Así armou a televisión galega a estratexia de desprestixio e acoso contra unha xornalista crítica

A Coruña.- A querela contra oito directivos e directivas da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), incluído o seu director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, que foron imputados polo xulgado por dous delitos de acoso moral e contra os dereitos dunha traballadora que denunciou humillacións e abusos durante cinco anos, desvela unha estratexia de descrédito profesional e persoal continuada que derivou en graves danos morais e psicolóxicos para a afectada.

Luzes-Público tivo acceso aos informes dun perito xudicial, da facultativa da empresa, dun psiquiatra do Servizo Galego de Saúde e doutro que exerce a medicina privada, que consideran que o cadro de ansiedade e depresión que provocaron nela o trato humillante e as decisións presuntamente arbitrarias da dirección estaría vinculado a esa estratexia que os seus avogados consideran unha «situación institucionalizada de acoso.».

O perito xudicial que a examinou conclúe no seu informe que a vítima «está sometida a un proceso grave de acoso laboral por parte dos seus superiores, baseando estes as súas estratexias (…) no entorpecimiento de [o seu] progreso e desprestixio laboral». «Froito da situación de fustrigación, a traballadora atópase de baixa médica e en tratamento por parte de especialistas en saúde mental, excedendo as situacións de acoso e as súas consecuencias, por tanto, as meras relacións laborais, afectando, de maneira significativa á súa contorna familiar e social, tal e como diagnostican os informes médicos» engade.

Decisión sexista

A xornalista, que ingresou na CRTVG en 1987 e que estaba asignada ao departamento comercial, denunciou no xulgado que en febreiro de 2018 fora trasladada á redacción de informativos, con modificación de horarios, sen aviso previo e coa escusa dunha suposta «reorganización» de ambos os dous departamentos que só lle afectou a ela. Ademais, entendeu que se trataba dunha decisión sexista dado que os directivos alegaron que «buscaban un perfil determinado por ser unha voz feminina». Con todo, o xuíz fallou na súa contra e desde entón, segundo a querela, empezou a sufrir de maneira sistemática un trato degradante e discriminatorio que converteu o seu traballo nun «auténtico calvario».

Os directivos alegaron que «buscaban un perfil determinado por ser unha voz feminina»

Os seus xefes deixaron de falar con ela, situárona nun posto afastado da súa contorna máis amigable e empezaron a crear cara a ela un clima agresivo e de desconfianza. Denegáronlle reiteradamente as súas solicitudes de libranza por asuntos propios e de datas de vacacións e rexeitaron as súas demandas de volver ao seu antigo horario para poder conciliar o seu traballo cos coidados do seu pai, de 94 anos, e mesmo lle negaron as horas que necesitaba para acompañar a este cando ingresou nun centro de maiores.

Imaxe de arquivo dunha manifestación en defensa da independencia da CRTVG

Tamén a excluíron da práctica totalidade das quendas de traballo en festivos, o que a privou dos complementos de nómina e da acumulación de libranzas que gozaba o resto do persoal. Se a media era de seis festivos ao ano por traballador, ela só tivo un: foi a única redactora da emisora convocada a traballar o 1 de xaneiro de 2019.

A única muller obrigada a traballar o 8M

En marzo dese ano, a empresa decidiu que fose a única muller incluída nos servizos mínimos decretados pola folga feminista do 8M. Ao contrario, ao mes seguinte, con motivo das eleccións locais e europeas, foi a única excluída da cobertura da xornada electoral, á que si foron convocados o resto de todos os seus compañeiros: redactores e redactoras, persoal temporal e en prácticas, bolseiros e locutores.

O acoso incluíu tamén unha actitude de evidente demérito da imaxe pública da profesional, que leva 36 anos na empresa salvo os oito nos que solicitou excedencias para dirixir a delegación de Radio Nacional de España en Galicia. En 2019 recibiu por unanimidade do xurado un prestixioso premio de xornalismo a nivel local, pero a Radio Galega non fixo mención algunha da noticia en ningún dos seus espazos. Só dous anos antes, un compañeiro seu que obtivera un accesit do mesmo galardón obtivo unha ampla cobertura en boletíns e informativos e mesmo unha entrevista no programa de máxima audiencia da cadea.

«A traballadora está sometida a un proceso grave de acoso laboral por parte dos seus superiores, baseando estes as súas estratexias (…) no entorpecimiento de [o seu] progreso e desprestixio laboral»

En xullo de 2019, a traballadora sufriu un cadro de ansiedade que derivou nunha longa baixa médica, durante a que se decatou polos seus compañeiros de que volveran a cambiarlle o horario. O psiquiatra ao que recorreu entón referiu no seu informe diagnóstico que o seu estado era derivado dun «trastorno de ansiedade compatible con síntomas reactivos a unha problemática laboral».

A afectada instou a mediación da comisión contra o acoso da CRTVG, formada por traballadores e directivos da compañía e que, coa oposición sindical, negou a existencia de calquera infracción, sen escoitala nin examinar sequera a documentación probatoria que enviou. Tampouco se lle facilitou acceso ao expediente, e a dirección impediu que os delegados dos traballadores reflectisen as súas discrepancias coa acta das reunións e o seu voto particular en contra da decisión final de arquivar o caso.

Cando se reincorporou da súa baixa en 2020, o xefe de informativos da cadea, hoxe imputado pola súa participación nos feitos, recolocou á xornalista nunha mesa xusto fronte ao seu despacho. Ela, que lle consideraba un dos responsables da súa situación e das súas crises de ansiedade, solicitou que lle asignase outro lugar na redacción, ao que a empresa se negou reiteradamente.

Alfonso Rueda, nunha entrevista na Radio Galega

A psiquiatra do Sergas escribiu un informe no que se volvía a advertir de que os trastornos de saúde da xornalista debíanse «a estresores de ámbito laboral», e a propia médica da CRTVG remitiu outro a varios directivos no que recomendaba expresamente «o cambio da traballadora a outra localización física no seu lugar de traballo». A empresa fixo caso omiso da advertencia e mantívoa a diario cara a cara con quen ela consideraba un dos causantes do seu estado.

A traballadora acudiu entón ao director xeral, quen se desentendeu do asunto alegando que carecía de competencias para resolver o problema. Derivou o seu escrito ao director de recursos humanos, o seu subordinado, que xa se tivera abstido de intervir cando o recibira con anterioridade. Así, ata hoxe.

Humillacións e ninguneos

A querela relata moitas outras humillacións e ninguneos durante o últimos cinco anos, como que a traballadora sexa obrigada a entrar a traballar ás 7.30 sen que se lle asignen tarefas ata media mañá ou máis tarde; que con frecuencia non se emitan as pezas que se lle encargan; que non a convoquen a reunións nin a conviden a participar nas discusións sobre a actualidade diaria, nin a participar nas análises das noticias da xornada, e que sufra de maneira constante os desplantes verbais e os xestos despectivos dos seus superiores.

A xuíza ordena que a traballadora declare por videoconferencia acompaña dun profesional da Oficina de Atención á Vítima

A xuíza do xulgado de Instrución Número 1 de Santiago, Ana López Suevos, abriu en maio pasado dilixencias previas de carácter penal e comunicou aos oito altos cargos acusados de que os investiga polos delitos de acoso moral e vulneración de dereitos laborais da traballadora. Trátase de Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral; Xosé Pereira Fariña, director de negocio; Alejandro López Carballeira, subdirector de informativos; Tania Fernández Lombao, xefa de programas; Paula Veloso Pereira, xefa de xestión de persoal; Susana Fernández Veiguela, exdirectora de recursos humanos; Manuel Casás Macía, xefe de seguridade e saúde laboral, e Vitalina Cuña Palencia, coordinadora de persoal. Todos deberán declarar diante da xuíz e do fiscal acompañados dos seus respectivos avogados.

Victimización secundaria

A denunciante farao o próximo 28 de setembro. Para evitar a súa «victimización secundaria», a xuíza ordenou que o faga por videoconferencia e acompañada por unha psicóloga da Oficina de Atención á Vítima. Tamén instou ao Instituto de Medicina Legal de Galicia a que poña ao dispor do xulgado un equipo psicosocial que avalíe «se a querellante presenta dano psíquico compatible cos feitos denunciados».

Non é a primeira vez que a CRTVG se enfronta a procedementos xudiciais por acoso laboral e vulneración de dereitos laborais e fundamentais dos seus empregados, con sentenzas condenatorias por represaliar e vulnerar os dereitos fundamentais de profesionais críticos coa manipulación informativa xestión do equipo de Sánchez Izquierdo.

Protesta dos “venres negros”, nunha imaxe de arquivo

De feito os casos sucédense de maneira recorrente desde que Sánchez Izquierdo foi nomeado hai 15 anos á fronte dos medios públicos por Alberto Núñez Feijóo. O vindeiro martes está previsto que se celebren outros tres xuízos consecutivos no mesmo un xulgado do Social da capital galega polas denuncias doutros tantos traballadores, qune tamén recorreron aos tribunais para defenderse das violacións de dereitos das que acusan á dirección.

Esta vén reiteradamente sendo censurada polo comité de empresa, os sindicatos e a oposición no Parlamento de Galicia, que criticou ademais a emisión de contidos sexistas e a banalización dos comportamentos de acoso na programación da televisión pública.

Sen resposta da dirección da CRTVG

Luzes-Público dirixiuse á CRTVG para obter unha valoración da empresa pública e interesarse por se prevé adoptar medidas para resolver a situación da traballadora ou contra os directivos imputados, pero ao peche deste artigo non obtivera resposta.

Este venres cúmprense 266 venres negros, as xornadas de protesta que convoca a plataforma Defende a Galega, mediante a que os traballadores reivindican desde hai máis de cinco anos o fin da manipulación informativa e das represalias contra quen se nega a asumila, así como a creación dun consello independente de informativos e que se cumpra a lei aprobada polo PP en 2011 que establece que o cargo que ocupa Sánchez Izquierdo sexa elixido por maioría de dous terzos no Parlamento de Galicia.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail