Denuncian unha nova vertedura contaminante de Jealsa, a maior conserveira de Galicia propiedade dun exalcalde do PP

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e a Confraría de Mariscadores de Rianxo aseguran que a empresa, denunciada pola Fiscalía por un delito continuado contra o medio ambiente, segue expulsando augas tóxicas ao mar.

A Coruña.- A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa denunciou unha nova vertedura contaminante que arrasou os bancos marisqueiros da enseada de Rianxo (A Coruña) e da que responsabilizan a Jealsa, a maior conserveira de Galicia propiedade da familia de Jesús Alonso, exalcalde da localidade de Boiro polo Partido Popular entre 1995 e o 2003.

Segundo a Plataforma, o pasado martes os mariscadores detectaron outro episodio de mortaldade de marisco nos areais de Subquintáns, ao suroeste do porto de Budión, onde Jealsa ten a súa factoría. Os afectados aseguran que informaron o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil, sen que ata o momento ninguén se teña presentado no lugar.

«Hai semanas que non chove, e con vento do nordés é evidente de onde vén a contaminación», asegura Xaquín Rubido, portavoz da Plataforma, quen asegura que a desidia das autoridades e a «blindaxe de poder e influencias» que rodean a Jealsa está a provocar serios danos aos ecosistemas da zona.

Ubicación da praia afectada, ao suroeste da factoría de Jealsa / Google Maps.

O patrón maior da Confraría de Rianxo, Miguel Iglesias, indicou onte que os técnicos do pósito estan avaliando o impacto da vertedura, que estiman «en varias toneladas de marisco morto», para achegar o informe de danos á denuncia que prevén presentar este luns. Segundo Iglesias, no últimos sete meses producíronse polo menos outros 27 episodios similares de contaminación pola actuación da conserveira.

Os produtores e as asociacións ambientalistas levan anos denunciando que as verteduras recorrentes de Jealsa representan un perigo para o medio, para o modo de vida das familias que viven do marisqueo e da pesca na zona e tamén para a saúde das persoas, debido a que se deron casos de queimaduras e lesións cutáneas de quen entraron en contacto coa auga durante os episodios contaminantes.

Jealsa, de cuxos responsables Luzes-Público tratou sen éxito de obter unha valoración dos feitos, viu como nos últimos anos se lle abrían multitude de expedientes por infracción da normativa ambiental. Pero a Xunta de Alberto Núñez Feijóo, quen mantén unha cordial e próxima relación persoal coa familia Alonso, só lle impuxo ata o de agora unha sanción por unha infracción de carácter leve.

Alberto Núñez Feijóo e Jesús Alonso, nunha imaxe de arquivo / Foto: Xunta.

O verán pasado, a Fiscalía de Medio Ambiente presentou unha denuncia de oficio no xulgado de Ribeira na que acusa os xestores de Jealsa dun delito continuado contra o medio ambiente, polo seu comportamento doloso –actuar a propósito de que se comete unha ilegalidade– ao verter periodicamente residuos tóxicos derivados da limpeza dos tanques das súas instalacións, que arrastrarían ao mar augas contaminadas por nitróxeno amoniacal e sólidos en suspensión.

A Plataforma e a Confraría acudíronse na causa, pero a súa representación legal non tivo noticia de que nin a Fiscalía nin o Xulgado avanzasen na instrución do procedemento.

«Non pedimos nada extraordinario, só que as autoridades e as administracións que teñen o deber de protexer o medio ambiente e os nosos recursos naturais fagan o seu traballo e cumpran coa súa obrigación», conclúe o portavoz da Plataforma.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail