A revolución foi revolucionaria

Faite coa nova Luzes 127, especial 50 anos da Revolución dos Caraveis, aquí.

 

O termo «revolución» aparece moitas veces asociado a episodios que, na realidade, son desprazamentos na ocupación do poder. Adoita ser un reclamo retórico na incesante factoría de relampos da sociedade do espectáculo xornalístico ¶ Mais, cando se produce unha revolución, non hai dúbida do que é unha revolución ¶ Que o canón dos fusís militares deixen de ser vistos como ameaza pola xente para se converteren en púcaros de caraveis, iso é unha revolución ¶ Que un capitán a peito descuberto, no alto dun carro e no centro dunha praza, obteña coa arma dun megáfono a rendición dun ditador e da súa temíbel garda presidencial, iso é unha revolución ¶ Que un torturador da policía política sexa fotografado na rúa co cu ao aire mentres a xente o desarma e ri, sen máis violencia que baixarlle os pantalóns, iso é unha revolución ¶ Por que falamos do 25 de Abril medio século despois? Se só fose un episodio nas mudas do poder, hoxe sería un apuntamento na sección de efeméride. Mais é materia de conversa, de reflexión crítica, e non só no local portugués senón en todo a xente que mundo adiante sinta a «saudade do porvir» neste tempo de descivilización e «modernización» regresiva. ¶ Somos o que lembramos e somos o que esquecemos ¶ Alén das emocións persoais, non hai esaxero nin inxenuidade ¶ Os caraveis no fusís, o capitán Salgueiro Maia coa arma decisiva do megáfono na praza do Carmo de Lisboa, o torturador co cu ao aire, esas e miles máis, son imaxes certas do acontecer do 25 de Abril. Mais o que reflicten é unha transfiguración profunda. Da xente, do tempo e do espazo ¶ Caeu unha ditadura e caeu un imperio. E iso é moito caer. Como apuntou Edward Said, un imperio é un sistema de dominación que implica moito máis que canóns e soldados. É unha expropiación de bens e de almas. O 25 de Abril de 1974 o imperio portugués estendíase aínda a Cabo Verde, Såo Tomé e Príncipe, Guinea Bissau, Angola, Moçambique, Timor e Macao. Con guerras camiño da eternizarse ¶ Como non ía ser unha revolución? Cambiou o sentido da ollada. Tamén Portugal, a metrópole, puido descolonizarse de si mesma ¶

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail