Texto e fotos: Patricia Nieto
Con máis de 4.000 quilómetros de norte a sur, Chile é unha longa e estreita franxa de terra que percorre o sur do continente americano. A súa xeografía, coñecida no resto do mundo grazas á poesía de Gabriela Mistral e Pablo Neruda, é tan particular como a súa historia política recente. Este país xa deixou de lado a que se propuxera como a «solución política» a unha masiva onda de protestas pola igualdade que comezou en 2019 e que sacudiu as 16 rexións do país, dende a Antártida, ao sur, ata o deserto de Atacama (o máis seco do mundo), ao norte. Un intento de cambio constituínte que comezou a concretarse a finais de 2019, cando, contra todo prognóstico, os principais partidos chilenos selaron un pacto histórico para soterrar a lei fundamental vixente. Chamábase o Acordo pola Paz e a Nova Constitución, e de todas as formacións políticas (máis de quince), só o Partido Comunista e o Partido Republicano, que nacía naquel momento, se opuxeron ao pacto. Elaborar unha nova lei fundamental parecía unha solución plausible para aplacar as manifestacións que axitaban o país, as máis graves dende a volta á democracia en 1990. Máis de 1,2 millóns de persoas (nun país de 19 millóns de habitantes) saíron a marchar polo centro de Santiago para protestar contra a privatización dos servizos básicos e por mellores pensións, sanidade e educación. As protestas deixaron ao redor de trinta mortos e miles de feridos. Tamén houbo moita axitación contra as forzas de seguridade e máis de 4.600 denuncias por violacións de dereitos humanos, segundo o Instituto Público de Dereitos Humanos (INDH), ente autonómico estatal, e outras ONG internacionais como Human Rights Watch (HRW) ou Amnistía Internacional (AI). As marchas estendéronse por todo o país durante máis dun ano e persoas de todas as idades e ideoloxías saíron á rúa golpeando potas e tixolas ao son de «Chile espertou». Manifestacións semellantes replicáronse noutros países veciños como Colombia ou Perú, que vixiaban de preto o que pasaba en Chile e imitaron a súa forma de presionar os gobernos.
«O milagre chileno»
As rúas enchéronse de pancartas e panfletos que pedían unha «Nova Constitución agora». A actual foi redactada durante o réxime militar e, aínda que foi reformada ducias de veces en democracia, é, segundo os expertos, a semente do exacerbado liberalismo económico que modela o país. O sistema chileno é moi semellante ao modelo estadounidense. Estableceuse grazas aos chamados Chicago Boys, un grupo de estudantes conservadores que se formaron baixo a dirección do economista neoiorquino e premio Nobel Milton Friedman e impulsaron a privatización de servizos básicos como a educación, a sanidade, as pensións ou a auga. Grazas a este modelo, o país triplicou a súa renda per capita entre 1990 e 2015 e converteuse en líder de América Latina. Chamáronlle «o milagre chileno». Non obstante, tamén o deixou como o país máis desigual da rexión, xunto co Brasil, segundo a base de datos independente World Inequality Database (WID). «Este grao de desigualdade foi a causa das protestas chilenas. A xente vía que o país ía ben, pero non podían pagar a universidade nin sequera a atención médica sen endebedarse de por vida», explica a Luzes Javier Couso, académico da Universidade Diego Portales.
«O proxecto rexeitado incluía as demandas identitarias de moitos grupos minoritarios, pero non representaba as voces das grandes maiorías do país» (Marta Lagos)
Dúas propostas en catro anos
O primeiro intento de cambiar a Constitución comezou en 2020, cando o 80% do electorado chileno votou a favor da elaboración dunha nova Constitución. Posteriormente elixiuse unha asemblea, maioritariamente de esquerdas e integrada por un gran número de cidadáns independentes, sen filiación a partidos. Escolléronse amas de casa, ecoloxistas, profesores universitarios, avogados para redactar a nova Constitución… O resultado foi unha proposta ecoloxista, á vangarda do feminismo, considerada cos pobos indíxenas e que protexía algúns dereitos básicos como as pensións ou a saúde. Foi sometida a un plebiscito en 2022 e foi rexeitada cun 62 % dos votos en contra. Marta Lagos, fundadora de Latinobarómetro —o maior estudo de opinión pública da rexión— explica para Luzes que este proxecto incluía as demandas identitarias de moitos grupos minoritarios, pero non representaba as voces das grandes maiorías do país. «Os dereitos sociais e as grandes reivindicacións das protestas non xogaron un papel importante nesa proposta», di. Para o exdeputado constituínte e avogado Fernando Atria, o órgano era un colectivo «moi heteroxéneo» e «difícil de articular». Por un lado, o forte descontento das protestas de 2019 foi sufocado pola pandemia, explica o xurista, e, por outro, levouse a cabo unha campaña mediática que pretendía desprestixiar o traballo da convención e facer que semellase un órgano pouco serio.
Durante os meses previos ao plebiscito de saída, en setembro de 2022, difundíronse a través das redes sociais infinidade de noticias falsas sobre a nova proposta constituínte. Dende que, de aprobarse, o Estado non permitiría ter máis de dúas vivendas en propiedade, ata que os indíxenas terían máis dereitos que o resto dos cidadáns. Así o confirman varios estudos académicos, que alertaron sobre o alto nivel de desinformación sobre o proceso constituínte. Unha enquisa da Universidade Alberto Hurtado xunto con Criteria determinou que o 71 % da poboación consideraba que a campaña electoral era «sucia, con moita desinformación e mentiras sobre as opcións». Outro dato fundamental é que o Servizo Electoral (Servel) recibiu máis de 200 denuncias pola suposta difusión de noticias falsas. «Chile tivo unha oportunidade moi grande de cambio e está pagando agora e pagará no futuro as consecuencias de non ter aprobada esa proposta», agrega Atria. O gran problema de fondo, engadiu, é que o país presenta unha dobre fractura: unha vertical, que divide a esquerda da dereita e que se acentúa cada vez máis; e unha segunda, horizontal, que separa o pobo da clase política. «Mentres non se pechen estas fendas, Chile seguirá dividido», lamenta.
Segundo intento, unha Constitución máis conservadora
Mentres elaboraba esta nova lei fundamental e dende fóra o país era visto como un exemplo de progresismo dentro de América Latina, os chilenos foron chamados a elixir presidente nunhas eleccións moi polarizadas nas que acabou concorrendo para o cargo o esquerdista Gabriel Boric, antigo dirixente estudantil, e o ultradereitista católico José Antonio Kast. Foi elixido o primeiro, converteuse aos 35 anos nun dos mandatarios máis novos do mundo e volveuse unha icona millenial. Rodeouse de todo un grupo de mozos progresistas que saltaron á política tras liderar protestas universitarias na década do 2000 e converteuse no Goberno máis esquerdista de Chile dende Salvador Allende (1970-1973). Boric, firme defensor do cambio constituínte, tentou reconducir o fracaso do primeiro plebiscito e chamou a iniciar de novo a elaboración doutra carta magna, lembra Couso. A sorpresa chegou en 2023, cando a tarefa foi encomendada nunhas novas eleccións constituíntes a un consello formado na súa maioría pola dereita e a extrema dereita, con especial protagonismo do partido de Kast. O académico díxolle a Luzes que este vaivén ideolóxico explícase en boa medida polo aumento da «percepción da violencia e do crime» no país. «Boric comezou a gobernar nun momento moi delicado do país, cunha taxa de inflación moi alta debido ao contexto global da pandemia e tras un brote social e un país moi convulso», explica. «Empezamos a ver episodios de violencia que nunca antes tiveramos aquí, como sicarios, narcotráfico, roubos a plena luz do día… A xente preferiu sacrificar os novos dereitos que lles podía ofrecer unha nova Constitución máis progresista para poder manter a orde», subliña. Algo semellante ocorreu noutros países latinoamericanos, como no Salvador, onde Nayib Bukele foi elixido presidente por ese mesmo motivo, engade. Este sentimento de inseguridade produciu un ida e volta que levou ao país en menos de catro anos a, en primeiro lugar, elixir unha asemblea constituínte de esquerdas; despois, votar por un presidente progresista; logo, rexeitar a proposta dunha nova lei fundamental e, finalmente, encomendarlle a tarefa a unha convención de extrema dereita e dereita. A diferenza do primeiro intento de cambio constituínte, neste segundo intento os partidos políticos tiveron todo o protagonismo, sobre todo os máis conservadores, mentres que a cidadanía independente e a sociedade civil non estaban representadas.
Os votantes descoñecidos e o novo fracaso
Os expertos tamén atribúen o péndulo ideolóxico chileno a un factor concreto: a entrada en vigor en 2022 do voto obrigatorio, que devolveu ás urnas a un nutrido grupo de entre 6 e 6,5 millóns de votantes que levaban anos fóra das votacións e cuxa intención era descoñecida. No plebiscito de decembro de 2023 votaron máis de 13 millóns de persoas, nun país de apenas 19 millóns. No plebiscito de 2022 houbo 12,7 millóns. Porén, nas primeiras eleccións constituíntes, en maio de 2021, acudiron a votar ao redor de 6,5 millóns de persoas e nas presidenciais que levaron a Boric á Moneda (sede do Goberno) en decembro de 2021, uns oito millóns. «O primeiro plebiscito de 2020 e as eleccións constituíntes de 2021 tiveron un grupo de electores totalmente diferente ao dos últimos comicios», engade Lagos. «Cambiáronse as regras do xogo e, sen dúbida, o voto obrigatorio foi un factor clave que favoreceu á dereita», subliña. Como resultado, a dereita gañou o dominio do consello constituínte, con máis de 30 dos 50 escanos do organismo.
Para moitos é un gran paradoxo que os máis conservadores, que estaban en contra do proceso constituínte en 2020, tivesen a oportunidade de redactar un borrador de nova Constitución ao seu antollo. O resultado foi unha proposta que xerou moita polémica e que, aínda que falaba dun «Estado social», contiña varios artigos que, segundo os expertos, perpetuaban o papel de Estado subsidiario, e afastaban así as grandes expectativas que a esquerda e o centro tiña de establecer un Estado de benestar. A proposta tamén foi vista con receo polo movemento feminista, moi poderoso en Chile, xa que contiña unha cláusula que pretendía protexer «a vida do non nacido». Esta norma puido pór en risco a actual Lei do Aborto, que foi aprobada en 2017 e que permite a interrupción voluntaria do embarazo só en tres circunstancias concretas: non viabilidade do feto, risco para a vida da nai ou violación. Tamén provocou polémica, entre outras, a cláusula de expulsión inmediata de migrantes en situación irregular, que aborda a crise que se estende polo norte dende hai un cinco anos, con centos de estranxeiros ateigados na fronteira entre Chile, Perú e Bolivia. As autoridades da dereita argumentaron que o documento era mellor que a actual carta magna porque respondía a «preocupacións actuais», como a seguridade ou a migración. En Chile, a percepción de inseguridade alcanzou o 90% en decembro de 2023, a taxa máis alta da última década, e o 21% dos fogares afirmaron ser vítimas dun delito, segundo unha enquisa do Instituto Nacional de Estatística de Chile.
A conservadora Beatriz Hevia, conselleira constitucional do Partido Republicano, afirma que a proposta «tiña a capacidade de acabar coa incerteza institucional e política» que está a vivir o país desde 2019 e engadiu que Chile atravesa unha «crise moral e social de grandes dimensións». «A falta de valores éticos provocou políticas e prácticas que favorecen a uns poucos a costa da maioría, o que amplía as fendas na sociedade, e alimenta así o descontento social», engade. Finalmente, a proposta foi rexeitada polo 56 % dos votantes que rexeitaron o texto, fronte ao 44 % que optou por aprobalo. O resultado foi un chorro de auga fría para o Partido Republicano (extrema dereita), principal protagonista na redacción do novo texto e aspirante a converterse na forza conservadora hexemónica. O resultado foi tamén unha vitoria agridoce para Boric, que lamenta rematar o seu mandato sen renovar a lei fundamental pero que celebrou o fracaso dunha Constitución aínda máis conservadora que a actual.
«Cambiáronse as regras do xogo e, sen dúbida, o voto obrigatorio foi un factor clave que favoreceu á dereita», subliña Marta Lagos, así a dereita gañou o dominio do consello constituínte
Un país sen dirección
O país queda así coa súa actual carta magna, unha lei que nunca foi ratificada democraticamente, e coa sensación de que nada cambiou realmente. Lagos diagnostica que o país ten unha «incapacidade para chegar a acordos» que provoca unha «grave parálise», unha lacra da que asegura non saber se se recuperará algún día. O único xeito que ten agora de canalizar as súas reivindicacións sociais, lembra a experta, é mediante leis e reformas constituíntes. O primeiro paso, subliña, sería reformar o sistema de pensións, unha das grandes esixencias da «explosión social» de 2019. O modelo actual, vixente desde 1981, baséase fundamentalmente na capitalización individual xestionada por empresas privadas, as Administradoras dos Fondos de Pensións (AFP). Mentres estas entidades obteñen beneficios millonarios ao investir o capital recadado dos contribuíntes, moitos chilenos quéixanse das baixas pensións que reciben ao xubilarse. O Parlamento está a discutir unha proposta de reforma da lei vixente, unha das grandes promesas electorais de Boric, aínda que non ten bo prognostico. O 24 de xaneiro do 2024 os parlamentarios derrubaron o corazón do proxecto: elevar un 6 % adicional as cotizacións á custa do empregador para destinalo a un fondo solidario que permita aumentar equitativamente as pensións. «Isto xa fala de que os partidos políticos non queren grandes cambios e non escoitan as demandas da xente», agrega Lagos. «O país atravesa unha crise de representación moi grande», dixo. Couso engade pola súa banda que o país está máis fragmentado que nunca e sen perspectivas de grandes cambios a curto ou medio prazo. «Chile sempre fora considerado un país modelo. Agora non sei cal é a súa dirección», conclúe.