A Panadaría: «Cando comezamos con ‘Elisa e Marcela’ a sociedade estaba nun punto e fomos atrás»

Curtis.- Quedo con Areta Bolado (O Porriño, 1985), Noelia Castro (Bellinzona, 1988) e Ailén Kendelman (Buenos Aires, 1989) ao remate da representación de As que limpan que fixeron para o alumnado do IES de Curtis. Chegan abafadas, pero co sorriso na cara. Elas son a alma de A Panadaría, a compañía teatral que fundaron hai unha década en Vigo, onde non só interpretan, senón que escriben, compoñen, deseñan e, en fin, todo o que un espectáculo necesita. A escusa para vernos é a xira de despedida de Elisa e Marcela, a súa multipremiada produción que pechou as portas no 2023, pero a conversa lévanos por moitos outros camiños.

Como vos coñecestes e como naceu A Panadaría? ARETA. Noelia mais eu coñecémonos na Escola de Arte Dramática de Vigo. Cando rematabamos entraba Ailén e fixemos con ela e con máis xente unha lectura dramatizada na Mostra Internacional de Ribadavia. Foi así como comezamos a quedar e a intentar facer unha peza de microteatro, alá polo 2012. NOELIA. Desa micropeza é de onde xurdiu o noso primeiro espectáculo, Pan! Pan!, coa que gañamos o Xuventude Crea.

Que supuxo para vós gañar ese premio? AILÉN. Pois todo, porque non contabamos con recursos económicos e o Xuventude Crea ten dotación económica. Foi o impulso inicial para facer todo o que viría despois. AR. Para poder darnos de alta! AI. E para formular ser unha compañía de teatro profesional, que quizais ao comezo non era algo buscado. AR. Claro, ao principio faciamos as funcións en bares, en asociacións… Nós mesmas eramos unha asociación e logo foi cando puidemos dar o paso á profesionalización. O impulso económico foi moi importante. NO. E tamén o impulso creativo.

«Hai países que apoian moito máis as artistas para os períodos de investigación, neses momentos nos que non hai traballo»
(Areta Bolado)

Pero a dotación dese premio son tres mil euros, tampouco é tanto. AR. Pero non tiñamos nada! AI. Dáche un colchonciño. Obviamente hai que poñer máis, de feito estivemos moito tempo facendo funcións e todo o diñeiro que gañabamos era un investimento para podermos ser profesionais.

Conseguistes vivir disto? NO. Agora mesmo si, pero non levamos tanto. Desde Elisa e Marcela. Seis anos. De catro espectáculos, dous sen vivir disto e dous que si.

É sinxelo emprender en España? E máis no eido cultural. TODAS. Non! AR. Creo que non estamos nun Estado que valore moito a cultura. Hai outros países que apoian moito máis as artistas para que teñan períodos de investigación, ou xusto neses momentos nos que non lles sae traballo, porque esta é unha profesión con altos e baixos, de intres con moitísimo choio e igual outros de… NO. De nada, incluso. AI. Hai moito descoñecemento de como son estas profesións, así a nivel xeral, na sociedade. Moitas veces a xente cando lle dis que es actriz preguntan en que película ou serie saes. Hai máis opcións na cultura e é unha profesión complexa, ten as súas particularidades con respecto a outras empresas.

Credes que despois da pandemia, cando se reivindicou tanto a cultura nos meses de encerro, cambiou algo? AR. É que iso para min foi un temazo. Entendín nun primeiro momento que os artistas ofrecesen o seu traballo gratis, pero logo xa deixei de facelo, entón non sei. AI. A cultura viuse que era algo importante para as nosas vidas, pero non sei se ao rematar houbo unha reflexión. NO. De feito, o que nos din a maioría dos teatros é que as espectadoras baixaron despois da pandemia. AR. Eu non son moi optimista con isto de que iamos saír mellores.

Xa que falamos do difícil que é vivir da cultura. que dixo a vosa familia cando lles contastes que queriades ser actrices? Non vos soltaron o de «mellor aproba unha oposición»? AR. Eu estaba facendo Maxisterio, entón si que querían que fixese a oposición. Rematei a carreira e ese mesmo día o meu pai esvaeceuse, un home que mide case dous metros, porque eu non quería acabala, quería comezar canto antes Arte Dramático, así que de primeiras non lles gustou, pero agora ben. NO. A miña apoioume. Fun máis eu que ao rematar a escola pensei que era complicado vivir disto e púxenme a estudar Deseño Gráfico, algo que agora aproveito para facer diferentes recursos en A Panadaría. AI. Eu veño dunha familia onde miña nai é profesora de música, polo que sempre estiven moi vinculada tanto á música como ao teatro. Máis co primeiro, pero creo que non a sorprendeu que quixese ser actriz.

Entrando xa no espectáculo Elisa e Marcela, do que acabades de rematar este 2023 coa xira de despedida. como soubestes da súa historia? AR. Chegamos a elas porque estamos vinculadas a asociacións lgtbi e xa coñeciamos a historia, aínda que afondamos nela a través do libro de Narciso de Gabriel [falan de Elisa e Marcela. Alén dos homes (Nigratrea, 2008)]. Ademais, o colectivo Milhomes da Coruña fixera unha exposición sobre elas, así que as coñeciamos a través do activismo galego.

Non houbo debate entre vós en ningún momento sobre darlle ese toque retranqueiro que ten o espectáculo? NO. Ao principio queriamos máis seriedade, pero non nos saíu [rin]. É verdade que cando investigamos sobre a historia vímoslle moitos puntos cómicos, pero pensabamos que ía saír máis dramática do que finalmente foi. Agora si que nos gusta combinar comedia e drama, poñerlle algún momento máis ácido, como no caso de As que limpan.

Como foi o proceso de saír, cun espectáculo en galego, polo resto de España? AR. Ao comezo foi difícil. Estivemos xirando só aquí en Galicia en 2017 e 2018. AI. A finais dese ano fixemos a nosa primeira actuación fóra, en Tudela, Navarra, a través da asociación LGBTI Triángulo. O de representar os espectáculos fóra foi unha sorpresa que xurdiu no Galicia Escena pro, onde estaba un distribuidor ao que lle gustou a obra e nos preguntou se nos parecía ben que nos movese por España. Foi aí onde xurdiu todo.

«Estamos nun momento en que a cousa está tan polarizada que creo que hai que traballar a empatía. Hai moita violencia no ambiente» (Areta Bolado)

É moi difícil actuar cambiando a lingua de orixe? AR. Para min o máis difícil son as cancións, para que conserven a rima, as estruturas… Aínda que se cambien as palabras, que manteñan o significado. NO. Rompemos bastante a cabeza coas traducións porque é certo que hai cousas que son moi de aquí e intentamos que fóra tamén sexan así, non traducimos de xeito literal. AR. E sempre queremos que conserven algo de galego. Por exemplo, a canción de «Hoteleiro explotador» de As que limpan cántase en galego sempre. Logo hai referencias como o cárcere de Teixeiro que se estamos no norte mantemos, pero se a representación é no sur dicimos A Lama. E se estamos fóra, chirona.

Agora toca despedida. deixaredes de representar Elisa e Marcela. Canto tempo estivestes de xira con este espectáculo? AR. Seis anos, 270 funcións máis ou menos. 

Estar tanto tempo foi debido á boa acollida que tiñades ou xa era algo planeado? AI. Foi pola boa acollida. NO. Tamén é certo que estivo a pandemia polo medio. AI. E foi o primeiro espectáculo que representamos fóra de Galicia, ampliamos moito o territorio onde actuar. Aquí podes estar un tempo, pero non creo que puidésemos estar seis anos.

Por que decidistes facer unha xira de despedida? AR. Porque as funcións xa estaban sendo cada vez máis espazadas e iso afecta ao espectáculo, perdes frescura e ritmo, entón dixemos. igual hai que ir deixando marchar a Elisa e Marcela, e decidimos organizar a xira. NO. En Pan! Pan! e Panamericana non soubemos cando foi a última función, fixémola sen ser conscientes, e iso deunos moita pena. Agora apetecíanos darlle un peche.

A última foi en Ribadavia, nunha capela. AR. Estabamos empeñadas en facer unha función de Elisa e Marcela nunha igrexa, porque elas casaron pola Igrexa, e por fin o conseguimos.

Que deixou Elisa e Marcela en vós? AR. Para min o impacto que podes ter, non de cambiar o mundo, pero si en persoas concretas, cun espectáculo. Vivimos moitos encontros con xente do colectivo que ao final da representación estaba moi emocionada, persoas que mesmo viviran a ditadura e a represión e nos daban as grazas. Non sabiamos que se podía causar tanto impacto cunha obra, que os e as espectadoras se ían sentir tan vinculados a ela. NO. Comparto o que di. Hai quen viu Elisa e Marcela dez veces, incluso! Xa non é un espectáculo só noso, senón de moitísimas persoas máis que o viviron e o desfrutaron. AI. Para min tamén foi esa sensación de que os dereitos se poden perder. Cando comezamos a xirar con Elisa e Marcela a sociedade estaba nun punto e co paso dos anos nalgunhas cousas fomos para atrás. Hai unha sensación de perda de liberdade, de violencia, de certas tensións… Pensamos que sempre imos cara adiante pero tamén podemos ir cara atrás, e eu iso non o esperaba. AR. Estamos nun momento en que a cousa está tan polarizada que creo que hai que traballar a empatía. Hai moita violencia no ambiente.

«Nunha función escolar de As que limpan ante 600 persoas comezaron a berrar cousas como ‘Limpa, puta!’, e a acender as luces dos móbiles, asubíos, máis insultos…» (Areta Bolado)

Iso lévame ao incidente que sufristes nun teatro nas Canarias. Que foi o que aconteceu? AR. Nunha función escolar de As que limpan ante 600 persoas comezaron a berrar cousas como «Limpa, puta!», e a acender as luces dos móbiles, asubíos, máis insultos… Había profesorado, pero non sabemos ben que pasou.

Rematastes a interpretación? NO. Si, fixémola ata o final. AI. Cando entramos en escena non temos momentos nos que falar entre nós sobre que facer e tampouco nos viramos nunca nunha situación así. Foi a primeira e única vez que nos pasou en dez anos.

Recibistes algunha desculpa ao rematar? AR. Non, pero publicamos en redes o que nos pasara e acadamos moita repercusión, saímos ata en medios estatais, e entón desde a organización e o concello deberon sentir a presión e conseguiuse algo que me parece útil. Crearon un protocolo desde o festival por se volve haber un incidente así e traballaron co alumnado dos institutos con actividades de mediación e reflexión sobre o acontecido, así que facelo público serviu de algo.

Como se leva ter dous espectáculos xirando á vez, Elisa e Marcela e As que limpan? AR. Tiñamos eses dous, pero tamén as dúas traducións! NO. Iso é boísimo para o cerebro! [rin]. Repasabamos o texto na furgoneta. O máis complicado son os cambios de galego para castelán, porque cando mudas de obra méteste noutra liña de acción.

Elisa e Marcela xa non volverá? É definitivo? NO. Aínda hai xente que nos di.

Pero non podedes facer algunha máis? Unha pequeniña? AR. Xa nos intentaron convencer con técnicas… sucias [rin de novo]. Pero non.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail