Desde hai uns meses son frecuentes nos medios de comunicación informacións apocalípticas e sensacionalistas sobre os máis de 100.000 mortos que producen as sobredoses de fentanilo nos USA. Ás veces, a cifra chega a 200.000 cadáveres. Por se alguén aínda non o sabe, o fentanilo é un opioide que potencia en máis de 50 veces os efectos da heroína. Xa hai que afondar máis nas informacións para sabermos que o fentanilo circula como adicional mesturado e adulterador coa cocaína e parece ser un «nicho» de negocio e morte que explotan os cárteles mexicanos e que, nun principio, tamén alentaron algún laboratorios farmacéuticos legais.
É certo que ha moita plascticidade morbosa nas imaxes dos afectados, a droga zombie, definindo así os xeitos de camiñar retardados (a cámara lenta) dos consumidores. Son como os figurantes ralentizados avanzando confusos e erráticos nunha película de terror.
O sensacionalismo radica, nomeadamente, en que é un fenómeno fortemente localizado en USA e ausente dos consumos prohibidos en Europa. Algo así, dou en pensar como o consumo do «crack» tan presente nos medios de comunicación nos 90, obviando o carácter puramente local do seu uso en América.
Os perigos de toda a información sensacionalista e descontextulizada é que acaba difundindo como risco global algo claramente localizado. O que se oculta tras esas explosivas noticias é que somos millóns de seres humanos os enfermos crónicos de doenzas caracterizadas por fortes dores e que a nosa calidade de vida (eu mesmo diría «felicidade» cotiá) depende do consumo pautado e regulado, vía médica, deste efectivo analxésico no mundo todo. Nunha sociedade que segue sendo restritiva e «tiñosa» na legalización da eutanasia, ancorada nun concepto xudeo-cristián da dor como sacrificio necesario sumémoslle o tabú punitivista e prohibicionista da sociedade occidental verbo das drogas. Nada que ver o uso clínico do fentanilo coas grotescas imaxes dos afroamericanos vítimas dese horror «zombie». O efecto negativo deste andazo sensacionalista está en que a nós, os enfermos crónicos, se nos acabe dificultando o acceso a esta eficaz analxesia. De feito, un certo «medo» a receitar o fentanilo comeza a prender entre facultativos.
Permítaseme unha aclaración rotunda. Os usuarios de fentanilo como analxésico accedemos a el mediante receita (nun impreso diferente ás receitas convencionais), somos anotados nun rexistro específico en cada farmacia ao igual que o profesional que estendeu a receita e co noso número de DNI. O protocolo estándar de posoloxía do fentanilo para nós son parches de diferentes cantidades de microgramos e que duran adheridos ao noso corpo durante tres días no que se supón que van liberando diariamente cantidades proporcionais. Nada que ver co mercado negro de USA e, incluso, co pernicioso formato tipo caramelo en paleta «chupa-chups» que, perniciosamente, foi utilizado polos primeiros laboratorios legais que explotaron o fentanilo como analxésico para enfermos «non crónicos» e que deron en acabar en dependentes do fármaco. Para nada. Ademais, as doses que almacenan os nosos parches equivalen a 50 veces a heroína. Son combinacións suaves e medidas que nos permiten manter a nosa actividade habitual e mesmo, segundo, as fases da graduación da dor, subir ou baixar as doses.
Para que quede ben claro, permítaseme exhibir a miña historia persoal. En 2016 sufrín un complexo accidente de tráfico que me ocasionou un politrauma (diversas fracturas) nas que vén sendo habitual que a traumatoloxía repare (a xeito de «carpintería») as fracturas dós ósos, pero, en moitos casos, en fracturas moi complexas, non conseguindo que reconecte o sistema nervioso periférico e ocasionando unha neuropatía sensitiva crónica e severa que require esa analxesia con fentanilo. Dores que anteriormente, eran tratadas con morfina que, ademais, nos enfermos non crónicos derivaban en viciosas dependencias, unha vez extinguidas a causa da dor temporal e sempre con negativos efectos secundarios. Direi, finalmente, que en máis de sete anos de usuario do opioide teño aumentado e reducido as doses sen maiores problemas.
Síntome obrigado a contar e manifestar isto, porque boto moi en falta, que nesas frecuentes reportaxes sobre o mercado negro do fentanilo en USA se obvia este emprego beneficioso do fentanilo. Mesmo esta publicación, Luzes, publicou unha rigorosa información asinada por Víctor Méndez, irreprochable no xornalístico (no referido ás adulteracións con fentanilo en USA), pero que, como vén ocorrendo de xeito cotiá, evitaba estoutras bondades clínicas do fentanilo. Ás veces, simplemente a xustaposición dos contrastes dun mesmo fenómeno completa o mellor pensamento e coñecemento crítico
Non pretendo que a medicina legal en Europa asuma o pensamento fondamente permisivo cos estupefacientes dun Antonio Escohotado, pero si que, desde a práctica xornalística responsable, non se esqueza estoutras bondades e usos positivos do fentanilo. Non vaia ser que o supersticioso tabú reinante fronte a «ebriedade» (Escohotado dixit) sirva para armar unha «inquisición» contra a extinción da dor e anule esta práctica eficiente, solidaria e compasiva cos enfermos crónicos por un mundo mellor.