Völkermord

Nas escolas alemás ensinan os eventos do Holocausto desde unha idade moi temperá. Hannah, a filla da miña mellor amiga, ten agora oito anos, é vexetariana e está indignada co tema do quecemento global. O outro día faloume con paixón de que pronto os Polos ían desaparecer. Und die Eisbären? Os osos que? Aí deille un xiro á conversación, argumentando que o meu alemán é pésimo, á vez que lle ofrecía xeado de chocolate. Desde ese día, non deixo de pensar en cal será a súa reacción cando nun par de anos comece coa materia de historia e descubra o que sucedeu en Berlín, o seu lugar de nacemento, e o que fixeron os seus compatriotas fai menos de cen anos. O outro día vimos Ferdinand, el toro que amaba las flores e que non quería pelexar. Hannah fíxome parar a película, cando o toureiro saca a espada para matar a Ferdinand. Entón, tamén lle tiven que explicar que non todos os españois somos imbéciles, e que a maioría odiamos as corridas de touros. O que non conseguín explicarlle é por que continuamos permitindo a tortura destes animais. Ás veces creo que o mundo debería estar rexido por nenos. A súa sensibilidade e a súa lóxica son insubornables.

O sistema escolar alemán, como outros, non é perfecto. Pero una das súas premisas máis venerables é que están dedicados a manter viva a memoria do Holocausto. A pesar do horror que iso supón para os novos estudantes, a historia non se reescribe, nin se ignora, como á dereita gustaríalle facer en España ou como sucede nos Estados Unidos, onde en lugares como Florida, está prohibido falar do quecemento global ou amosar libros demasiados «realistas» sobre o Holocausto ou a escravitude. O absurdo de instar os seus mozos a lembrar sempre que un xenocidio non pode volver suceder, é este presente no que o Bundestag censura e reprime as manifestacións que denuncian a matanza de palestinos. O goberno alemán está a dar unha lección de historia hipócrita e tristisima. No seu afán por respectar ao pobo xudeu confunde o apoio ao goberno fascista de Netanyahu, co seu repudio dos campos de concentración nazis. Nunca vin a unha administración tan envurullada. Hai unhas semanas, no desaloxo do campamento que os activistas contra o xenocidio de palestinos montaron na explanada que se estende fronte ao Reichstag, a policía berlinesa prohibiu falar noutro idioma que non fose alemán ou inglés. A súa lóxica era que tiñan que entender o que dicían os manifestantes para saber se podían arrestalos por antisemitismo. O disparate agrandouse cando os membros dunha asociación irlandesa falaban en gaélico.


Desde que o goberno de Olaf Scholz decidise continuar vendendo armas a Israel e apostar pola definición de antisemitismo da Alianza Internacional para o Recordo do Holocausto (IHRA, polas súas siglas en inglés), a policía ten manga ancha para dar golpes e arrestar, practicamente, ao seu antollo. Algo garantido en calquera democracia, como facer unha crítica ao goberno de Israel, pode ser considerado antisemitismo: é dicir, un delito. Calquera que apoia a Palestina, é considerado terrorista. Hai un mes, o banco estatal Sparkasse, a pedimento da policía, conxelou a conta da asociación Jewish Voice for Peace, demandando unha lista de nomes e direccións de todos os membros. Algo así de aterrador facíase durante o nazismo. Nas últimas semanas varias asociacións queer berlinesas, Oyoun, Phantalasia e Alia, que apoian ao pobo palestino, foron clausuradas ou viron as súas subvencións canceladas.

Pola súa banda, os medios de comunicación alemáns, a excepción do Neues Deutchland (ND, antigo órgano oficial da DDR), séguenlle o xogo ao goberno. O brutal desaloxo dos estudantes que protestaban na Freie Universitat (FU, ironicamente, a Universidade Libre) hai uns días, foi unha mostra da carte blanche da policía. Por unha banda, aos estudantes ensínaselles desde pequeniños que «facer xenocidios está mal», pero cando crecen bótanlles encima aos xigantes brutos da Polizei por querer evitar outro genocido.

Grazas ao fascimo do goberno de Israel, Alemaña está a sufrir unha regresión drástica das liberdades civís dos seus cidadáns. Berlín, e máis concretamente o barrio de Neukölln, é o fogar de milleiros de palestinos quen, como os xudeus alemáns, tamén tiveron o seu xenocidio. Por suposto, a Nakba (a masiva «eliminación» étnica de palestinos realizada por Israel en 1948) non se estuda nas escolas alemás. É máis, cando se trata de falar sobre a posición do goberno teutón, o argumento dos cidadáns alemáns é sempre «que é un tema complicado». Cando o certo é que defender a matanza que está levado a cabo Israel é o máis fácil. O que sería realmente complicado é sentar a falar e deixar de matar. É posible que nunhas cantas xeracións, a lameira no que se meteu o goberno alemán ao defender un xenocidio (ao que a administración continúa sen chamar polo seu nome) formará parte do programa de estudos das escolas xermanas. Parece que nunca acaban de aprender que Völkermord, igual que a palabra xenocidio e genocide, está composta de Völker (xente) e mord (asasinato).

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail