A semana pasada vaticinabamos o resultado de onte titulando a columna, «Catalunya ingobernábel». Hoxe toca ver que pode pasar no novo Parlament: investidura do gañador Illa?, goberno independentista en minoría?, repetición electoral?… As opcións están abertas e por se fora pouco estamos nun sistema de goberno multinivel, polo que as derivadas sobre outros xogos de maiorías entran tamén na ecuación que deben resolver agora os socialistas. Que dice, pois, a aritmética política?
Turbulencias na restauración
Antes de examinar os números é importante non perder de vista o contexto no medio e longo prazo. Logo de catro anos, o PSC volve gañar as eleccións aumentando a diferencia respecto aos seus rivais inmediatos. Entre estes só Junts aguanta o tirón, namentres que ERC sofre unha derrota sen paliativos logo da súa primeira experiencia de goberno en solitario. Todos os diagnósticos coinciden: o Procés morreu. Mais a cousa é se no seu lugar temos unha volta aos equilibrios previos do réxime do 78.
E non semella o caso. Pola contra estas eleccións apuntan máis ben a unhas eleccións de tránsito entre dous contextos: o da fin do Procés en 2021 e o que estea por vir nun contexto de alta incerteza. Nótase xa nos indicadores básicos. A participación electoral, por exemplo, medra do seu mínimo histórico (51,29% en 2021) a un 59,97%; aínda lonxe do máximo histórico acadado en 2017 (un 79,09%).
A elevada fragmentación partidista do Parlament mantense en oito partidos que acollen todas as opcións do espectro ideolóxico. E mesmo se desaparece C’s, entra agora unha extrema dereita independentista a cubrir o espectro dual –social e nacional– da política catalá. Con todo, aínda falta para volver ao vello sistema de partidos do 78 que entrou en crise coa aparición de C’s aló por 2006.
O bipartidismo retorna, ma non troppo. Cómpre lembrar que entre 1984, que é cando se consolida o bipartidismo, e 2006, ano en que C’s remata co sistema de cinco partidos, a media das sumas de CiU e PSC foi de 104 escanos. Este domingo acadaron 77, unha cifra aínda distante do momento anterior ao inicio do Procés (os 90 escanos de 2010).
O xogo das coalicións
Así as cousas, que pode pasar? Perante un contexto no que os vellos equilibrios do 78 non acaban de regresar e a dereitización avanza de xeito alarmante, paga a pena atender á lóxica dos números na formación de goberno. Dúas premisas: a primeira, na política parlamentaria ben se pode considerar a cada partido coma un actor racional que opera en base a un cálculo egoísta custo-beneficio; a segunda, o acordo máis rendíbel é aquel que reparta a dereito entre o menor número con menor custe ideolóxico (dous partidos máis próximos que cheguen o máis preto posíbel da metade máis un).
Isto último é o que se coñece como «coalición mínima vencedora» e no caso das democracias institucionalizadas adoita funcionar con precisión. O problema, porén, é cando isto non acontece, como é o caso das crises de réxime, ou cando a gobernanza multinivel ten que atender a intereses de conxunto noutros ámbitos institucionais. Vexamos as opcións.
Esquerda_________________________________________________________Dereita |
||||
Catalunya |
CUP, 4 |
ERC, 20 |
Junts, 35 |
Aliança Catalana, 2 |
España |
Comuns, 6 |
PSC, 42 |
PP, 15 |
Vox, 11 |
As sumas pactadas posíbeis (declaradas previamente polos partidos) ata a maioría absoluta de 68 escanos serían as seguintes:
-
PSC+Junts = 77
-
PSC+ERC+Comuns = 68
Sen chegar á maioría absoluta de xeito expreso, embora como resposta continxente á crise de réxime e negociacións imprevistas (resultado con apoios non solicitados):
-
Junts+ERC+CUP = 59 (61 con AC)
-
PSC+PP+Comuns = 63 (74 con VOX)
-
PSC+PP = 57 (68 con VOX)
O importante destas opcións secundarias numericamente insuficientes é o cálculo disuasorio da serie táctica máis que o resultado efectivo. Por exemplo, unha vez que Puigdemont asegura que se presenta á investidura, mesmo se sabe que non lle dan os votos, obriga a ERC a retratarse a prol de Illa, apoio que pode ter un custe importante para a achega catalá á candidatura europea con Bildu e BNG.
Perante esta situación o único interese de ERC en apoiar a Illa é gañar tempo polo que poida acontecer a Junts/Puigdemont. Non é pouco, visto que a alternativa é repetir unhas eleccións nas que seguramente Junts e PSC irían a mellor. Apoiar a Junts, pola outra banda sería asinar a súa acta de subalternidade definitiva nunha aventura incerta na votación da investidura.
Case un ano despois das eleccións xerais o panorama político segue aberto e non semella que as turbulencias vaian diminuír. O réxime do 78 segue a amosar una fráxil saúde de ferro.