«Afirmar a inviabilidade do rural é afirmar a inviabilidade do país», resume Uxío Novo, da Fundación Uxío Novoneyra (O Courel). Baixo este aforismo, enunciado no seu día por Novoneyra pai, poderiamos encadrar a iniciativa de Aldear, unha rede de asociacións sen ánimo de lucro no rural das provincias de Lugo e Ourense, iso que algunha vez se deu en chamar a Garizona galega ou na aldea, expresión máis do gusto do Xurxo Souto. No ánimo de transformar as súas aldeas e vilas, veñen de desenvolver conxuntamente importantes proxectos que transcenden o cultural e aspiran a transformar para ben a sociedade rural galega. Nos últimos meses organizaron nada menos que unha ducia de festivais.
Fotos: Alba Díaz
A singularidade da actividade desta rede vén dada polo alcance que está a ter en relación ao volume de axudas concedidas, fundamentalmente nesta fase inicial a través do Programa Territorio Cultura, ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation UE. Na súa segunda convocatoria –finais de 2022– concedeu 661.000 euros a proxectos en municipios de ata 30.000 habitantes, cunha densidade de poboación que non superase os 100 habitantes por quilómetro cadrado. Mais alén da cultura, o proxecto ten profundas implicacións sociais, dado o seu carácter multidisciplinar e a procedencia diversa da xente que o integra e traballa nel.
Na rede conviven perfís de xente que levaba xa moito tempo desenvolvendo a súa actividade no rural, como o contacontos e activista medioambiental Anxo Moure ou Afonso Torrado e a xente de Xermolos en Guitiriz –responsábel do festival de Pardiñas– con algunha outra que, a raíz da COVID e a conseguinte parálise do eido cultural, decidiu instalarse no rural. Ugía Pedreira na Mariña Lucense, Davide Salvado en Palas de Rei ou o cineasta Oliver Laxe en Navia forman parte tamén dunha rede que non deixa de sumar membros e que agora medra tamén por Ourense.
Lonxe quedan os noventa cando o desenvolvemento institucional avanzara, do Xacobeo 93 a poñernos na cabeza do audiovisual estatal e á creación de AGADIC. Fundacións de mecenado de familias ou grupos empresariais con ligazóns ao territorio (ou interese en basearse nel) seguiron o mesmo proceso de branding, ao igual cás antigas caixas de aforro e os bancos, cunha obra cultural que apoiaba determinadas artes porque consideraban que era proveitoso asocialas a unha determinada imaxe. As crises superpostas dende 2007 tiveron tamén un efecto devastador na cultura que, xaora, fíxose moito máis evidente nun rural xa castigado a moitos niveis (demográfico e socioeconómico).
«Vivimos nun país que, culturalmente, tamén é Eixo Atlántico. Pero no rural de Ourense e Lugo temos as mellores infraestruturas: leiras, hortas, palleiros, cortes, bosques… O bosque precisa crianzas e as crianzas precisan o bosque. Debaixo do cemento está a herba. Algo así proclamaban en maio do 68: debaixo do empedrado está a area da praia»
«Vivimos nun país que, culturalmente, tamén é Eixo Atlántico. Pero no rural de Ourense e Lugo temos as mellores infraestruturas: leiras, hortas, palleiros, cortes, bosques… O bosque precisa crianzas e as crianzas precisan o bosque. Debaixo do cemento está a herba. De feito, eu penso que unha sociedade que avanza tende a afastarse do cemento. Algo así proclamaban en maio do 68: debaixo do empedrado está a area da praia», explícame Anxo Moure nun café de Lugo. El instalouse en Garabelos (Chantada) no ano noventa, na casa de súa avoa que quedara cega con trinta anos e dende entón levou adiante alí innúmeros proxectos de educación ambiental. O da cegueira faime pensar en Eladio o Cego, escoiteino hai anos nas Pontes. Nacera no Seixo e perdera a vista aos vinte e un anos. Falaba da súa infancia e das parroquias e paisaxes da súa nenez, que quedaron soterradas anos despois nese gran furado ao pé da central térmica, que foi por moito tempo a maior mina a ceo aberto de toda Europa. Unha metáfora sinxela de certa cegueira que padecemos tamén como país.
Fálame do Cinema Palleiriso, o palleiro que convertiu en cinema coa axuda da súa compañeira Marta e Cristina, outra das promotoras da Rede Aldear; apañaron as butacas de vellos cinemas de Escairón e Chantada. Anxo continúa explicándose e a miña memoria flúe: lembro o día que o inauguramos cantando co meu alumnado daquel entón, da escola de Riotorto. Tamén subiramos á Casa das Árbores contar contos e cruzamos o Sil nun batuxo –a embarcación tradicional do río– logo de retirar a man toda a auga coa que ficaba asolagado. Moure afonda na cerna de Aldear: «Cristina é unha muller moi decidida, lembro que convocou no Encontro da Cultura no Rural a Oliver Laxe, Ugía Pedreira, Davide, Mikel Arístegui, Noemí de A Arca e algunha outra xente… Apareceron todos. E eu lembreime dun rapaz, Óscar Penín, de Bela Auria, que era moi bo xestor, que é o que precisan os bos proxectos… Por moitas ideas que teñamos, precisamos un bo xestor».
«Eu teño algunha experiencia en redactar proxectos. Entón saíu o de Territorio Cultura, a primeira convocatoria con este enfoque directo a proxectos no rural. Era unha oportunidade única», explícame, precisamente Óscar Penín, historiador e responsábel de Ruralisto, ao pé dunha fonte na aldea de Ouvigo, no Concello de Os Blancos (Ourense). Citeime alí con el, coa bailarina e activista Nuria Sotelo, Araceli Macías –actual presidenta de Aldear– e Tania Sánchez (ambas as dúas educadoras sociais e responsábeis canda a Paula Carrera de Outonía, cooperativa que traballa cos centros escolares da provincia). «Entón comezamos aquelas reunións longuísimas, redactando actas máis longas aínda…Imaxínate unha reunión con tanta artista! A cantidade mínima que se acepta na convocatoria é de 50.000 euros», continúa. «A Administración está obsesionada coa propaganda cultural, pero este tipo de intervencións que defendemos dende a Rede teñen un impacto moito máis real na transformación do rural», explica Nuria Sotelo.
«Puxemos en marcha catro liñas de actuación paralelas«, sinala Araceli Macías. Aldear na Escola é un programa de intervención socioeducativa nas escolas: «Nós viamos moi claro que esta perspectiva de Aldear tiña que estar moi presente na escola. E igual que podía facelo Nuria na danza, podiamos facelo nós nos centros educativos».
Tania Sánchez, outra das responsábeis de Outonía, proxecto pioneiro de sustentabilidade rural para axudar a poboación escolar, a mocidade e a xente maior do rural a través dunha serie de obradoiros que levan até as pequenas aldeas, afirma que «na rede había moita vontade de cooperar. E neste proceso hai dereitos territoriais que se están a recoñecer, por tanto a rede ten tamén un posicionamento moi político».
Aldear Campus Auga é outra das liñas de actuación, consistente en intervencións científicas en contextos nob académicos. E estas dúas liñas complétanse con Aldear Acompaña, unha oficina de promoción económica do cuarto sector e móbil e Aldear Itinerancias, un programa de eventos en zonas rurais onde se programan prácticas e espectáculos de vangarda, creados por e para zonas menos despoboadas.
Nuria Sotelo é responsábel canda a Rubén Blanco da Casa Vella, un espazo para o encontro e o coidado, a cultura, o corpo e o agro. Pon o seu foco na creación artística no eido das artes do movemento e nas súas implicacións sociais no contexto rural: «Trátase tamén de ofrecer espazos de encontro dentro do rural e a cultura ofrece outras alternativas de encontro que contribúen a unha certa transformación dos lugares».
O mapa dispoñíbel na web da rede Aldear revela a diversidade dos espazos e os proxectos. The Foundry é un espazo autoorganizado e sen ánimo de lucro para artistas, escritores, artesáns e outros creadores situado nunha aldea abandonada do norte da provincia de Lugo; Davide Salvado é o responsábel de Casa do Río, creada polo artista para a recuperación da cultura e a tradición cultural a través da música e de diversas actividades culturais. Así como espazo de experimentación coa natureza. Ademais de Xermolos e o Cinema Palleiriso cómpre citar a Casa Quindós, que busca promover ademais iniciativas dos sectores agro–gandeiro, turístico, sociocomunitario e ambiental.
Máis ao sur, dende a Fundación Uxío Novoneyra, Uxío Novo amplía o marco no que ten lugar a actividade da Rede: «é un xeito de intercambiar experiencias, de identificarse entre iguais; no noso caso, O Courel é rural, remoto e montañoso, a máis de cincuenta quilómetros de núcleos de 50.000 habitantes. Doutra banda, posuímos a nosa propia idiosincrasia, por obra e graza da lingua. As vangardas non adoitan nacer no centro do sistema«, sinala, poñendo como exemplo a actividade da Fundación Legar ou o traballo da Carqueixa, «porque oxalá tiveramos un Román Besteiro en cada punto do país».
«O que se encontra na orixe da Rede é tamén o reparto desigual dos recursos e o desexo dunha redistribución máis xusta que permita un mellor desenvolvemento das zonas máis despoboadas e, por tanto, máis desfavorecidas»
A inxente actividade da Rede nos últimos meses a través de Aldearmos, que incluíu ate 12 festivais, fala do vizoso e efervescente do seu carácter. «No Festival d’Os Eidos poden actuar grupos de referencia, por suposto. Pero, por exemplo, abriuno Marcos Roxo, un neno que é un extraordinario músico; tradición e vangarda son o fío. E estas poden estar en Berlín, no Courel ou en calquera outro punto do rural do país».
Promover accións de integración coa comunidade local, favorecer accións de incidencia política para fortalecer a cultura rural, proxectos de centro de creación, investigación e residencia artística que xeren sinerxía económica, crear procesos educativos e sensibilizadores sobre novas propostas artísticas e culturais no rural así como promover accións de integración coa comunidade local e acompañar e facilitar o asentamento de novos proxectos culturais no rural son algúns dos obxectivos asumidos pola rede. De fondo, búscase promover a fixación de poboación no rural, contando como eixos transversais da rede a ecoloxía, a igualdade de xénero, a multiculturalidade, a inclusión e Educación para a Paz, entre outros procesos que sitúen os coidados e a vida no centro.
O que arde, a película de Oliver, foi tamén outra fiestra de oportunidade», continúa Uxío, en alusión ao proxecto do cineasta en Navia, «pois espertou un grande interese no rural galego do interior e contribuíu a poñelo no foco.
O Patio da Tola, situado na aldea de Vieiros, na parroquia de Seara, espazo de recente apertura que se adica a dar concertos e organizar eventos culturais e artísticos; Sacra Experience e Sil Producciones, Eidos do Leboreiro, a Asociación Cultural Tangaraño ou A Arca da Noe, capitaneada por Noemí Vázquez, local de referencia para a música galega, taberna situada na aldea de Vilar de Santos que funciona como sala de concertos, son outros dos exemplos de recuperación de vida e actividade cultural no rural e que tamén se integran en Aldear.
Dos 14 membros cos que a Rede contaba ao comezo pasaron a 26 nos últimos meses, e aínda agardan sumar máis persoas, colectivos e proxectos. «A intención é ampliar pouco a pouco a base para ter outra lexitimidade e poder dirixirnos con certa autoridade a quen proceda para establecer diálogos que promovan axudas con carácter territorial e facer máis forza», explica Óscar Penín, «e foron meses de traballo de tolos… Probabelmente, a falta de permeabilidade por parte dalgunhas administracións influíse no feito de que batallásemos máis» Tania sinala que «medrar claro que é importante pero tamén manter o que temos, o feito de encontrármonos, o diálogo… iso é o importante».
Nuria Sotelo sinala que «o que se encontra na orixe da Rede é tamén o reparto desigual dos recursos e o desexo dunha redistribución máis xusta que permita un mellor desenvolvemento das zonas máis despoboadas e, por tanto, máis desfavorecidas» Doutra banda, a actual presidenta, Araceli matiza que «hai esta concepción de que temos que traer a cultura ao rural, pero é que no rural xa hai cultura. O reto demográfico é que nos apoiedes a nós, que somos quen estamos no rural! Agora hai unha confianza, estamos nunha nova fase. Estas novas relacións permítennos aspirar a máis cousas. Ao final, eu noto que se nos mira xa doutro xeito: traer cultura, traer financiamento e promover outra forma de habitar o rural. Ese é o camiño».
Chegadas a este punto, quero saber que agardan do futuro, cal é o camiño, a illa ao lonxe (do xeito en que Borges describía a cegueira). «É necesario fracasar, temos que traballar tamén na cultura do fracaso. Os auditorios están feitos co mesmo cemento dos tanatorios ou dos cárceres. Así que o poder alternativo ten que apostar por todo isto, que é outro xeito de ollar. Se vivimos nunha sociedade democrática, a cidadanía de Garabelos non é menos cá de Compostela, Lugo ou Vigo», conclúe Anxo Moure.
«É necesario fracasar, temos que traballar tamén na cultura do fracaso. Os auditorios están feitos co mesmo cemento dos tanatorios ou dos cárceres»
«Anxo ten unha mirada moi poética das cousas. E necesaria», explica Tania, quen pon o horizonte nas vindeiras reunións, «e agora temos que pensar na vindeira asemblea xeral… unha festa, unha asemblea–festa». Unha illa ao lonxe que cobra forma e vai medrando a cada vez. Talvez iso sexa tamén Aldear. Pero non a illa da cegueira, senón a dun país viábel, un lugar mellor, un país esperanzado que fuxe da cegueira. E volvo lembrarme de Eliseo, o cego d’As pontes. Escoiteille contar o traxecto que facía sen ver para visitar a súa namorada: o son dos paxaros, o roce dos valados, o murmurio do regato, o rumor da xente nas casas. E chegaba sempre onda a ela, atravesando a memoria por unha terra borrada, primeiro pola cegueira e logo polo furado.
Falaba dun paraíso que xa só existía na súa imaxinación. Un compañeiro seu contaba que unha vez andaban a rozar o millo e sorprendeunos a treboada. Marcharon co traballo a medio facer, pero ao día seguinte, o millo estaba todo rozado. Fora o Eladio. Preguntáronlle por que o fixera, de noite. O Eladio respondeulles: pra min é sempre de noite.
«A grande ferida de Galicia é a renuncia, a desaparición do rural», razoa Uxío, «porque nós somos unha grande civilización rural como os chineses ou os xaponeses. A desesperanza é a nosa ameaza, que non nos vexamos de ser quen e emigremos. Moitas veces isto asolaga o ánimo. Pero como dicía meu pai, somos dos soños teimosos. E épicos. E aínda temos moito que facer para fuxir dos soños negros».