Condenan a Radio Galega por violar os dereitos dun locutor que criticou a manipulación na CRTVG

O TSXG considera que a sanción que lle impuxo foi unha represalia pola súa participación significada nos «venres negros» de Defende a Galega

A Coruña.- O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) por vulnerar os dereitos constitucionais dun locutor da Radio Galega que se significou na loita dos traballadores dos medios públicos contra a manipulación á que son sometidos polos gobernos do PP durante os mandatos de Alberto Núñez Feijóo.

O TSXG confirma así unha sentenza do xulgado do Social número 1 de Santiago, que estimou a demanda do traballador tras ser sancionado con nove días de suspensión de emprego e soldo por, segundo a empresa, vulnerar o código de incompatibilidades da casa.

En realidade, segundo os xuíces, o xornalista foi sancionado por ter «unha participación moi activa nas redes sociais na mobilización denominada venres negros», que se iniciou o 25 de maio de 2018 e que, como lembran as dúas sentenzas, «tiña por obxecto a denuncia por parte de diversos traballadores da entidade demandada da despregadura por parte da dirección da mesma de políticas de manipulación informativa».

O traballador foi sancionado o 6 de novembro do 2018, seis meses despois do inicio das mobilizacións e cando empezaban a alcanzar unha notoria relevancia social. A empresa terá que devolverlle os salarios que deixou de percibir e indemnizalo por danos morais.

A CRTVG acusouno de participar como locutor nun programa que o propio ente público comprara a unha produtora externa, e a pesar de que lle recoñecera hacía anos a compatibilidade para poder desenvolver o seu traballo noutros medios.

Feijóo e Sánchez Izquierdo, nunha imaxe de arquivo / Foto: TVG.

O TSXG afirma na súa sentenza, de data 26 de maio pero dada a coñecer onte, que comparte «plenamente» os argumentos da xuíza do Social. Entre eles, que todas as probas do caso indican que a sanción foi «unha resposta da entidade demandada á actuación legal e xornalística» en defensa dos seus dereitos laborais e cívicos.

Luzes-Público preguntou á CRTVG se prevé adoptar algunha medida contra os directivos que perseguiron e sancionaron o traballador por exercer libremente o seu dereito a defender a independencia dos medios públicos, pero ao peche deste artigo só obtivo como resposta un sucinto «a CRTVG está a estudar a sentenza».

A CRTVG está dirixida por Alfonso Sánchez Izquierdo, un dos principais apoios no ascenso de Feijóo e parte do círculo de afíns de quen se rodeou nos seus anos de goberno.

A xustiza condenou reiteradamente a Xunta por vulnerar os dereitos fundamentais dos seus traballadores, e especialmente das súas traballadoras. Cando o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, era vicepresidente e conselleiro de Administración Pública, o TSXG fallou en varias ocasións que os servizos mínimos que impuxo na CRTVG por folgas como as do 8M eran ilegais e abusivos e estaban destinados unicamente a rebentar os paros e minimizar o seu impacto na televisión e na radio públicas.

Tamén foi advertida en varias ocasións polas xuntas electorais por facer un uso partidista deses medios, e criticada por apartar e perseguir a xornalistas significados na defensa da liberdade informativa e noutras causas e colectivos sociais.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail