María das Herbas: «A metade dos principios activos que hai nas farmacias veñen de produtos naturais»

Unha investigación académica levou a María Moure de Oteyza a internarse nun dos lugares privilexiados do diálogo entre natureza e ser humano na xeografía galega: a serra do Courel. E aquilo que foi recollendo a man desta farmacéutica transformouse nun libro que acaba de saír do prelo, cunha segunda edición en camiño. María das Herbas e as Herbaxeiras do Caurel ou o futuro dunha serra ollada con amor.

A serra do Courel é un lugar encaixado polas mans da Terra para ser espazo de contrastes. Descoñecemos, aínda hoxe, se paseamos por elas como terras liberadas –desexaba Novoneyra falando no paso do vento– mais si sabemos que son terras onde as mans, e dínolo a nosa entrevistada, modificaron a paisaxe até tal punto que a falta humana nótase. Unha paisaxe modificada no poder brando da recolección, o aproveitamento e a adaptación do terreo aos pés e dimensións do home e a muller. Aquí, na serra do Courel, conviven dúas tendencias climáticas, sen que ningunha das dúas se poña de acordo para levar a batuta: unha tendencia atlántica e outra mediterránea. Persoalmente, cremos que neste caso tira máis a atlántica. No chan hai dúas composicións principais, que tampouco se poñen de acordo en agromar do chan a ollos do camiñante: lousa e calcaria. Por se fose pouco, aquel ou aquela que penetre neste territorio ten que achegar a cabeza a terra e escoitar o bisbar lento, húmido, suave, case erótico das máis de mil especies de plantas, de flora rica na cor e variedade, que cobre a serra do Courel. Mais hai unha observadora.

Se estiveramos ollando cara a algunha das ladeiras próximas ao río Lor, que divide este paraíso, poderiamos enfocar a nosa cámara aínda máis, facendo un zoom prolongado veriamos, neste verxel, a María. «Son a terceira xeración dunha familia de farmacéuticos. Meu pai e meu avó xa o eran, e tiveron farmacia en Carballo. Houbo dúas farmacias Moure. Estaba destinada por tradición a seguir esa liña. Son farmacéutica de tradición, e de letras de vocación», preséntase María Moure de Oteyza. Sabemos que é farmacéutica, sabemos que tamén é de letras, pero nós, nesta ladeira cos pés case tocando as augas do Lor, ollando cara aos cumes de Pía Paxaro (aquí, lembren, se fala a flora tamén fala a fauna), Montouto ou Formigueiros, vémola agacharse e mirar cara ao chan. María, dinos, non é animal de laboratorio. «Despois de licenciarme en farmacia en Santiago defendín a tese no departamento de Bioloxía da USC. Cando ía chegar o momento da tese rexeitei estar en laboratorio para facela. Non soportaba o traballo de laboratorio, xa o tiña suficiente na facultade. Decidín que a tese sería no campo e no lugar que eu elixira». A linguaxe de María, no silencio do val, convértese na linguaxe das mans preto do chan, os dedos seleccionan aquilo que destaca e que lle deu a Moure de Oteyza o seu sobrenome: «María das Herbas» que fala xa, en 2021, cun libro na man –María das Herbas e as Herbaxeiras do Caurel, Crónica da Cultura Popular dunha terra extraordinaria– e unha experiencia antropolóxica que é inevitable comparar coas saídas que a xente da Xeración Nós realizaba por todo o territorio, ou a viaxe que Castelao fixo para ver e debuxar os cruceiros na Bretaña ou, dende fóra, as visitas da estadounidense Ruth Matilda Anderson e a súa documentación da paisaxe e os seus habitantes. No mapa, María inclinouse por aquel Courel que xa visitara en excursións previas. Como precedentes nesta aventura poderiamos ver, tamén preto do Lor, a un ensotanado, ao cura Baltasar Merino, que entre 1903 e 1909 visitou a zona e localizou ata 50 tipos distintos de herbas. Os ollos, as caras ou a mirada dende a mesma posición, sen asomos de visita urbanita ou ida e volta rápida, foron as intencións de María. «Xusto cando ía empezar o meu primeiro traballo de campo, faláronme dun libro que existira, El Caurel, las plantas y sus habitantes, escrito por Emilio Blanco Castro, biólogo salmantino, que xa nos 80 e 90 estudara a flora da serra, fixera varias estadías de semanas e alí foi que nese libro, que é a metade da súa tese de doutoramento, falou da etnobotánica en xeral, cestería, liño, teares, as prácticas que teñen que ver coa madeira. Aquilo ao que as persoas que viven no rural lle sacan partido».

María chegou en abril do ano 2003 ao Courel e xa relacionou a baixada da febre co curamil (Dianthus hyssopifolius), un tipo de caravel silvestre, como unha explosión de suave cor malva e branco roto; os problemas de caspa coa ortiga, abondosa na serra do Courel e que se recomenda facer con ela unha infusión para empregar despois de lavar o cabelo, botándoo por riba de este para reforzalo e protexelo, pero tamén esa infusión, dinos a farmacéutica, serve para recuperar vitaminas e minerais, mellorar a circulación sanguínea, a presión arterial ou a diabetes. «O ourego e tomiño son dúas herbas moi útiles. Tómase ourego para calquera proceso respiratorio e o tomiño como quen toma unha macela, despois de xantar. A xanzá é a planta de Courel por antonomasia». Se o lector ou lectora ten tempo, é recomendación deste xornalista que procure en rede ou en enciclopedia, se ten imaxes, algunha fotografía ou debuxo da xanzá (Gentiana lutea). Esta variedade, que María describe como presente en cada recanto do Courel, trepa en varias floracións amareladas, coma se unha flor sostivera a outra, nunha réplica marabillosa que as fai trepar e manter o equilibrio. A súa escada de beneficios, espráiase a «das Herbas» elévase ata as doenzas de fígado, de estómago, como antiséptico e, incluso como elemento refrixerante. Cómpre que a persoa lectora coñeza, tamén, se é adepta aos combinados efervescentes e con boa gradación, que esta flor rubideira no ar tamén se emprega de amargante en tónicas e derivados.

A xanzá (Gentiana lutea).

A estadía, cos gastos pagos pola Deputación de Lugo, prolongouse ata abril do 2004. «Houbo moitas cousas polo medio en 2004, houbo anos na farmacia familiar, de 2008 a 2010 fun vivir a Lisboa, gañando a vida como profesora de español. A idea inicial era contrastar na Universidade de Lisboa os datos atopados no Courel. En Galicia non existe departamento de etnobotánica como tal, hai no resto do Estado, pero en Galicia non existe. Xa que son de letras por vocación, adoro as linguas, escribo… E como tiña que gañar a vida contratáronme como profesora de español, o banco Espírito Santo, especialiceime en español para os negocios». María descubriu en Lisboa unha nova ocupación e unha vocación, mais o Courel, como ocorrera na primeira vez, levouna de volta á terra de Novoneyra e a linguaxe no vento. «Despois de tres anos extraordinarios en Lisboa decidín volver, quería os meus alumnos, foi un descubrimento incrible. Divertiámonos moito. Teño varias amigas que foron alumnas e continuamos a amizade».

Hipérico.

De volta no Courel, a María, que non tiña coche, axudábaa a veciñanza para ir e volver das aldeas da zona, das que coñece ben Seoane, o núcleo onde se asentou o primeiro ano. María das Herbas, aquel alcume, para aquela misteriosa muller que ía preguntando por plantas, sen a cámara de Matilda Anderson ou a estilográfica de Castealo, mais si coa mesma vocación de contar e narrar non xa só no académico, senón no popular. O Courel e os seus veciños, que converten a «cireixa da corriola» como remedio contra as dores de costas, nervios ou pulmonares, acabaron namorando e «facendo desta terra algo indivisible» na vida da farmacéutica e escritora, senón tamén, no íntimo: María casou cun courelao. «A mediados de 2010 faleceu o meu pai. Foi algo moi repentino. Xa pasaran tres anos e notei que chegaba o momento de volver… Tiña aquel traballo inacabado no Courel. Logo coñecín un courelao e casamos. A nosa voda (ri) foi no santuario do Cebreiro». Entre o amor, o traballo académico e aflorando del, as veciñas e veciños nos que as herbas agromaban das mans nun xeito orgánico, como os versos do Novoneyra, tomiño, ourego, outra vez a pasar polas páxinas do seu libro.

«As protagonistas da obra son as persoas, alí marco unha diferenza co resto de bibliografía. Descubrín nela que os informantes eran a base do traballo, pero eses traballos resultaban moi técnicos, eran ilexibles para os propios informantes. Decidín narrar dun modo moi próximo, para que esas persoas se sintan identificadas e o público xeral, tamén. Fago recensións dos informantes chave, uns 30, contando con detalle cada unha das persoas, cos seus nomes e apelidos, o que máis me chamou a atención do seu carácter, a exclusividade da súa información, testemuñas persoais, anécdotas, historias, onde se pon de manifesto que os protagonistas son eles, pero non as plantas. Hai tres veces máis mulleres ca homes, pero os homes aportaron unha información máis exclusiva. É curioso, penso que é porque non son tan comunicativos coma as mulleres. Eu convivín con eles, adóroos, eles devolven ese cariño e estableceuse un grao de confianza altísimo, polo que me contan cousas a min que non lles contan a ninguén máis». María destaca a unha delas, Virginia González Gancedo, habitante do Courel e escritora, traballadora de prosa poética e plantas. «Esta muller escribe prosa poética dende que era nena, levaba as ovellas e escribía o que se lle ocorría, ten un arcaz cheo de poemas que ilustran as súas reflexións de como era e é a vida no Courel. Un é El telar de mi abuela, outro El peregrino y la nieve».

Seoane do Courel.

Nesa segunda etapa foi cando a farmacéutica comezou a perfilar o que remataría sendo o libro. «Cando regresei, xa a mediados de 2010 retomei o traballo no Courel. Foi un traballo por etapas, de dous meses, tres semanas, tempos espazados. Dilatouse moitísimo no tempo, de 2011 a 2014 foi o segundo ano de traballo de campo. Nese tempo eu ía contrastando as investigacións de comezos do século ata esa década». O tesouro falaba en nome dunha variedade, detalla Moure de Oteyza, presente tamén na porcentaxe. «Nese 5% do territorio que supón a serra do Courel, o 40 e o 50% da flora total galega está representada nese pequeniño espazo». 800 especies en 82 familias, un censo considerable de poboación non humana, en 400 xéneros distintos. Un 80% daquelas plantas florece entre maio e agosto, sobre todo na zona mediterránea da serra, que se adianta un mes respecto da parte atlántica. O de unha hora menos –ou un mes menos, neste caso– sempre foi algo atlántico, nesa transformación biolóxica do tempo, que ata a vexetación enuncia a mensaxe. Pero o espectáculo, afirma María, entra no outono, cando cambian os soutos ao carón do río Pequeno, a devesa da Rogueira ou as cerdeiras da zona de Vilamor.

Hypericum perforatu, máis coñecida como herba de San Xoán.

Pero falta xente. María cambia de ton cando lle preguntamos polo despoboamento que afecta tanto o Courel, neste caso, como en xeral ao campo galego, nun medio rural que, como se recolle no traballo, «El despoblamiento en Galicia: la visualización de la ‘catástrofe’», publicado na Revista de Estudios sobre Despoblación y Desarrollo Rural e elaborado por Alberto José Pazo e María del Pilar Moragón, da Universidade de Vigo, as dimensión da traxedia marcan en vermello, nas provincias de Lugo e Ourense, numerosos núcleos de poboación cuxos poboadores teñen máis de 85 anos, coma un cancro de terra erma de persoas, sen visos de xente moza, de momento, que ocupe lugares onde, entre as Amanita rubescens, Boletus edulis, Boletus prophyroporus, Fistulina hepática ou a Cantharellus friessi, se asenten novas persoas para protexer e non só habitar un ecosistema que xa nota a falta de xente. «O despoboamento está a afectar moito o Courel, é un arma de dobre fío, a pesar de que a zona está a recibir un turismo bastante respectuoso co medio. O feito do despoboamento afecta as plantas, xa que están avasaladas polas xestas». Xa non hai animais domésticos como cabras, ovellas para «ramonear todo aquilo», detalla Moure de Oteyza. Os animais das persoas daquela terra formaban parte do ecosistema. «A maleza medra, polo que xa non é tan doado atopar as plantas medicinais».

Sen pobo presente, aquel traballo do poder brando da relación coa natureza dexenera na perda de riqueza, de fauna, aumenta o baleiro nun verxel marabilloso. «Non coñecemos o suficiente do que hai ao noso redor, chamamos malas herbas ás que non o son, son plantas tan comúns como a ortiga, a malva, o hipérico, que está por toda Galicia… É o descoñecemento que hai», denuncia a farmacéutica e divulgadora. «Nestes tres anos xa traballei en tres farmacias. O 50% dos principios activos que se venden nunha farmacia proceden de métodos naturais».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail