Ruth Matilda Anderson: a reivindicación da historia das mulleres de Galicia

A Coruña.- O testemuño gráfico da Galicia de inicios do século XX que deixou a fotógrafa estadounidense foi importantísimo para coñecermos con detalle como era a vida antes da industrialización que o cambiaría case todo. Ruth Matilda Anderson atopou unha Galicia de mulleres, interesouse pola lingua, bebeu dos textos de Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán e rescatou as galegas do esquecemento na memoria colectiva do noso país.

Ruth Matilda Anderson fotografa un mercado de olería no exterior da muralla de Lugo (1925). Foto HSA

Cando, en 1939, The Hispanic Society of America (HSA) publica o libro de Ruth Matilda Anderson Gallegan Provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña, Galicia vivía o comezo dun asolagamento cultural que había durar corenta anos. No exilio interior ou exterior, ou ben vítima dunha represión feroz na que o asasinato era práctica común, o coñecemento foi perseguido sen descanso. E así comeza o esquecemento dunha autora comprometida con Galicia. Ata os nosos días.

Ruth Matilda Anderson, fotógrafa e conservadora na filantrópica institución neoiorquina, foi unha traballadora minuciosa ata o extremo. Este alto nivel de esixencia motivou que a súa entrada en Galicia estivese precedida dunha etapa de fonda documentación e preparación. Consonte as normas establecidas por  Archer Milton Huntington, presidente e fundador da Hispanic Society of America (HSA), todas as conservadoras –el só contrataba mulleres, convencido do seu maior compromiso laboral– debían ter un fluído manexo do castelán. Mais Anderson decidiu ir máis alá e formarse tamén en galego, coa idea de poder acceder mellor á información necesaria para compoñer o seu retrato da Galicia que había visitar. As indicacións para este traballo eran claras: na HSA consideraban que, dado o avance imparable da industrialización en Occidente, o tradicional modo de vida galego pouco tardaría en verse modificado. Polo tanto, cumpría tomar nota canto antes dun estilo de vida que, de acordo con esta visión, estaría a piques de desaparecer. Porén, o golpe de Estado, a guerra e a posguerra dilataron case tres décadas esa prevista modernización.

Un grupo de mulleres turran dunha rede en Ézaro (A Coruña), o 6 de novembro de 1924. Foto HSA

Ruth Matilda Anderson aportou en Vigo o 7 de agosto de 1924, acompañada, nesa primeira expedición, polo seu pai, Alfred Theodore Anderson, tamén fotógrafo, e quen habería ser un piar para ela nos momentos de inseguridade e fatiga. Porque, aínda que traballadora decidida, as cartas que o señor Anderson enviaba á nai de Ruth Matilda, en Nebraska, falaban da incerteza que, por veces, a súa filla sentía ante o reto entre mans. Con todo, eses medos iniciais foron superados, e a viaxe de investigación proporcionou unha inmensa cantidade de material, tanto gráfico coma textual, imprescindible para a elaboración de Gallegan Provinces. Tras un breve retorno a Estados Unidos, necesario tamén para organizar toda esta documentación, no ano 1925 Ruth Matilda Anderson regresou a Galicia e, nesta segunda volta, acompañada por Frances Spalding, na que sería a derradeira das investigacións de longa estadía da HSA.

Ruth Matilda Anderson mergullouse nos arquivos das institucións galegas e entrevistouse con figuras relevantes da cultura do país que a foron orientando nos diferentes ámbitos. Deste xeito, por exemplo, coñeceu a José G. Otero Rúa, primo de Valle-Inclán, quen, entre outras moitas xestións, lle entregou, de parte de Castelao, unha acuarela que o rianxeiro enviaba a través dela para The Hispanic Society. Este estudo das fontes oficiais historiográficas galegas era complementado co traballo de campo desenvolvido no rural, onde se concentraba máis do 90 % da poboación do país nos anos trinta do século pasado. E así, combinando os rexistros escritos coas experiencias cotiás, foise compoñendo un libro excepcional arredor do campesiñado e das mulleres, protagonistas da realidade galega.

Unha muller alimenta un cucho no Corgo (Lugo), baixo a mirada doutras mulleres. Foto HSA

O seu estudo do noso país refórzase, ademais, con citas ou alusións ás que, para Anderson, eran as dúas grandes figuras literarias de Galicia: Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. A súa admiración por ambas, explícita, percíbese tamén no propio enfoque da mirada e na presenza permanente das dúas escritoras nesta obra. E, así, o libro de Ruth Matilda contén o maior número de traducións de textos rosalianos ao inglés ata o ano 1964, ofrecéndonos as primeiras versións a ese idioma deses escritos concretos. Tan só temos noticia dunha tradutora anterior: Anette B. Meakin que, en 1909, no seu libro Galicia. The Switzerland of Spain, presenta en inglés o poema «O cravo». Con todo, resulta bastante probable pensar que no seu caso non traducise directamente do galego, dado que, como ela mesma recoñece no seu libro, non coñecía a lingua.

Dúas mulleres mallan o millo en Oca (A Coruña, 1924). Foto HSA

Os fragmentos traducidos de textos de Rosalía de Castro, e tamén de Emilia Pardo Bazán, sérvenlle a Ruth Matilda neste libro para reforzar as súas apreciacións arredor de Galicia. Alí onde outras viaxeiras e outros autores describían louzás mozas alegres que con ledicia aceptaban as cargas do traballo dentro e fóra do fogar, Anderson devólvenos a crueza dunhas mulleres que, en palabras de Rosalía, «soias o máis do tempo, tendo que traballar de sol a sol, e sin axuda pra mal manterse, pra manter ós seus fillos, e quisáis ó pai valetudinario, parecen condenadas a non atoparen nunca repouso senón na tomba». Porque, como segue denunciando a poeta, «a emigración e o Rei arrebátanlles de contino o amante, o irmán, o seu home, sostén da familia de cote numerosa; e así, abandonadas, chorando o seu desamparo, pasan a amarga vida». Ruth Matilda Anderson atopa unha Galicia de mulleres. Que retrato, senón o delas, se podía trasladar? E, paradoxalmente, Anderson é unha excepción na historia galega. O seu libro é o reflexo do que acontecía na nosa Galicia pasada, é a descrición das nosas devanceiras, das mulleres que sacaron adiante o país, ás que lles debemos hoxe en día sermos a sociedade que somos, e que, ingratamente, foron expulsadas dos nosos libros de historia, quedando relegadas ás marxes, desde onde Ruth Matilda Anderson, como xa fixeran antes Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán, as converteu en protagonistas da súa obra. Pero unha obra que se esqueceu en Galicia durante case un século.

Unha mestra imparte clases nunha escola pública para nenas en Areas (Pontevedra). Foto HSA.

Sorprendíase a historiadora Gerda Lerner, aínda a finais dos anos setenta do pasado século, da ausencia case total de mulleres na memoria colectiva dos feitos pasados. Naquela altura, estaba a piques de comezar os seus estudos de doutoramento, con corenta anos cumpridos, dous fillos criados e dúas décadas da súa vida dedicadas a coidar da súa familia. En catro anos de carreira, as mulleres na historia académica que lle ensinaran reducíanse a dous ou tres nomes propios que, case como sen querer, escaparan ao control dos escribas oficiais. Nin rastro do traballo comunitario cotián que ela mesma desenvolvía. Nin mención a quen somos máis da metade da poboación total. Unha ausencia clamorosa e, porén, silenciada.

Dúas mulleres cargan equipaxe na cabeza dende O Pindo ata Cee. Foto HSA.

E este proceso milenario de ocultación ten unha consecuencia directa no noso presente e no noso futuro: déixanos orfas de referentes, de espellos onde mirarnos. E de aí a relevancia do alzamento da voz de Rosalía de Castro e de Emilia Pardo Bazán, e do eco que delas se fixo, aumentándoo con textos e imaxes, Ruth Matilda Anderson. Nas súas páxinas está, por fin, a historia das miñas referentes. Está a miña bisavoa, viúva de morto e nai de nove fillos que sacou adiante mentres ela sobrevivía comendo herba do campo. Está a miña avoa, viúva de vivo, obrigada a enloitarse e pecharse na casa durante vinte anos, mentres el volvía casar no outro lado do Atlántico. Está a miña avoa, que sempre tiña unha cunca de caldo e un feixe de palla no cuberto da casa para quen petaba na porta pedindo. Está a miña avoa, nai solteira que tivo que afastarse máis de mil quilómetros da súa bebé para conseguir cartos. E está a miña nai, nacida na corte da vaca e a quen eses cartos evitaron ir descalza de nena. E están, canda elas, todas as que pelexaron cada día da súa vida por nós.

Un grupo de palilleiras traballando nunha casa en Muxía (1924). Foto HSA.

Ruth Matilda Anderson ofrécenos un libro co que superar o silenciamento milenario das mulleres. A súa voz, que desbarata neste proceso de reivindicación a manipulación da figura de Rosalía de Castro durante demasiado tempo por parte da intelectualidade galega, álzase clara para reclamar a nosa historia en feminino. E, quizais, precisamente por esta relectura necesaria, pero contraria aos intereses canónicos do momento, non tivemos, ata hoxe, noticias dunha obra na que as mulleres galegas, e Ruth Matilda Anderson canda elas, recuperamos a nosa voz na historia.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail