Baltar en modo X

A Coruña.- Manuel Baltar manéxase moi ben en Twitter -agora X-. Un dos seus últimos posts é do pasado 17 de novembro, retuiteando outro de Alfonso Rueda con fotos súas nun acto en Madrid contra a Lei de Amnistía. O expresidente da Deputación Provincial e senador do PP adoita subir a esa rede tres ou catro mensaxes á semana, pero o que mantén fixo e encabezando a súa conta é un de hai agora cinco anos. Do 8 de outubro de 2018, redactado en en inglés e achegando unha foto co entón presidente da Comisión Europea e exprimeiro ministro de Luxemburgo, Jean Claude Juncker, pousando entre outras autoridades da Unión.

Hai quen di que xa entón a Baltar lle atraía a idea de dar o salto a Bruxelas e Estrasburgo, onde ten as súas sedes o Parlamento Europeo; que en Ourense se aburría e que quería facerse cun escano de eurodeputado. Agora, mesmo hai quen asegura no seu partido que tería pactado o pasado xuño con Feijóo esa máis que digna saída -15.000 euros ao mes entre soldo e dietas e outros 27.000 para contratar persoal de confianza-, como condición para deixar a Deputación, que cumpríu antes das eleccións xerais, e a presidencia do PP provincial, que anunciou o pasado venres 27.

«Detrás desa dimisión e de moitos anos de baltarismo hai tamén a presunción de infinidade non xa de caciquismos, senón de posibles delitos que deberían determinarse no xulgado», sinala Xosé Manuel Puga, portavoz do BNG na Deputación. Coa súa saída, asegura, «o PP pretende pasar páxina do baltarismo, pero vai ser a provincia a que vai pasar páxina do peperismo», engade.

A 215 por hora conducindo o coche oficial

A Baltar, licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago e funcionario en excedencia da Xunta, collérono hai catro meses conducindo a 215 quilómetros por hora no coche oficial. Un incidente que sacou de novo á luz a puntiña do iceberg dunha polémica xestión á fronte do partido e da institución provincial desde que o seu pai, Xosé Luis Baltar, lle legou en herdanza ambos os cargos. Tras abandonar a Deputación provincial, o PP non deixou pasar nin catro semanas para anunciar que o nomearía senador por designación autonómica, a pesar de que xa estaba imputado nun procedemento penal.

Rueda abraza a Baltar o día da súa dimisión como preidente do PP de Ourense, en presencia de Paula Prado / Foto: PP

Os Baltar mandaban en Ourense desde hai máis de 30 anos. O pai, alcalde desde 1976 no municipio de Nogueira de Ramuín, fíxose coa Deputación en 1990. Durante as dúas décadas nas que a presidiu teceu unha colosal rede clientelar e caciquil que permitiu desde entón ao PP gañar na provincia todas as eleccións -locais, autonómicas, xerais e europeas- que se celebraron alí.

A de Ourense é a deputación con menos orzamento das catro de Galicia -91 millóns de euros este ano-, pero para entender o enorme poder que manexaban os Baltar hai que ter en conta que dos 92 municipios da provincia só un, a capital, supera os 14.000 habitantes. Os concellos e os seus alcaldes teñen unha capacidade de investemento moi modesta, e a referencia na dotación de servizos e nos contratos e concesións públicas para a súa prestación é o organismo provincial: infraestruturas, obras, augas, lixos, saneamento, bombeiros, refuxios de animais, proxectos culturais, festas, medio ambiente, promoción económica e industrial, axudas a empresas, subvencións a pemes, autónomos, familias, particulares, oenegués…

«Detrás da dimisión de Baltar  de moitos anos de baltarismo hai tamén a presunción de infinidade non xa de caciquismos, senón de posibles delitos que deberían determinarse no xulgado»

Todo pasaba desde hai tres décadas polas mans da mesma familia, á que ata o de agora lle foron escorregando todas e cada unha das múltiples polémicas e acusacións que a salpicaron durante todo ese tempo. Desde os enchufes de centenares de alcaldes e concelleiros do PP e os seus familiares ata escándalos por ofrecer sexo a cambio de traballo, pasando polas adxudicacions a dedo de obras, as mordidas na contratación pública e nas oposicións de funcionarios na Deputación, o financiamento ilegal do partido e ata a compra de edís da oposición para gañar mocións de censura.

A herdanza do seu pai: a presidencia do PP e da Deputación

Baltar empezou a lanzar mensaxes en Twitter -agora X- en decembro de 2009, só un mes antes do congreso do PP provincial no que herdou do seu pai a presidencia do partido. Catro anos despois, o seu proxenitor foi condenado a nove anos de inabilitación por prevaricación por empregar na Deputación a un centenar dos compromisarios convocados ao congreso, que votaron logo a favor do seu fillo. Grazas a eles, este se fixo co poder na formación, primeiro, e coa presidencia do organismo provincial, despois. Segundo o diario El País, a Deputación chegou a contratar a máis de 400 militantes e famliares do partido.

Baltar asina a camiseta dun veciño de Nogueira de Ramuín nunha visita ao municipio / Foto: PP

Baltar seguiu tuiteando, pero lonxe de tomar exemplo do castigo que a Xustiza impuxo ao seu pai, ou talvez ao contrario, sendo consciente da súa levidade -ao expresidente, xa xubilado, o escándalo volvía escorregarlle-, seguiu executando as mesmas prácticas. O 21 de setembro de 2016, apenas cinco días antes das eleccións autonómicas galegas dese ano, convocou a provisión de 128 prazas na Deputación. Entre elas, unha de porteiro nun centro cultural que xa contaba con outros catro e con dous serenos. Por certo que ese centro cultural só ten dúas portas.

Un ano antes, unha exfuncionaria acusárao de acoso por ofrecerlle un posto de traballo a cambio de sexo, e tamén de suborno e tráfico de influencias. Un caso polo que estivo imputado durante case dous anos pero que terminou co arquivo da causa. A xuíza estimou que, aínda que as gravacións achegadas á mesma mostraban a Baltar aceptando beneficiarse dun favor sexual a cambio dun emprego, non se puido demostrar que fixese xestión algunha para cumprir a súa promesa.

Lonxe de tomar exemplo da condena ao seu pai por prevaricación, Baltar seguíu executando as mesmas prácticas que o seu proxenitor

A Baltar fillo escorregábanlle os escándalos como lle escorregaban ao seu pai. Ata que o domingo 23 de abril deste ano a Garda Civil de Tráfico parouno a bordo do seu Volkswagen Passat oficial, que el mesmo pilotaba, tras detectar cun radar que circulaba a 215 por hora. Apenas 50 minutos antes, fotografárano a uns 150 quilómetros dese punto conducindo a 173 por hora.

Un párque móbil tan luxoso como a colección de coches clásicos do seu pai

Entre esa data e ata o día en que anunciou que deixaba a Deputación, Luzes-Público desvelou as numerosas irregularidades que rodeaban ao uso oficial que Baltar facía do esaxerado e luxoso parque móbil da Deputación, composto por berlinas de alta gama, unha vintena de todoterreos e un centenar de turismos. Moi parecido a a carísima colección de vehículos clásicos e deportivos que o seu pai acumulou durante os seus mandatos e que ata fai non moito gardaba nunha nave xunto ao chalé no que vive e a uns centos de metros de o palacete que habita o seu fillo e das vilas de varios dos seus familiares próximos.

O coche oficial da Deputación no que Baltar foi cazado a 215 por hora, no aparcadoiro da sede do organismo / M.G.

As informacións de Luzes-Público revelaron que o Passat que Baltar usaba en exclusiva e pilotaba persoalmente acumulaba outra decena de procedementos sancionadores nos que a Deputación non identificara ao condutor, co que as multas se triplicaban e había que pagalas con diñeiro público.

Tamén acumulaba sancións o vehículo que empregaba cando viaxaba co seu chofer, algunhas das cales aparecían a nome da súa muller e da súa filla, que obtivo unha praza fixa na Deputación poucos meses despois de que a súa nai e ela as asumisen.

Ese chofer, ademais, pagou sen xustificación con diñeiro da Deputación comidas e gastos do presidente, así como agasallos, alimentos e outras compras que dificilmente se poderían atribuír a nada relacionado co seu cargo: flores, doces, accesorios e software informático, a reparación de móbiles e outros dispositivos como tabletas, un balón de balonmán…

O Tribunal Supremo acaba de nomear á maxistrada instrutora para xulgar a Baltar por un delicto contra a seguridade viaria

Baltar seguiu en modo Twitter, subindo e reposteando mensaxes relacionadas coas campañas electorais das municipais e o xerais pero sen aludir en ningún deles aos escándalos que lle rodeaban. Nin sequera cando este diario publicou as gravacións e os SMS nas que o seu irmán José Luis Baltar confesaba sen pudor as supostas mordidas que ambos levaban de contratisas de obas da Deputación, e polas que a Fiscalía de Ourense abriu dilixencias penais por se delas puidesen derivarse indicios da comisión de algún delicto.

Suplicatorio do Supremo ao Senado

O Tribunal Supremo acaba de recibir a causa derivada da condución temeraria de Baltar do xulgado do Penal número 1 de Zamora. Fontes do organismo xudicial indican que o trámite agora é que a Sala do Penal pida un informe respecto diso á Fiscalía e logo decida se remite un suplicatorio ao Senado para poder xulgalo, informa Ana María Pascual. Este martes, o Tribunal nomeou como instrutora á maxistrada Ana Ferrer. Se solicita ao Senado o suplicatorio, como semella previsible, a Cámara Alta deberá reunir á súa Comisión de Suplicatorios, que emitirá un ditame que será despois votado polo pleno.

De esquerda a dereita, Mariano Rajoy, Alberto Núñez Feijóo, Pablo Casado e, ao fondo, Manuel Baltar e Miguel Tellado, nun ‘selfie’ dun simpatizante do PP / Foto: Pp

O PP ten maioría no Senado e podería liberar a Baltar do xuízo, aínda que sabendo o tipo de delicto que se lle atribúe e que o discurso de Feijóo contra o Goberno está a centrarse na amnistía e en acusar ao Goberno de non garantir a igualdade de todos os españois diante da lei, facelo sería unha incongruencia demasiado grosa e podería ter un elevado custo político. «Non creo que nos atrevamos a facelo», asegura unha fonte do PP.

Mentres espera acontecementos, Baltar continúa en modo X, canalizando e rebotando a través das redes concisos mensaxes de apoio ao seu partido e aos seus líderes. E coa súa conta encabezada por un post en inglés acompañado dunha foto xunto a cargos da Comisión Europea. As eleccións europeas son o próximo mes de maio.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail