A Coruña.- O pleno do Senado aprobou este mércores en sesión secreta o ditame da Comisión de Suplicatorios para levantar a inmunidade ao senador popular Manuel Baltar, expresidente da Deputación de Ourense e do PP desa provincia, para que poida ser xulgado polo Tribunal Supremo.
Baltar está acusado dun delito contra a seguridade viaria por conducir un dos vehículos oficiais da Deputación -un Volksvagen Passat de 46.000 euros e 280 cabalos de potencia- a 215 km/h, o domingo 23 de abril de 2023 na autovía A-52, que une Castela e León con Galicia.
Tras varios intentos do seu avogado de atrasar o xuízo rápido aberto no seu día nun xulgado de Instrución de Zamora, Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda acordaron nomealo senador por designación autonómica. É dicir, sen necesidade de que se presentase ás eleccións xerais que se celebraron en xullo dese ano. Grazas a iso, o expresidente provincial obtivo a condición de aforado e só pode ser procesado pola Sala do Penal do Supremo.
A favor
Os senadores do PP votarán a favor de conceder o suplicatorio do seu compañeiro. Baltar xa avanzou hai uns días que non poñería ningún impedimento para a súa tramitación”.
Os estatutos do PP consideran infracción moi grave susceptible de expulsión a condena por un delito
Luzes-Público dirixiuse á executiva estatal do partido para solicitar a posición de Feijóo ou do seu Comité de Dirección, pero ao peche deste artigo non obtivo contestación.
En ocasións anteriores tamén preguntou ao PP polo futuro de Baltar no caso de que sexa finalmente condenado, pero tampouco obtivo resposta.
Os estatutos do partido establecen como infracción moi grave susceptible de carrexar a baixa de militancia «a condena por un delito doloso que pola súa natureza ou polas circunstancias nas que se cometeu se considere incompatible coas obrigas e deberes éticos» dos seus militantes e representantes públicos.
Tras renunciar á Deputación inmerso en numerosos escándalos, Baltar obtivo a súa acta de senador o pasado 17 de agosto. Ademais de inmunidade, o seu novo cargo reportoulle un salario basee de de 44.867 euros anuais en 14 pagas; aos que se suman outros 22.822 euros de asignación como presidente da Comisión de Reto Demográfico da Cámara Alta. En total, preto de 67.700 euros anuais.
Durante os preto de oito meses como senador, Baltar non interveu nunca no pleno, pero asinou 110 preguntas ao Goberno para a súa resposta escrita. Boa cantidade delas refírense ás conexións por estrada de Ourense con Madrid.
Baltar aproveitou o seu cargo de senador para preguntar o Goberno se planea arranxar a estrada onde el foi multado
Nunha das máis recentes, Baltar interesouse polas previsións do Goberno para aumentar o orzamento para conservación da A-52, a vía onde cometeu as infraccións, «para eliminar as notables deficiencias que presenta o firme en gran número dos seus quilómetros».
O debate e a votación da súa suplicatorio celebráronse poucos días despois de que o PSOE denunciase que a Deputación, agora presidida por Luis Menor, alcalde popular de Pereiro de Aguiar, abonara 1.200 euros por outra infracción cometida polo condutor do mesmo coche, na mesma vía e apenas unha hora antes de que Baltar fose cazado polos axentes da Dirección Xeral de Tráfico.
O triplo da multa inicial
Aquela denuncia, por circular a 173 km/h na A-52 a uns 150 quilómetros de onde Baltar foi identificado 51 minutos despois como piloto do mesmo vehículo conducindo a 215 km/h, carrexaba unha sanción de 400 euros e a retirada de catro puntos do carné de conducir.
A Deputación de Menor negouse en dúas ocasións a identificar o condutor, o que motivou que a DXT triplicase a sanción inicial, que foi finalmente abonada con diñeiro público. O organismo alegou que fora imposible saber quen pilotaba o coche.
O Passat que conducía Baltar, e que segundo fontes da Deputación era do seu uso exclusivo e diferente ao que empregaba cando viaxaba con chofer da presidencia, acumula outra decena de expedientes sancionadores por exceso de velocidade. En varios casos o organismo tamén se negou a identificalo como condutor, polo que as multas correspondentes tamén se triplicaron en contía e foron asumidas polo orzamento da institución.