Vigo.-O comedor das empregadas da fábrica e conserveira Massó Hermanos de Bueu gardaba un segredo nas paredes. Era tan discreto, tan insospeitado, tan rutineiro que nin o propio autor podía saber que esas decoracións terían hoxe a consideración de obras de arte. Moito menos que eran as primeiras pinturas de quen se ía converter nun dos mellores artistas da historia de Galicia.
Algas, peixes, fondos mariños, paisaxes costeiras e embarcacións antigas artellaban a composición dos deseños que un tal Urbano Lugrís enxeñara para adornar a estancia por encargo dos empresarios Gaspar e José María Massó. As pezas eran para as traballadoras da fábrica a continuidade natural dun mundo vivo, azul e mariñeiro, dunha orixe que tecía as súas vidas e os seus camiños e que, por obra daquel mozo buscavidas, non deixaba de existir no interior dos muros da factoría. Elas, obreiras indispensables para o desenvolvemento industrial de Galicia, e tamén para o mellor momento daquel negocio, foron testemuñas dunha arte única e insólita mentres a quenda parábase diante do prato. Alí deixaban ir a ollada, a imaxinación e quen sabe se a conversa cara a aqueles motivos. Quizais xa intuían o valor do que tiñan diante, quizais non.
Lugrís chegara a Bueu en 1942 sen nada no peto e acabado de nacer o seu primeiro fillo. Finalizada a Guerra Civil, o espectáculo de monicreques que decidira montar non lle rendía un peso e estaba disposto a traballar no que fose para poder saír adiante e, con el, a súa recentemente estreada familia. Foi o seu amigo José María Castroviejo, director de El Pueblo Gallego, quen o recomendou para a fábrica dos irmáns Massó. O xornalista gardaba cos empresarios, netos do fundador da firma Massó, o catalán Salvador Massó Palau, unha estreita relación froito dunha unión familiar: a súa muller, Francisca Bolíbar, era irmá da Amalia Bolíbar, casada con Gaspar.
Os irmáns Massó facilitáronlle a Lugrís un apartamento dentro do complexo conserveiro que, tal como conta a directora do Museo Massó, Covadonga López de Prado Nistal, tamén lle cederon no seu momento ao escultor Xoán Piñeiro. «Pero Piñeiro xa viña como escultor, non como Lugrís, que nin sequera viña como un pintor que estaba comezando, senón como un decorador moi habilidoso con experiencia nos teatros de monicreques», aclara quen leva catorce anos á fronte do museo. «Os Massó encargáronlle a Lugrís a montaxe dos stands da fábrica para as feiras, e tamén, tal e como está recollido nun testemuño conservado ata hoxe, ‘que cubrira as paredes da fábrica de pintura’. Mais aínda non era considerado un artista», sinala.
Testemuño histórico
O museo, inaugurado en 1932 e aínda en funcionamento tras o peche da fábrica nos anos 90, é hoxe o testemuño histórico dos libros, as latas de conserva ou as antigüidades náuticas que atesouraban os empresarios Massó, como cartografías, trebellos, maquetas de buques e lanchas. Pero non só.
A investigación do Museo Massó vén de datar entre 1942 e 1943 o tempo que Urbano Lugrís traballou para os empresarios de Bueu, «e non no 48, como se estaba a datar ata agora», explica a directora e historiadora da arte. Encaixadas todas as pezas da historia, descubriron que as seis pinturas que decoraron durante anos o comedor das traballadoras de Massó son as primeiras obras da autoría de Lugrís rexistradas ata os nosos días. «Non foi ata 1948 cando lle encargaron o deseño da capela dos Santos Reis. Aí comezou a asinar bosquexos e a ser un artista recoñecido, mais podemos dicir que o Lugrís profesional naceu na fábrica dos irmáns Massó», afirma Covadonga López.
Naquel tempo, un anónimo Urbano Lugrís establecía a súa propia rutina en Bueu concentrando o tempo nas últimas horas do día. «Pasaba as tardes pintando na fábrica. Polas mañás durmía, porque naquela época xa era unha persoa dependente do alcohol, despois ía xantar a Casa Quintela, que estaba ao lado da factoría, logo ía dando un paseo pola rúa Príncipe e sempre se lle sumaba un rapaz de 16 anos que ía ver como pintaba», relata a directora do museo.
Lugrís chegara a Bueu en 1942, sen nada no peto, para facerse cargo da creación de stands da conserveira para as feiras
Como se pintara as lonas do teatro de monicreques co que tentara, sen éxito, gañar a vida, Lugrís debuxou, en 30 metros lineais de tea, seis escenas co mar como protagonista: unha muller cun cesto de peixes na cabeza nunha imaxe presidida por un cruceiro sobre un intenso fondo azul; un barco cun gran temón na proa a piques de penetrar entre dous arcos; o balcón dunha casa cun gran peixe no prato servido nunha mesa; o perfil de dúas embarcacións elevadas en terra firme; a paisaxe dun navío coas velas arriadas vista dende un monte; e a primeira e máis recoñecible de todas, un fondo mariño de algas vizosas e peixes que transitan arredor dos restos dun naufraxio, de catro metros de lonxitude. «Esa pintura foi a primeira que fixo e é a que máis se identifica co que logo sería o seu estilo, mentres que as outras son estilos que, tempo despois, foi deixando de lado. Lugrís pintouna entre o 42 e o 43, e nela aparecen elementos que repetiu despois nos murais da rúa Olmos da Coruña, no restaurante Fornos, que son do ano 1951», observa a directora do museo.
Covadonga López engade que naquelas primeiras obras Lugrís, o artista «non tiña un estilo nin unha linguaxe propia; e, por suposto, non as asinou porque aínda non tiña sinatura». Mais o inconveniente de que aqueles deseños non fosen considerados obras de arte durante anos, nin Urbano Lugrís artista, é moito maior que unha indefinición de linguaxe e estilo. A inexperiencia ou as baixas pretensións daquel artista coruñés que estaba a nacer na ría de Pontevedra tradúcense hoxe nun problema de preservación para o museo.
Se deseños previos
«A realidade é que Lugrís non debuxou exactamente sobre as paredes, como indica o testemuño, senón que cubriu de teas pintadas o comedor das empregadas, sen deseños previos nin un traballo preparatorio. Pintou como o facía de xeito cotiá nos teatros de monicreques, e esa técnica estaba ideada para traballos efémeros. Ao non seren pinturas pensadas para perdurar no tempo, dánnos moitos problemas de conservación. Aquelas teas nin sequera as adquiría el, facíano os Massó. No canto de mercar lenzo, mercaron algodón, que non vale para pintar porque é moi hidrostático, incha coa humidade, encolle… E isto volve evidenciar que nin o propio Lugrís sabía daquela de técnicas pictóricas», explica Covadonga López.
Na actualidade, o Museo Massó leva a cabo un exhaustivo programa de conservación e supervisión das pinturas de Urbano Lugrís de xeito constante, dirixido pola conservadora Sandra Vázquez, do centro italiano da Venaria, «un dos centros de restauración máis prestixiosos de toda Italia», destaca a directora do museo. López explica que «a conservación da obra de Lugrís é permanente porque non se empregaron os pigmentos nin o aglutinante axeitados. Hai que estar constantemente tratándoa, vixiándoa e controlándoa. E tamén polas dimensións que ten: os marcos foron cravados no bastidor, na carpintería da fábrica, e tiran del», engade.
Lugrís non debuxou sobre as paredes, senón que o fixo sobre as teas de algodón que lle proporcionaron os propios Massó, sen deseños previos nin un traballo preparatorio, polo que é unha obra difícil de identificar e conservar
As pinturas de Lugrís que alberga o Museo Massó xa foran intervidas anteriormente, por exemplo, no ano 2004, co gallo da exposición temporal Lugrís, señor dos pazos do mar, mais a directora apunta que cando accedeu á dirección do museo en 2009 reparou en que «xa non estaban moi ben». «É importante que teñamos en conta que non tiveron consideración de obra de arte ata que as pasaron ao museo. E é posible que, cando iso aconteceu, Lugrís xa non estivera vivo, porque o traslado foi nos anos 70 e el finou no 73», conta.
Se a pegada da vila mariñeira de Bueu na primeira obra coñecida de Urbano Lugrís resulta inevitable de identificar, non é menos notable a influencia que a colección dos irmáns Massó tivo non só naquel momento nun artista que non sabía que o era, senón ao longo de toda a súa traxectoria.
A directora do Museo Massó fai fincapé na relación máis concreta de Lugrís con José María e a influencia que este tivo no artista. «José María Massó foi con quen Lugrís máis se entendeu aquí, porque Gaspar estaba moi ocupado dirixindo a empresa. Era o alcalde de Bueu e gustáballe moito a temática marítima, estaba a facer un traballo de investigación sobre a historia dos barcos en Galicia que logo publicaría; tamén facía maquetas de barcos dende a prehistoria, replicando modelos de naves, e todo iso apareceu no El político de la navegación que pintou aquí Lugrís por encargo del. Aí o programa iconográfico aínda é de José María, e non de Lugrís, porque están presentes as súas maquetas de embarcacións», explica Covadonga López. Foi nese momento cando, en palabras da directora do museo, «Lugrís comezou a facerse artista en Massó, cando José María comezou a encargarlle pinturas», aclara.
Encaixadas todas as pezas da historia, no Museo descubriron que Lugrís viñera en 1942, e non en 1948. As seis pinturas que decoraron durante anos o comedor das traballadoras de Massó son as primeiras obras da súa autoría rexistradas ata os nosos días
Nos catro anos que Lugrís pasou colaborando cos Massó pintou os seus primeiros cadros con cabalete a petición dos irmáns que, entón si, «xa comezaban a consideralo un artista». Naquelas obras, segundo debulla a directora do museo, Lugrís representa pezas da colección Massó, os gravados e os libros que estaban na sala do museo no piso superior, enriba do lugar onde el pintaba. «Nunha maqueta dunha barca pode lerse Blanes, que era unha dorna que tiñan os Massó e que era, ademais, a localidade catalá de onde viñan os empresarios», destaca López, e engade que Lugrís «tamén se inspirou nos gravados do século XV e XVI dos libros incunables da biblioteca Massó, sobre todo ata a década dos 60»
A pegada dos Massó
A pegada dos Massó en Urbano Lugrís non rematou coa fin da estancia do pintor en Bueu, xa cun nome e unha sinatura propia. Os irmáns, a conserveira e o ambiente da vila marcarían a obra do artista coruñés para sempre. «Hai elementos que perduraron dende os seus primeiros traballos, dende a cor azul dominante como os fondos mariños», conta Covadonga López.
«Todas as antigüidades náuticas e todo o que no traballo de Lugrís lembra á pintura de finais da Idade Media inspirouse aquí, na colección dos Massó, nas cunchas, nas cartografías, nos barcos en botella, nas maquetas… De feito, cando Lugrís pinta barcos non está pintando un barco real, pinta maquetas. Son temas cos que vai construír a súa linguaxe artística a partir da inmersión que fai na colección e na biblioteca Massó, sobre todo ata a década dos 50. Despois, nos 60, si que aparecen elementos de cunchas que contan cunha linguaxe máis depurada, na que prescinde de todas esas antigüidades náuticas», aclara a historiadora da arte. Na actualidade, o Museo Massó ten exposta aquela primeira pintura dun fondo mariño e unha paisaxe costeira de Galicia, xunto con 17 bocetos orixinais da capela dos Santos Reis e outros obxectos, gravados e libros da colección Massó que tiveron pegada na súa obra.



As pinturas que Urbano Lugrís elaborou na fábrica dos irmáns Massó non se moveron moitos metros da súa estancia orixinal co paso dos anos. Foron trasladadas unicamente do comedor das empregadas ao museo, que fora construído a carón daquel cuarto. Un museo que foi medrando e ocupando, pouco a pouco, as estancias da fábrica antiga. «Máis ou menos, abriuse unha sala en cada década», calcula a directora, como foi o caso da planta erixida enriba do antigo edificio da conserveira. Enriba do lugar onde Lugrís pintaba. Ademais, mercouse «unha casa mariñeira anexa, que foi modificada para habilitar por aí o acceso ao museo».
«Cando Lugrís pinta barcos non está pintando un barco real, pinta maquetas. Son temas cos que vai construír a súa linguaxe artística a partir da inmersión que fai na colección e na biblioteca Massó»
Grazas ao traballo de investigación e recompilación do Museo Massó, será en 2024, no verán, co achado histórico de que foi en Bueu onde naceu o Lugrís artista, cando o pintor coruñés contará, por fin, coa súa propia sala no museo, de 200 metros cadrados.Na sala dedicada a Urbano Lugrís haberá moito máis que aquelas seis primeiras pinturas en tea de algodón. «Faremos referencia a como comezou aquí e como lle influíu toda a colección dos Massó, contando tamén con obra gráfica que tiñan os irmáns, como fotografías de libros ou dalgún stand que pintou Lugrís. Tamén estamos a identificar todas as obras e antigüidades náuticas presentes na súa obra, os gravados que lle influíron nunha ou noutra. E seguimos mercando obra súa que poida ter vinculación con ese discurso. Lugrís no Museo Massó, e viceversa», resume Covadonga López. De Massó para Lugrís e de Lugrís para Bueu, para a súa xente, para o seu mar, que é un pouco o mar de todas as pinturas.