A ti, putañeiro

A ti, putañeiro. Si, putañeiro. Diante da miña incapacidade para dirixirme a ti na miña lingua tiven que preguntar á RAG que tradución tiña en galego o termo castelán putero. Porque falamos tanto de prostitución e tan pouco dos individuos que a «consumen» que semella que non existen. Tanto é así que non lles poñemos nome porque, no noso día a día, son invisíbeis.

Pero si existes, putañeiro. Ti sabes que o es, aínda que o termo non che gusta un chisco. Prefires que falen de ti coma un cliente, pero ti non es cliente de nada. Tes que saber que só es o colaborador necesario dun negocio sucio, dun mercantilismo que usa o corpo das mulleres, coma se fósemos obxectos e non persoas. Coma se lles estiveses facendo un favor polo feito de manteres vivo un sector económico. Coma se a meirande parte delas non fosen escravas sexuais que só levan unha pequena parte do que gañan.

Que errado estás, putañeiro. Ti, que defendes poñerlle fin á tauromaquia por ser unha crueldade propia doutro tempo, escúdaste no argumento de que a prostitución é «o oficio máis antigo do mundo», e iso paréceche suficiente para mantelo. Porque se dura tanto, «por algo será». O mundo sería algo mellor se sentases un momento a pensar como podes ser máis coherente coas causas que defendes.

Estás tan pouco afeito a que te sinalen, putañeiro, e sénteste tan protexido pola sociedade na que vives, que interpretas que as recentes campañas que se están a erguer contra a prostitución son froito dunha panda de «feminazis amargadas». Iso é xusto o que pensas do vídeo «Hola, putero» das Towanda Rebels que fixo furor nas redes.

 

«Isto non vai de sexo, vai de poder. Ti non pagas por foder, ti pagas por violar». «Ningunha das mulleres que pagaches quería estar contigo».

«Cando ti falas de consumidores que pagan por un servizo, eu falo de putañeiros. Cando ti falas de traballadoras sexuais, eu falo de escravas, porque elas son o produto. Cando ti falas de industria sexual, eu falo de trata, de estigmatización social, de proxenetismo, de escravitude».

«Hola, putero» fala da realidade. A moitos non lles gusta o ton, a mirada desafiante de Teresa Lozano e Zúa Méndez, as cualificacións e a increpación directa. «(Putañeiro) é unha palabra fea, sábemolo. Por iso non a usamos», aclaran. O certo é que o vídeo aclara moitas cousas, pero non todos o vimos cunha vontade de escoita activa.

A moitos non putañeiros tamén lles resultou incómodo seren cualificados de cómplices, de sociedade hipócrita. Pero eses eran exactamente os ingredientes necesarios para que a campaña tivese a repercusión desexada. Elas mesmas avisan: «Esta é a campaña contra a prostitución que ninguén se decide a facer».

É certo. Somos hipócritas porque somos incapaces de vermos machismo máis alá do visible, incapaces de relacionarmos a desigualdade de xénero cotiá, aparentemente inofensiva, coa violencia de xénero e a normalización da prostitución.

Mentres se fai diñeiro coa subordinación e a humillación das mulleres, e mentres a media de idade dos putañeiros no Estado español é de 20 anos, o debate na rúa é se debemos ou non debemos legalizar a prostitución. Como di Anita Botwin en CTXT, «se as mulleres puidésemos facer co noso corpo o que quixésemos ninguén tería que estar lexislando sobre iso».

Os datos non teñen discusión, putañeiro. O que pasa é que aínda somos incapaces de chamarte polo teu nome.



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail