Valedora do Pobo, que carece de medios para cumprir coas funcións deste organismo, unha canle de denuncias que ben xestionada «pode dar lugar a un volume inxente de traballo».
Publicidade das sancións
Arangüena tamén presentou unha pregunta oral en Comisión na que criticou que a Xunta non faga públicos os datos de sancións administrativas e reclamou que se impoñan sancións «de forma estrita e non discrecional».
Nese sentido, o responsable socialista criticou que o PP prefira «premiar» condutas «irresponsables» como a do ex presidente da Deputación de Ourense e do PP provincial Manuel Baltar, que acaba de ser citado a declarar pola maxistrada Ana Ferrer, da Sala do Penal do Tribunal Supremo tras ser detectado conducindo o seu coche oficial a 215 km/h. O fiscal acusa a Baltar dun delito contra a seguridade viaria.