A Deputación de Ourense paga 1.200 euros por outra multa de Baltar tras negarse a identificarlo como infractor

A Coruña.- O PSOE denunciou este xoves que a Deputación de Ourense pagou con fondos públicos outra multa de tráfico por unha infracción de velocidade do seu expresidente e senador polo PP, Manuel Baltar, ao negarse a identificalo como condutor do vehículo oficial a bordo do cal a cometeu.

A sanción elévase a 1.200 euros, o triplo da súa contía inicial, e foi abonada por orde do actual presidente da Deputación, Luis Menor, que tamén preside o PP provincial. Menor ordenouno mediante unha resolución de pago executada o pasado 30 de novembro coa firma delegada da deputada responsable de Facenda, Marta Nóvoa, alcaldesa de San Cibrao das Viñas polo PP.

A infracción circular a 173 km/h nun tramo limitado a 120 na autovía A52 cometeuse o domingo 23 de abril de 2023 ás 17.44 horas á altura da localidade ourensá de Allariz. É dicir o mesmo día e na mesma vía na que Baltar foi cazado ás 18.33, menos dunha hora despois, conducindo a 215 km/h e, neste caso si, identificado in situ polos axentes da Dirección Xeral de Tráfico xa na provincia de Zamora.

Por esta última sanción, Baltar foi procesado por un delito contra a seguridade viaria polo Tribunal Supremo, que reclamou ao Senado que lle levante a inmunidade para poder xulgalo. A Cámara Alta tramita na actualidade o suplicatorio para desaforar ao procesado. e a votación do dictame favorable a facelo votarase no pleno do próximo martes.

«Vergoñoso»

O senador socialista pola provincia Rafael Rodríguez Villarino cualificou o pago da multa de «vergoñoso» e acusou a Luis Menor de actuar coas mesmas formas do seu predecesor, de amparar e encubrir as súas irregularidades e de permitir que o parque móbil da Deputación siga nun estado «de desorganización e caos absoluto».

O PSOE pediu á Deputación información sobre as sancións de Baltar o pasado 27 de abril, só catro días despois de que se cometeron ambas as infraccións. Os socialistas reclamaron os rexistros de saída dos coches oficiais correspondentes ao 23 dese mes, pero non recibiron resposta. O 8 de de maio solicitaron tamén as gravacións das cámaras do recinto do parque móbil, pero a Deputación mantivo o silencio.

O VW Passat de 280cv no que Baltar foi cazado a 215 km/h.

En setembro do ano pasado, cando Baltar xa renunciara ao seu cargo e fora nomeado senador por designación autonómica por decisión de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, o PSOE reiterou as súas peticións, que tampouco foron contestadas pola Deputación con Luis Menor xa na presidencia. Insistiron o pasado 13 de marzo, e esta vez o organismo provincial deulles acceso ao expediente, aínda que ocultando, segundo Villarino, boa parte do mesmo.

Segundo os socialistas, a Deputación basea a decisión de pagar cos seus recursos a multa de Baltar nun informe do xefe do parque de maquinaria asinado o 18 de novembro, no que o funcionario advirte que aínda que el non é a persoa á que correspondería facelo, recomenda que se abone a sanción porque non puido identificar o condutor do vehículo.

«Unha burla á cidadanía»

«É unha burla á cidadanía», asegura Rodríguez Villarino, quen acusa a Luis Menor de encubrir a Baltar con diñeiro público ao non facer a máis mínima investigación para constatar que el era o condutor do coche o mesmo día e na mesma estrada. De feito, o expresidente e senador asegurou que na viaxe do 23 abril de 2023, en domingo e sen que esa xornada constase acto algún na súa axenda oficial nin rexistro de saída do seu vehículo, viaxaba só e sen chofer.

Luis Menor accedeu á Deputación tras os escándalos vinculados ao parque móbil da institución e ás gravacións publicadas por Luzes-Público nas que o irmán de Baltar recoñecía que ambos recibían mordidas por adxudicacións de obras do organismo, que tamén poderían financiar ilegalmente ao PP.

O pasado 23 de febreiro, o pleno da Deputación vetou o intento de Luis Menor de modificar a relación de postos de traballo da institución para converter en xefe do parque móbil ao exchófer de Baltar e que el mantivo como o seu condutor oficial.

Segundo puido saber este diario, trátase dun funcionario adscrito ao persoal de persoal laboral que estaría a exercer irregularmente desde hai anos funcións que non lle corresponden.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail