Matóns a 6.000 euros para derrubar a un alcalde do PSOE: así operaba a rede corrupta do PP de Feijóo e os Baltar (e III)

A Coruña.- O Partido Popular contratou por 6.000 euros unha cuadrilla de matóns para asegurar o éxito da moción de censura que preparou en xuño do ano 2008 xunto a un tránsfuga do PSOE contra o alcalde socialista da localidade ourensá de Calvos de Randín.

A intermediaria da operación sería presuntamente María José Caldelas, exdiputada autonómica do PP, entón parella do hoxe senador e expresidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e nora do tamén expresidente do PP provincial, da citada institución e exsenador Xosé Luis Baltar.

Así o desvela un audio ao que tivo acceso Luzes-Público no que un alto cargo da institución moi próximo á familia Baltar conversa co entón líder do PP en Calvos e exalcalde da localidade, Antonio Rodríguez Alonso, quen admite asinar un contrato para que Caldelas lle proporcionase gardacostas privados para escoltar aos asinantes da moción o día en que se ía a celebrar.

«Era a muller de José Manuel, a nora de Baltar»

A presión veciñal impediu finalmente que o pleno que ía destituír ao rexedor socialista, Aquilino Valencia, prosperase. Pero Rodríguez Alonso recoñece na conversación gravada que aínda así abonou os 6.000 euros á entón parella de Manuel Baltar, quen mesmo o chamou para reclamarllos. «Era a muller de José Manuel, a nora de Baltar», xustifica o entón responsable local do PP.

Luzes-Público dirixiuse a María José Caldelas e a Manuel Baltar para ofrecer a súa versión sobre o contido dos audios, pero ao peche deste artigo non obtivera resposta. Tamén tratou sen éxito de contactar con Antonio Rodríguez Alonso.

María José Caldelas e Manuel Baltar, nunha imaxe de arquivo / Foto: X

En canto á Deputación de Ourense, o equipo do novo presidente, Luis Menor, declinou facer comentarios. O pasado martes, tras a publicación da primeira entrega das gravacións que desvelan a rede clientelar que teceron os Baltar ao redor dela, a institución argumentou que os audios fan referencia «a supostos feitos que datan de hai 16 anos e dos que a actual Deputación non ten nin coñecemento nin relación algunha».

Esta é a conversación coa súa transcrición adxunta na que o portavoz popular en Calvos, unha localidade de 700 habitantes a 65 quilómetros ao sur de Ourense na fronteira con Portugal, admite contratar aos matóns para protexer aos tránsfugas o día da moción de censura contra Valencia. A fonte de Público pediu que se distorsione a súa voz nas gravacións para evitar que poida ser identificada.

AUDIO

«Chamoume e tiven que pagarlle os 6.000 euros»

– A Garda Civil, cando che mandaron, carallo, cando a nora de Baltar che mandou os matóns…
– Pero iso non foi…
– Si, pero non lle gustou, eh? Coidado, que o saibas, porque eu seino por quen ti sabes, de Xinzo [de Limia], amigo teu e meu, e non lle gustou esa papeleta, enténdesme?
– Si, pero é que se non tiñamos escolta non entrabamos, e así tampouco entramos, entendes?
– E non entrástes e encima… Oe, pero ela tivo a cara de mandarche a factura? Non.
– Home, ela… Iso foi un contrato que fixemos, iso…
– Pero contratastes aos matóns polos 6.000 euros ou che pasou ela despois…?
– Iso foi o que era, entendes? Pero, iso, foder, iso… É a muller do José Manuel [Baltar, fillo]…
– Xa, carallo, pero perdoa que che diga, Antonio, pero eu non llo pagou, canto lle pagaches? 6.000 euros?
– Si.
– Eu non llo pagou, perdoa que che diga. Bueno, carallo!
– Pero chamoume e tiven que pagarllos.
– Antonio, carallo…
– Home, non! Temos aquí a factura, iso está pago.
– Pero Antonio, se fixesen algo, paréceme ben, pero se non fixeron nada, que teñan un pouco de…. Bueno, é o que ti dis, é a muller de Baltar.
– Claro, é a nora de Baltar, hostia.

Feijóo e Baltar pai, nun mitin en Ourense nunha imaxe de arquivo / Fuente: losgenoveses.net

A gravación súmase aos audios que Luzes-Público veu publicando esta semana nos que militantes, cargos do PP e os seus familiares e empresarios vinculados ao partido admiten pagar cantidades millonarias para obter prazas de funcionario na Deputación, que obtiñan mesmo grazas a agasallos en especie como un Rolls Royce para a colección de coches clásicos de Xosé Luis Baltar.

BNG, PP e PSOE pediron a Alberto Núñez Feijóo e ao PP explicacións polo contido das gravacións, pero o líder do partido e a súa dirección manteñen ata o momento o silencio e evitaron referirse a elas.

Feijóo e Rueda

Os audios son do ano 2008, cando Feijóo levaba xa tres exercicios como presidente do Partido Popular de Galicia e era portavoz da oposición. O seu segundo no partido era o seu sucesor na Xunta, Alfonso Rueda, por entón secretario xeral da dirección galega.

Durante o primeiro mandato de Feijóo no partido, o PP perdeu nas eleccións locais de 2007 a maioría absoluta que tiña no Concello de Calvos. Os populares quedaron con catro concelleiros fronte aos cinco do PSOE que deron a Alcaldía a Aquilino Valencia.

Poucos meses despois, un dos edís socialistas pasouse ao grupo dos non adscritos xunto aos catro edís populares, o que permitiu a Baltar, Feijóo e Rueda simular que o PP non incumpría o pacto antitransfuguismo, que prohibe aos partidos facerse co poder en institucións grazas a representantes elixidos en listas doutras formacións que rompan a súa disciplina de voto.

«Oe, pero ela tivo a cara de mandarche a factura?» «Home, ela… Iso foi un contrato que fixemos»

A dirección do PP, con todo, estaba detrás daquela operación, como desvela o audio no que o líder popular local admite recorrer a Caldelas para obter protección privada para o día da moción. O xefe deses gardacostas era un policía local de Celanova, a 30 quilómetros de Calvos, gobernada por Antonio Mouriño, un dos alcaldes máis próximos aos Baltar.

Ese axente local foi condenado en 2011 a sete meses de cárcere por un delito de agresión a un árbitro de fútbol; e detido en maio de 2019 por outro presunto delito de violencia de xénero contra a súa parella.

En canto a Mouriño, adquiriu certa notoriedade fóra de Galicia en 2012, cando decidiu abandonar a Alcaldía de Celanova para ocupar un escano no Parlamento de Galicia e reclamou ao Estado o subsidio de desemprego durante o mes e medio en que deixou de cobrar o seu soldo de alcalde —63.300 euros anuais— ata que obtivo o de deputado autonómico. Acudiu aos tribunais, pero a xustiza desestimou a súa demanda lembrando que renunciara ao seu cargo de maneira voluntaria.

Condenada por falsidade en 2017

Caldelas, casada desde 2007 con Manuel Baltar, tamén compartiu escano con este último na Cámara galega na lexislatura 2001-2005. En outubro de 2017 foi condenada a un ano de cárcere e a unha multa de 1.800 euros por dous delitos de falsidade en documento oficial labores para obter unha licenza municipal para reformar en 2009 un pub que rexentaba en Ourense.

O 10 de xuño de 2008, día da moción en Calvos, unha multitude entre a que se atopaban veciños, alcaldes e militantes do PSOE da zona ocupou as dependencias da casa do Concello e impediu que se celebrase o pleno, nun ambiente que as crónicas xornalísticas da época describiron como de «guerra campal» e no que algúns veciños e veciñas resultaron feridas polos golpes dos matóns.

Rueda, Feijóo e Baltar pai nun mitin do PP en Ourense en 2010 / Foto: PP

Tras fracasar ese intento, os asinantes da moción acudiron á xustiza, que tres anos despois ordenou a repetición do pleno. Fixouse nova data para debatela e votala a principios de febreiro de 2011, cando faltaban apenas catro meses para as novas eleccións municipais do 22 de maio ese ano.

Feijóo, que entón xa alcanzara a presidencia da Xunta, apoiou aos tránsfugas, que actuaban ás súas ordes sen sequera disimulalo. De feito, en febreiro de 2011 el mesmo anunciou en rolda de prensa tras a reunión semanal do Consello de la Xunta que estaba a valorar retirar a moción de censura en Calvos dada a proximidade das eleccións. Unha semana despois ordenouno así, e os tránsfugas acataron a decisión.

O PSOE gaña todas as eleccións en Calvos de Randín

Aquilino Valencia gañou aqueles comicios co 60% dos votos e un concelleiro máis á conta do PP. Desde entón, o PSOE revalidou noutras tres ocasiones a súa maioría absoluta no Concello e el segue sendo o alcalde.

Os socialistas gañaron en Calvos todas as eleccións municipais, autonómicas, xerais e europeas celebradas desde 2008. Nas locais do 28 de maio do ano pasado obtiveron máis do 76% dos votos e fixéronse con seis edís, mentres que o PP quedou con un.

Aquilino Valencia asegurou a Público que desde que fracasou a moción de censura contra el, tanto Baltar pai como Baltar fillo illaron ao seu municipio marxinándoo na repartición de fondos, obras e servizos da Deputación de Ourense.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail