As Conchas, o encoro da Limia intoxicado pola gandería intensiva que promove Coren

A sopa verde de cianobacterias e nitratos esnaquizou un pantano ao que chegan cada ano un millón de toneladas de xurros das granxas de porco da zona vinculadas ao xigante galego da alimentación

A Coruña.- Galicia ten 1.500 quilómetros de litoral e máis de 700 praias catalogadas, pero a súa Manga do Mar Menor está na única provincia que non ten costa. O encoro das Conchas, situado nos municipios ourensáns de Bande, Lobeira e Muíños, tamén é un lugar idílico pola súa riqueza natural e paisaxística. Pero se recorremos á manida comparación é só porque As Conchas tamén leva decenios padecendo episodios tan graves de contaminación que están a ameazar seriamente ao medio ambiente e á saúde dos habitantes da zona.

O pasado 8 de agosto, a Consellería de Sanidade da Xunta volveu decretar o nivel 3 de contaminación -o máximo- nas Conchas e pechou as praias fluviais de Porto Quintela, O Corgo e A Rola, tras detectar niveis esaxerados de nitratos e cianobacterias nas augas do pantano. Non houbo mortaldade animal nin fotos de cheas de peixe morto nas beiras, porque, ao contrario que na Manga, en As Conchas xa practicamente non hai fauna desde hai anos.

A contaminación provén dos xurros e feces que producen as macrogranxas de porcos das comarcas da Limia e A Baixa Limia, que levan décadas vertendo eses perigosos residuos nos campos sen apenas control, de forma que se filtran nos acuíferos que acaban desaugando no río que lles dá nome, e sobre o que se sitúa o pantano. Na súa inmensa maioría, esas explotacións de carácter industrial son propiedade ou están adscritas a Coren, o xigante alimentario de Galicia, que tamén auspicia na zona centenares de explotacións intensivas de aves.

«Nunha escala do un ao dez que mida o risco para a saúde humana na Limia, agora mesmo poderiamos estar no oito», asegura Eduardo Costas, catedrático de Xenética na Facultade de Veterinaria da Universidade Complutense de Madrid e membro do grupo de investigación Albiotox. Leva anos investigando o que sucede coa contaminación derivada da gandería industrial da zona e advirte de que a situación é «moi, moi grave».

As cianobacterias son as responsables desa «sopa verde» que asolagou a Manga este verán e que tamén tingue periodicamente desa cor o pantano de As Conchas. Segundo Eduardo Costas, as cianobacterias producen neurotoxinas e microcistinas, toxinas cuxo uso está prohibido polas convencións contra a guerra química e bacteriolóxica e que poden causar a morte por hemorraxia ou por fallo hepático en exposicións a altas doses. En doses baixas pero continuadas, provocan enfermidades do fígado e algúns tipos de cancro.

Sopa verde cianobacterias no encoro das Conchas / Foto: Movemento Ecoloxista da Limia (MEL)

Bañarse nas praias das Conchas é un verdadeiro perigo cando aparecen as toxinas, pero, aínda que nin sequera as mascotas deberían achegarse ao auga, apenas hai carteis que o advirtan. «Non só bañars é un risco evidente. Tamén practicar deportes como o remo, ou pasear pola beira do pantano. As toxinas tamén poden absorberse por inhalación», lembra Costas, quen explica que se na Manga o problema son as explotacións agrícolas, na Limia éo a gandería intensiva.

Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), en Galicia hai 267.000 unidades de gando porcino en instalacións de carácter industrial. As unidades de gando son unha forma de medida estatística que non equivale a un animal. De feito o propio IGE calcula que en Galicia hai máis de 1,4 millóns de cabezas de gando porcino. Pero a unidade serve de referencia para a comparación a nivel local, para o que non existen datos desagregados das cabezas reais por municipio. Só nas dúas comarcas de A Limia hai máis de 66.000 unidades de porcino en explotacións industriais. Se se engaden as das dúas comarcas limítrofes -Celanova e Allariz- suman 120.000. É dicir, que o 45% dos porcos que se crían en granxas industriais en Galicia están nun territorio que apenas representa o 7,5% da superficie total da comunidade. E os residuos orgánicos que producen –ao redor dun millón de toneladas cada ano- acaban nun pequeno pantano de 645 hectáreas. O 0,02% da superficie de Galicia.

Coren foi fundada a finais dos anos cincuenta do século pasado por Eulogio Gómez Franqueira, un galeguista moderado ben relacionado coas elites do franquismo. A empresa, dirixida agora polo seu fillo Manuel, factura máis de mil millóns de euros ao ano e dá emprego a preto de 5.000 persoas entre traballadores, socios das cooperativas que lidera e gandeiros integrados na súa cadea produtiva. Cada ano pon no mercado máis dun millón de toneladas de carne, principalmente de pito e de porco. É a principal empresa de Ourense, e a súa actividade vertebra boa parte do Produto Interior Bruto da Provincia.

Unha das persoas que máis combateu a contaminación de Coren na Limia é Manuel García, un pequeno produtor de agricultura ecolóxica de Rairiz de Veiga, un municipio de 1.200 habitantes no extremo norte da comarca. «Verten por todas partes. Non hai un centro de xestión de residuos, e aínda que aos gandeiros cóbranlles un canon por retirar os xurros, os camións cisterna tírano clandestinamente onde lles dá a gana», asegura. «Eles din que o usan ou o venden como abono agrícola, pero é mentira. Ninguén quere os xurros de porco. Os agricultores saben que o queiman todo», asegura.

Manuel, que forma parte do Movemento Ecoloxista dá Limia ( MEL), asegura que nin a Xunta nin o Goberno fixeron nada para resolver o problema. Feijóo prometeu hai anos que construiría plantas de tratamento, pero ata o de agora, nada. E os gobernos de Rajoy paralizaron a posta en marcha a declaración de zona de augas afectadas por nitratos que lle esixiu a Comisón Europea tras unha denuncia de MEL, e que é a condición imprescindible para que a Xunta declare A Limia como zona vulnerable por contaminación, o que carrexaría medidas drásticas aos produtores de Coren.

Cisterna vertendo xurros na Limia / Foto: MEL

O Ministerio de Transición Ecolóxica tampouco fixo nada ata o de agora, e Manuel García advirte de que o problema xa non só afecta aos cultivos e ás augas do encoro de As Conchas, senón aos pozos de auga potable do que se nutren miles de persoas nas zonas rurais da Limia, e que só no últimos tres anos aumentaron un 30% os niveis de nitratos. «A xente non se atreve a denuncialo, porque moitos dos pozos fixéronse sen autorización e non é a primeira vez que o Servizo de Protección da Natureza denuncia aos afectados por abrir pozos ilegais no canto de tomar medidas contra quen contamina as augas subterráneas», expón.

Manuel pasou anos denunciando a situación, e Coren emprendeuna contra el. Hai dous anos apareceu no programa España directo de TVE mostrando como un camión de Coren regaba con xurros unha pradería da Limia. A empresa respondeu denunciándoo por danos e prexuízos e reclamándolle un millón de euros de indemnización.

Esa práctica, a de amedrentar a quen ousa desvelar as prácticas ilegais das grandes empresas, coñécese como slapp. Slapp é labazada en inglés, pero slapp con dous pes significa strategic lawsuit against public participation, demanda estratéxica contra a participación pública. Segundo Greenpeace, que fai nove meses publicou unha investigación titulada Coren contra Manuel, as slapp son «demandas presentadas por actores poderosos, xeralmente grandes empresas ou despachos, para acosar e silenciar a quen denuncia algunha irregularidade en relación a asuntos públicos».

«Estas demandas mordaza son unha forma de intimidación legal e acoso xudicial, xa que utilizan os seus poderosos medios para asfixiar a estas persoas ou ás súas organizacións a través complexos e custosos procesos xudiciais, de tal maneira que en ocasións ven obrigados a abandonar o seu labor para centrarse durante anos na defensa dun proceso que lles podería arruinar», afirma a organización ecoloxista.

Manuel García / Foto: Pedro Armestre-Greenpeace

Con independencia da valoración moral que mereza a actuación de Coren, Greenpeace seguiu moi de preto o caso da Limia, que, segundo o seu responsable de Agricultura, Luís Ferreirim, inspirou a campaña Sen auga non hai pobos.

«Os datos que solicitamos indican que a situación da Limia é moi preocupante. Non cabe nin un animal máis e hai que pensar na  redución da cabana gandeira, que está moi por riba da capacidade do territorio para absorber os residuos que xera», alerta. «Coren mostrou nos últimos tempos algo de intención nese sentido, pero non para dar o gran paso que hai que dar, e que é o cambio de modelo produtivo», conclúe.

Luzes-Público tentou solicitar a opinión da empresa, pero fontes de Coren sinalaron a dificultade para atopar no mes de agosto un portavoz da compañía que puidese ofrecer algunha valoración e remitíronse á Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal), que agrupa a uns 900 produtores e da que son membros boa parte dos socios e produtores integrados na empresa.

A presidenta de Adegal é Maite Joga, unha avogada de Xinzo cuxa familia está vinculada á produción agrogandeira. «Vivimos desta terra e somos os primeiros interesados en protexela», afirma. Joga asegura que os produtores de Adegal cumpren estritamente as normas e que levan moitos anos reclamando ás administracións que lles proporcionen non xa axudas, senón medios para contribuír a resolver o problema. «Algo tan simple como un punto de recollida de residuos ou unha planta de tratamento, unha normativa máis clara na materia… Son reivindicacións de hai oito ou dez anos, pero ninguén nos fai caso».

O Movemento Ecoloxista da Limia denunciou a situación diante da Xunta, da Fiscalía e da Valedora do Pobo. Pero as respostas ata o de agora sempre foran sido negativas. Con todo, tras dirixirse ao Defensor do Pobo estatal, obtiveron unha pequena vitoria. Atendeunos e instou á Xunta a pronunciarse. Na súa resposta, o Goberno autonómico abríuse a aceptar algunhas das súas demandas, como a de instalar GPS nos camións cisterna que transportan xurros e establecer unha moratoria á apertura de novas granxas, algo que MEL levaba anos reclamando.

Sopa verde en As Conchas / Foto: MEL

A Xunta, segundo o escrito do Defensor do Pobo, comprometeuse a «non conceder máis licenzas de apertura de explotacións gandeiras mentres non sexamos capaces de manexar o volume de xurro existente». O uso da primeira persoa do plural -«mentres non sexamos capaces»- fai sospeitar aos ecoloxistas que detrás da redacción do texto está a propia Coren, a quen en Galicia se atribúe desde hai tempo a capacidade para influír no nomeamento de conselleiros de Agricultura e Medio Rural da Xunta e de altos cargos do Goberno autonómico do PP relacionados coa gandería e a alimentación, tanto nos Executivos de Fraga como nos de Feijóo.

Por iso, reclaman que a moratoria se refira non só á apertura de novas granxas, senón á ampliación das xa existentes, unha práctica que Coren xeneralizou nos últimos tempos.

Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural da Xunta asegura que está a impulsar diferentes medidas para mellorar «a xestión sostible e eficiente das dexeccións gandeiras», e que prepara un lei específica respecto diso. Pero admite que entre as medidas que adoptou ata a data figuran as «subvencións para a compra de cisternas» con aspersores de xurros, cuxa única e discutible vantaxe é que aumentan a superficie de terreos sobre a que se verten. Esas axudas, segundo os ecoloxistas, incentivarían as verteduras descontroladas.

Cisternas vertendo xurros en A Limia / Foto: MEL

A Xunta anuncia ademais que prepara «un sistema de xestión integral» dos xurros excedentarios, que inclúe as plantas galegas de tratamento, e que haberá «unha instalación prioritaria dunha desas plantas na Limia». E investimentos de 12 millóns de euros para sufragar a limpeza das canles das dúas comarcas e dos camiños paralelos «co fin de mellorar a xestión dos subproductos gandeiros desas augas».

De executarse, todas esas medidas poderían axudar. Pero o problema é o tempo, porque, como lembra o científico Eduardo Costas, a situación é demasiado grave e existe un risco certo para a poboación. «As Conchas non pode ser un sumidoiro de lixo. E xogar con isto é perigoso, porque o único resultado é perder. O que hai que facer é deixar de contaminar», conclúe.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail