A Coruña.- Titular: «A moda sostible necesita tecidos a base de novas fibras ecolóxicas». Subtítulo: «O lyocell é unha das apostas escollidas por moitas industrias téxtiles». Arrinca a noticia: «Facer que a moda sexa sostible pasa por empregar tamén tecidos novos».
Así enunciado, o escrito aparenta interese pola súa apelación a conceptos relacionados coa natureza, a industria limpa, o desenvolvemento respectuoso co medio, o eco, o bio e o human friendly. De feito, se figurase baixo unha cabeceira xornalística plural e fiable, calquera lector esperaría atoparse cunha información interesante cotexada con fontes independentes e diferentes versións explicativas que puidesen sustentar o que no seu inicio se afírma.
Sucede, con todo, que titular, subtítulo e texto foron publicados o mes pasado na páxina web de noticias da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), a compañía que xestiona os medios de comunicación públicos da comunidade e cuxos traballadores levan anos denunciando a manipulación aos que os someten a Xunta e o PP. Primeiro, en beneficio dos gobernos de Alberto Núñez Feijóo, e agora, o mesmo cos de Alfonso Rueda.
O lector de Luzes-Público pode comprobar nesta ligazón que o citado non é un texto xornalístico, pois non contén contraste ou visión de fonte algunha que o sustente, como parece insinuar o seu encabezado. É máis ben propaganda, que coincide cos intereses de Altri, a multinacional papeleira portuguesa que pretende levantar un macrocomplexo industrial de enorme potencial contaminante para fabricar pasta de celulosa na localidade lucense de Palas de Rei. Altri di que se dedicará a fabricar fibras téxtiles, aínda que o certo é que a maior parte da súa produción será celulosa base convencional.
Liña editorial
Desde hai meses, a empresa trata de facer pasar por ecolóxico o seu proxecto, que a Xunta declarou de interese estratéxico para a comunidade. E a TVG adaptou a súa liña editorial sobre o tema aos argumentos da firma lusa, ocultando ademais a contestación social e política que levantaron os seus plans en Galicia.
Na web de noticias da CRTVG, nutrida en boa medida coas que enchen os seus informativos de máis audiencia, hai decenas de noticias en positivo que parecen sacadas da campaña de greenwashing da multinacional papeleira: «Greenfiber [a marca da empresa en Galicia] lanza unha web da fábrica de Altri na que nega ser unha celulosa para papel»; «Altri di que a súa planta de fibras téxtiles en Palas de Rei terá ‘estándares por encima da lexislación ambiental’ en Galicia»; «O alcalde de Palas non dubida que Altri cumprirá coas máximas garantías ambientais»…
Colectivos científicos e de investigadoras, ecoloxistas, veciñais, de mariscadoras, pescadores, agricultores e gandeiras, alertaron de que, segundo o informe de impacto ambiental, a fábrica emitirá partículas e gases tóxicos á atmosfera; extraerá 46 millóns de litros de auga diarios dun dos ríos máis importantes de Galicia, ao que só devolverá 30 millóns de litros depurados pero aínda contaminados; e devorará cada ano 1,2 millóns de toneladas de eucaliptos.
De todo iso non aparece nada na web da CRTVG, que apenas deu noticias nos últimos meses relacionadas coa versión de quen rexeita a planta. Estes aparecen como oposición revolta e minoritaria, malencarada e suxeita a motivacións políticas: «Andaina entre Palas de Rei e Santiso contra o proxecto de Altri»; «Suspendidas as charlas da pasteira portuguesa Altri na Ulloa»; «A empresa denuncia a ‘actitude agresiva’ dalgúns colectivos»…
Reunión de afectadas
O exemplo máis recente de manipulación co asunto da celulosa sucedeu o pasado martes, cando a TVG negouse a cubrir a reunión que unha vintena de representantes deses colectivos mantiveron en Bruxelas cos responsables da Comisión Europea que deberán avaliar se o proxecto pódese financiar ou non con fondos europeos.
A TVG censurou a reunión dos colectivos que se opoñen á celulosa con responsables da Comisión Europea
A viaxe estaba organizada pola eurodeputada e vicepresidenta da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo Ana Miranda, do BNG, que trasladara unha semana antes á dirección de informativos a axenda da visita convidando cortésmente á TVG, por Whatsapp e por email, a informar sobre o evento.
A dirección da cadea pública, con todo, non o fixo. Enviou ao seu correspondente en Bruxelas á sede da Comisión Europea onde se celebraba a reunión sobre Altri o mesmo día e á mesma hora, pero non para informar sobre ela, senón para conectar en directo e facer unha previa sobre o Consello de Ministros de Defensa da UE que ía celebrarse catro horas despois.
Cando advertiron que a televisión pública estaba alí sen facerlles caso, os invitados do BNG e a propia Miranda despregaron unha pancarta, situáronse en pleno directo do informativo de mediodía no plano da cámara da TVG e corearon «Altri, non!» varias veces. O presentador do Telexornal mediodía non dixo nada sobre o incidente, pero pouco despois, a secretaria xeral do PP de Galicia, Paula Prado, acusou na súa conta de X a quen protestaba por «boicotear» a conexión «amedrentando verbalmente a un xornalista».
O BNG negou esa versión e asegurou que «en ningún caso ninguén se achega, diríxese ou interrompe ao xornalista», como pode observarse no corte do telexornal que Prado subíu a X. «Unha vez máis, levamos a Europa un tema crucial para o noso país e unha vez máis a CRTVG oculta esa información. Iso é manipulación ao servizo do PP», engade a formación nacionalista nun comunicado.
A televisión pública tampouco recolleu as declaracións posteriores de Miranda e das portavoces dos afectados, nas que aseguraban sentirse satisfeitas pola resposta dos representantes da Comisión, contraria aos intereses de Altri e da Xunta porque negarían recibir petición algunha de financiamento comunitario para o proxecto, e porque dubidaban de que se puidesen cumprir os prazos regulamentados.
Luzes-Público e outra media ducia de medios estatais, rexionais e locais, como eldiario.es, a Cadena SER, La Voz de Galicia, Diario de Arousa, El Progreso e Economía Digital, si cubriron esa xornada da que os responsables de informativos da CRTVG decidiron non informar os seus espectadores.
Este diario dirixiuse á dirección da compañía pública para coñecer os criterios que levaron a ocultar a información sobre a reunión en Bruxelas, pero ao peche deste artigo non recibira resposta.