As esquerdas soberanistas de Catalunya, Euskadi e Galicia eríxense en freo ao ascenso conservador no Estado

A Coruña.- As eleccións vascas que elevaron a EH Bildu ao seu máximo histórico nunhas autonómicas consolidaron a tendencia que sitúa ás esquerdas soberanistas de Catalunya, Galicia e Euskadi como o principal obstáculo ao ascenso do poder conservador no Estado. Á espera do que suceda nas eleccións catalás do próximo 12 de maio, EH Bildu, ERC e BNG afiánzanse así como segundas forzas políticas nos seus respectivos países.

Fano ademais ás portas dos comicios europeos do 9 de xuño, aos que concorrerán en coalición mentres a esquerda alternativa, nada por mor do levantamento social vinculado ao 15M de hai 13 anos, atravesa unha particular tormenta perfecta que ameaza a súa supervivencia, dividida entre sucesivas marcas e liderados inestables cada vez máis cuestionados.

EH Bildu, que non parou de crecer electoralmente desde 2016, obtivo o pasado domingo máis de 340.000 votos -un 32,5%- e 27 escanos nun Parlamento de 75. Hai dous meses, nas autonómicas galegas, o BNG, que tamén segue en ascenso desde 2012, levou 467.000 sufraxios -o 31,5%- e un terzo das 75 deputadas do hemiciclo galego. En Catalunya, que acudirá ás urnas o próximo 12 de maio, ERC goberna a Generalitat tras obter un 21% en 2021 con máis de 603.000 apoios e 33 asentos nunha Cámara de 135.

Son máis de 1,4 millóns de sufraxios, polos menos de 290.000 que suman Sumar, En Comú-Podem e Podemos nas tres comunidades neses mesmos procesos electorais. Fronte aos 85 deputados autonómicos con que contan hoxe as forzas nacionalistas de esquerda dos tres territorios, a esquerda alternativa estatal só ten nove: oito, de momento, en Catalunya; un en Euskadi, e ningún en Galicia. Hai oito anos, as forzas vinculadas a Podemos e a Sumar sumaban 36 actas autonómicas.

Traspaso de votos

«É evidente que hai traspaso de votos e que o nacionalismo de esquerdas bebe moito dese mesmo espazo electoral» que nutría a Podemos e a Sumar. «Pero faino compartindo unha estratexia distinta», asegura o politólogo Silvio Falcón, galego afincado en Catalunya e autor xunto a Andreu Pujol de A la sobirania per l’esquerra: un anàlisi de l’auxe d’ERC, EH Bildu i BNG (Angle Editorial, 2022).

«No que coinciden ERC, BNG e Bildu é en que non pretenden conquistar os ceos de maneira inmediata. A súa aposta é máis estratéxica cunha proposta clásica: organización, base territorial e liderados a longo prazo», engade Falcón, que incide na relevancia desa fórmula destinada a ampliar as súas bases que as tres formacións están a explotar con éxito.

A eurodiputada do BNG, Ana Miranda / Foto: BNG

En Galicia, o BNG de Ana Pontón logrou entrar nos caladoiros do galeguismo moderado que antes optaba por PP ou PSOE. «Nas autonómicas do 18F preto de 70.000 votos do Bloque proviñan de electores que o apoiaban por primeira vez», lembra Falcón. Pontón, ao mando do partido desde hai 12 anos, consolidouse como a referencia da oposición ao PP, con 16 escanos máis que un PSOE que foi descompoñéndose fronte a ese empuxe do nacionalismo.

En Euskadi, EH Bildu conseguiu por primeira vez igualar en escanos co Partido Nacionalista Vasco tras ir crecendo sucesivamente na autonómicas fe 2012, 2016 e 2020. Fíxoo con distintos candidatos baixo o liderado de Arnaldo Otegi na esquerda abertzale, achegándose nesta ocasión a menos de 30.000 votos e 2,7 puntos porcentuais do nacionalismo conservador do PNV, e con PP e PSOE sumando menos dunha cuarta parte dos sufraxios válidos.

Disputa ERC-Junts

En Catalunya, Pere Aragonés converteuse fai tres anos no primeiro presidente de ERC desde Tarradellas, e aínda que as enquisas poñen en dúbida que poida manter o Goberno, si auguran que seguirá disputándose con Junts a condición de segunda forza no país e que podería dispoñer de capacidade para orientalo cara a Illa ou Puigdemont. «Esquerra é a formación nacionalista do Estado con máis fronteiras electorais», apunta Falcón: PSOE Junts, CUP, En Comú-Podem… «Iso convértea nunha forza central e fundamental», conclúe.

Mentres tanto, salvo no caso de Galicia, onde Alfonso Rueda logrou o pasado febreiro máis do 47% dos votos, a dereita e a ultradereita seguen atragoándose coas nacionalidades históricas. O PP é a oitava forza en Catalunya e a cuarta en Euskadi. Pola súa banda, Vox segue sendo formación extraparlamentaria en Galicia, onde nunca logrou entrar e onde a súa presenza institucional redúcese a unha concelleira en Avión (Ourense). Os de Abascal só teñen un escano en Euskadi e non pasou nunca do 8% do voto en Catalunya.

BNG, EH Bildu e ERC concorrerán conxuntamente ás eleccións europeas do 9J, para limitar o efecto de castigo que ten o sistema de circunscrición única que se utiliza neses comicios. Fixérono así en 2009 e en 2019 con Oriol Junqueras como cabeza de lista, repartíndose o escano por tempos de maneira proporcional ao votos que obtiña a alianza en cada comunidade.

En 2009 achegáronse aos 400.000 votos, e en 2019 superaron os 1,2 millóns. Agora, por primeira vez desde que España entrase na Unión Europea, encaran eses comicios tras celebrar eleccións autonómicas nos seus respectivos territorios apenas uns meses antes.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail