A tele pública de Galicia acumula 18 condenas nun ano por vulneración de dereitos e despedimentos improcedentes

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia obrigou aos medios dependentes da Xunta a abonar preto de medio millón de euros en indemnizacións e costas xudiciais por sentenzas en contra durante os últimos doce meses de Feijóo

A Coruña.- O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) promulgou desde finais de maio de 2021 ata hoxe un total de dezaoito condenas contra a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), a empresa pública a través da que a Xunta xestiona os medios de titularidade pública do país, por vulneración de dereitos fundamentais, despedimentos improcedentes e contratación irregular de traballadores.

Eses fallos representan unha cuantiosa cantidade de diñeiro público en forma de salarios atrasados, indemnizacións por despedimento e danos morais, aos que se suman as custas procesuais que o tribunal, a máxima instancia xurídica en Galicia, cargou á corporación que dirixe Alfonso Sánchez Izquierdo desde que Alberto Núñez Feijóo o nomeou en maio de 2009, poucas semanas despois de acceder á presidencia da Xunta.

Cando foi designado, Sánchez Izquierdo asegurou que o seu mandato sería unha etapa «de transición», pero mantívose no cargo durante trece anos a pesar dos centenares de fallos xudiciais –si, centenares– que a CRTVG recibiu en contra durante os mandatos de Feijóo por manipular os informativos en beneficio do PP, por despedir ilegalmente a traballadores, por perseguir a xornalistas non afíns, por impedir a conciliación de nais traballadoras e por rebentar folgas con servizos mínimos abusivos, entre outras prácticas executadas na Televisión de Galicia (TVG) e na Radio Galega (RG).

Desde finais de maio do 2021 o TSXG condenou en catorce ocasións a CRTVG e obrigouna a facer indefinidos a traballadores contratados irregularmente ou a través de empresas produtoras intermediarias, ou a indemnizalos por despedimento improcedente. Nalgúns casos, por deixalos na rúa sen sequera informalos antes mediante o aviso previo legal preceptivo. Hai exemplos en numerosas categorías do persoal: maquilladoras, xornalistas, presentadores e locutores de radio, reporteiras gráficas, operadores de cámara, auxiliares de programas de lecer, persoal de alta dirección…

A suma de indemnizacións por despedimento e salarios atrasados alcanza os 456.364,04 euros, aos que hai que sumar outros 12.500 euros en indemnizacións por danos morais de traballadores perseguidos e polo menos outros 6.712 euros en honorarios dos avogados e avogadas dos que demandaron á compañía, e cuxas reclamacións foron amparadas nos últimos doce meses polas sentenzas do TSXG. En total son máis de 475.000 euros, aos que hai que sumar os gastos derivados das custas procesuais que os xuíces reclamaron á CRTVG, que se financia con diñeiro público.

A CRTVG non facilitou a Luzes-Público o importe que tivo que sufragar por vulnerar dereitos constitucionais e laborais e remitiuse á presentación das contas do ente que Sánchez Izquierdo fará nas próximas datas no Parlamento de Galicia. Tampouco quixo valorar o cúmulo de sentenzas condenatorias e remitiu a este medio ao departamento de comunicación da Xunta para obtelas. Segundo fontes dos traballadores consultadas por Luzes-Público, a compañía acumula máis de 130 resolucións xudiciais en contra entre o 2009 e o 2012, e máis de duascentas entre o 2012 e o 2022.

O último fallo, datado o pasado 26 de maio, deu a razón a Carlos Jiménez, un xornalista e locutor da Radio Galega a quen a cadea expedientou e sancionou con nove días de suspensión de emprego e soldo por significarse nas redes sociais a favor do movemento Defende a Galega, que organiza os «venres negros», as xornadas de protesta dos profesionais da TVG e a RG contra a manipulación informativa a favor do PP.

Alfonso Sánchez Izquierdo comparecendo nunha sesión da Comisión de Control da Compañía da CRTVG no Parlamento de Galicia.

O TSXG validou integramente a sentenza do xulgado do Social número 1 de Santiago que considerou que Jiménez fora sometido a unha verdadeira persecución ideolóxica, tanto pola súa significación nas denuncias contra a manipulación informativa como pola defensa dos seus dereitos laborais. «Debo ter o récord Guinness de sentenzas a favor», asegura o xornalista, que xa acumula dezasete sentenzas a favor e nin unha soa en contra nas súas demandas contra a CRTVG. A empresa non quixo valorar a sentenza.

Unhas semanas antes do último fallo que por enésima vez deu a razón a Jiménez, o 22 de abril deste ano, a sala do social do TSXG condenou a CRTVG para abonar 173.303,95 euros ao seu director de Enxeñería de Telecomunicacións, a quen despediu despois de 35 anos na casa a poucos meses da súa xubilación.

O Tribunal considerou que o empregado, a pesar de ser designado a dedo para o posto, é dicir, sen concurso nin oposición algunha, non debía ser considerado como persoal de alta dirección, senón como un mando intermedio cuxa relación laboral coa empresa debe rexerse polo Estatuto dos Traballadores, e non polas normas que regulan o persoal de alta administración da función púbica.

A sentenza, segundo os traballadores, pon de manifesto o «caos organizativo e laboral» existente na CRTVG, en palabras de Santiago Alvite, presidente do comité intercentros da empresa pola Confederación Intersindical Galega (CIG).

«A resolución xudicial pon en cuestión a libre designación como persoal de alta dirección doutras 31 persoas que na actualidade conforman o groso da estrutura directiva do ente público, podendo carrexarlle a este graves consecuencias, tanto económicas polos cesamentos que no futuro puideran producirse, como de inseguridade xurídica no desempeño das funcións de organización e mando na prestación do servizo público de comunicación audiovisual», asegura o comité intercentros nunha nota de prensa.

Sánchez Izquierdo asegurou este martes na comisión de control da CRTVG no Parlamento de Galicia que «normalmente» as sentenzas do TSXG son «moi favorables» á CRTVG. Pero a afirmación non se corresponde coa realidade.

O pasado 7 de abril, o TSXG considerou improcedente o despedimento dunha auxiliar de informativos que asinara 183 contratos temporais en quince anos. O mesmo día, o tribunal obrigou a CRTVG para considerar fixo a un operador de vídeo que traballou na casa entre o 2012 e o 2016 mediante outros 52 contratos temporais. O 2 de marzo, o tribunal deu a razón a unha redactora á que a compañía de Sánchez Izquierdo vulnerara os seus dereitos ao negarlle a posibilidade de ter un horario laboral de 9.45 h a 17.15 h para concilialo coas horas de entrada e saída das súas fillas menores do colexio.

O 14 de febreiro deste ano, os xuíces obrigaron a CRTVG a readmitir ou a indemnizar a unha auxiliar de redacción a quen despedira despois de obrigala a asinar 150 contratos en doce anos. Poucos días antes, o 28 de xaneiro, o TSXG declarou indefinida no persoal da compañía a unha compañeira maquilladora contratada por unha empresa de traballo temporal.

As sentenzas contra as prácticas ilegais da compañía sumaron e seguiron en 2021. O 3 de novembro declarouse ilegal o despedimento dunha autónoma que participaba en programas de lecer. O 20 de outubro, o TSXG declarou improcedente o despedimento dunha reporteira gráfica con corenta contratos temporais en cinco anos. Foi o mesmo día que os xuíces declararon que o servizos mínimos decretados na folga do 8M polo entón vicepresidente e hoxe presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foran abusivos e destinados unicamente a minimizar o impacto deses paros.

Mes e medio antes, o 9 de setembro, declararon indefinido a un operador de vídeo que levaba desde o 2004 con contratos temporais. En xullo, fixeron o mesmo con outro operador de son que levaba na empresa desde 2000. E en xuño, cunha redactora con dezaseis anos de antigüidade, cunha grafista á que se lle fixeron 157 contratos entre xullo de 2012 e xaneiro de 2020 e cun cámara con máis de 440 contratos coa CRTVG e con empresas intermediarias desta entre 1999 e 2020. Máis de 440. A maioría por días e moitos deles solapados.

O 3 de xuño de 2021, hai pouco menos dun ano, o TSXG obrigou a CRTVG a readmitir ou a indemnizar con máis de 73.000 euros a unha xornalista á que tamén obrigou a asinar decenas de contratos para «execución de actividades artísticas» temporais cando en realidade traballaba habitualmente en programas informativos. Pouco antes, o 13 de maio de 2021, a compañía perdeu outro xuízo no TSXG exposto por un traballador que foi despedido por «represalia» (sic) dos seus superiores, e a quen tivo que readmitir e indemnizar con máis de 6.000 euros.

En todas as súas comparecencias na a comisión de control da CRTVG, Sánchez Izquierdo negou represalias contra xornalistas independentes ou traballadores díscolos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail