O pasado mércores, Sánchez arrancou a campaña catalá e aínda agora hai que nen se decatou. A piques de ir para a terceira etapa do Galeusca electoral –a máis difícil de todas para Sánchez– o presidente deu un grande golpe de efecto: gañou unha semana de avantaxe, desactivou aos seus adversarios e colocou a pole position como mellor lle conviña. O político que un día iniciara a súa carreira presidencial con alcumes como «Ken», «O Guapo» e outros, criticando a súa boa imaxe como síntoma da súa febleza, amosou que en política as aparencias integran performances con efectos ben reais.
O xesto de Sánchez estes días é un exercicio metonímico moi propio dos populismos (que igual os hai de dereita que de esquerda ou de centro). A equivalencia populista lémbranos «Sánchez é o 23X». Por moito que o resto de partidos do bloque de investidura reclamen, con maior ou menor lexitimidade a súa parte no triunfo do verao pasado, o certo é que Sánchez segue sen ter adversarios que lle poidan cuestionar a centralidade. E isto ten unha explicación que a Teoría Política coñece ben desde tempos de Maquiavelo.
Conta a lenda que non foi Maquiavelo senón o Papa quen afirmou a sentencia que faría célebre ao florentino: «a fin xustifica os medios». O certo é que, fora o Papa ou non, sabemos que non foi o autor de O Príncipe quen a enunciou. O seu pensamento éche bastante máis sofisticado que o tópico que lle foi atribuído. Contra da imaxe habitual que o pinta coma un mestre do cinismo, a súa obra en conxunto (O Príncipe, si, mais tamén Discursos sobre a década primeira de Tito Livio) ben pode ser lida de xeito ben distinto coma un exercicio da ironía rebelde dos dominados.
Sexa como for, o interesante de Maquiavelo é que foi o primeiro en pensar a decisión coma materia prima da política. No seu cavilar arredor do xeito en que a decisión instanciaba a política desvelou o que ata entón viña sendo ocultado por papas e cregos. Este xiro copernicano que situou a decisión no centro xerou un efecto ben curioso: segundo a resposta á decisión, cada quen se reflectía coma nun espello. Acontecía así que se Maquiavelo explicaba como se tiña que adoptar unha decisión, o Papa vería reflectida a súa propia moralidade.
Así aconteceu hoxe coa decisión de Sánchez. Unha decisión que non se pode desligar da súa posición institucional nun Estado unitario descentralizado de executivo forte. Se na Galiza e en Euskadi, Sánchez deixou que as campañas pasaran polas canles habituais, perante as eleccións catalás sabía que non podía ser o caso (os riscos da amnistía escapan ás marxes do PSC); así que botou man da excepción.
Privilexio da súa posición nun réxime político sen federalizar, a decisión de Sánchez deixou en suspenso a actividade política durante cinco días. A campaña desapareceu practicamente da axenda mediática para reaparecer hoxe con toda a forza da decisión. E coa decisión deu comezo tamén o xogo de espellos nos que cada actor enviou unha imaxe e recibiu o seu reflexo.
Aconteceu así que os dous principais partidos independentistas, Junts e ERC, integrantes da maioría do 23X, criticaron por igual un uso irresponsable das emocións coma se o Procés non fora precisamente iso. Sumar apuntou á falta de concreción no retorno de Sánchez propoñendo unha serie de medidas que aínda non conseguiron sacar adiante estando no goberno. Podemos mimetizouse con Sumar na impotencia de estar fora do goberno. E Feijóo e Iglesias coincidiron tamén sintomaticamente en que non se pode facer o ridículo.
Excepción aquí foron PNV, Bildu e BNG, cada un ao seu xeito, mais todos deixando claro que non melloraron resultados por nada. Queda patente que do lado correcto da decisión non se reflicten as propias imaxes e se lle devolver ao decisor a confianza precisa do interlocutor que sabe cal é o momento negociador. O vindeiro 12 de Maio veremos en que queda todo. Namentres, xa podemos confiar o baño de multitudes que vai ser a campaña de Sánchez en Catalunya.