Sumar e a consistencia do seu discurso

Desde hai algún tempo, Sumar semella ter problemas de consistencia no seu discurso. Logo das eleccións xerais, a «esquerda á esquerda» do PSOE insístenos en que o 23X contribuiron a frear á dereita perdendo sete escanos. Aducen o mérito de incrementar o emprego namentres medra o malestar pola carestía da vida, o descontrol dos alugueiros e a precariedade en xeral. A sospeita de distanciamento coa vida da xente vaise instalando ao seu redor.

Vai de seu que en política erros e acertos son debatíbeis. O que non é discutíbel é que, unha vez recolocado á esquerda do PSOE, o «espazo da ruptura democrática» nacido do 15M non deixou de perder escanos. Dos 71 conseguidos en 2015 e 2016, perdéronse 28 en 2019, logo 5 máis coa repetición electoral e 7 máis aínda nas últimas eleccións xerais. A día de hoxe, o descenso prosegue nas enquisas máis recentes. A última enquisa de 40Db para El País rebaixa a porcentaxe de Sumar ata o 8,2% (e a 2,9% a de Podemos).

Non é un fenómeno illado no sistema de partidos. A progresiva diminución do espazo da ruptura democrática foi antecedido da precipitada extinción de Cs e afecta xa á caída de Vox (19 escanos menos no 23X). Ao mesmo tempo, o bipartidismo restáurase a pasos axigantados: de non reunir xuntos o 50%, PSOE e PP pasaron xa a dous de cada tres votos e aspiran xa aos catro de cada cinco nas vindeiras xerais.

Nas eleccións galegas, a consistencia discursiva de Sumar non foi a mellor: a mensaxe de campaña aseguraba que superarían o 5%, conseguirían dous escanos e formarían un tripartito con BNG e PSdeG. Aí é nada. Unha xogada mestra no maxín que, porén, pagou nos resultados a súa falta de consistencia discursiva. Sumar non só quedou fora do parlamento. Aínda foi perder máis da metade dos votos. O contraponto chegou do BNG, que incorporou á súa campaña o mellorciño do acervo discursivo da Nova Política cun éxito electoral evidente, mesmo se non gañou.

De cara ás vindeiras eleccións vascas os erros de inconsistencia persisten. Aseguran que nestas eleccións xa non hai límite do 5%, cando na Galiza non pasaron do 1,9% (caendo desde o 3,94%). Nas enquisas non saen dun prognóstico de 0-1 escanos, cando nas galegas os 2 dábanse case por seguros. Non hai tampouco acordo con Podemos, pero para os de Iglesias agora pinta mellor. Para alén de máis, Bildu ten máis opcións para chegar ao goberno do que no seu día tiña Ana Pontón.

A que se pode deber este desaxuste coa realidade? É que non o ven ou non o queren ver? De verdade acreditan ata tal punto na capacidade performativa do relato coma para pensar que calquera relato pode valer? Como é que logo de anos xa perdendo elección tras elección, non muda o discurso na procura dunha maior consistencia? Quizás non hai outra intención que a de estirar o que se poida?

En 2008, xusto antes do 15M e da crise do bipartidismo, IU só acadara dous escanos (un 3,77%). Velaí a crónica da morte anunciada se nada muda no discurso de Sumar. A estas alturas o seu sería facer unha emenda a fondo do que está a acontecer. Non semella moi sensato observar como medra a disociación entre as distintas compoñentes do discurso (relato, estética, emoción, etc.) e os resultados electorais.

Claro que o mesmo o problema é outro. Ben puidera ser que logo duns anos de anomalía movementista, Sumar non sexa xa, de facto, moito máis que unha segunda refundación do PCE. Baixo esta óptica, os persistentes «erros» de discurso non serían tales e o declive electoral explicaríase por unha convicción ideolóxica de proxecto, funcional a un tempo á restauración dos equilibrios históricos do réxime. Neste caso, aos ollos da memoria, non cabería agardar de Sumar moito máis que o seu lento esmorecer.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail