A Coruña.- A Deputación da Coruña deu este venres por rematada segunda edición das Residencias Artísticas Mariñán nun acto no Pazo de Mariñán no que organizadores e beneficiarias espuxeron as conclusións da experiencia. A deputada de Cultura, Natividade González, cualificou de «inmenso orgullo» a promoción do proxecto e asegurou que a institución cree «firmemente» nel como ferramenta para impulsar e promover a cultura na provincia «e en todo o país».
O acto pechou as dúas semanas de convivencia de doce días entre os autores dos proxectos seleccionados pola xurado da Deputación: catro de carácter musical –Cantometrics, Su Garrido Pombo, Chumba e aTorna; e catro de literatura e pensamento: Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila, Laura Martínez Mateo e Marina Vidal Valiña.
Natividade González puxo en valor as residencias, «que reforzan as liñas do departamento de Cultura provincial de axuda á creación a través deste programa centrado non nas pezas ou resultados finais, senón no apoio aos procesos creativos en contextos de aprendizaxe e traballo comunitarios».
«É un inmenso pracer e orgullo impulsar este proxecto, moi necesario non só na nosa provincia, senón para o sector cultural de todo o país; por iso nos sentimos na obriga, como administración, de crer firmemente neste tipo de iniciativas e de promovelas, polo éxito acadado, nesta e na anterior edición, e polo que vós nos transmitistes nas visitas que vos fixemos nestas dúas semanas de estadías: a importancia das Residencias Artísticas Mariñán para sacar adiante todo ese talento que levades dentro, en convivencia e nun ambiente capaz de crear esas sinerxías».