A pasada fin de semana celebrouse a asamblea do Movemento Sumar. Case tres anos despois da dimisión de Pablo Iglesias, un outro evento ven encher a refundación permanente que mora a Nova Política. Non é difícil observar a correlación entre esta inclinación por repetir un evento fundacional e o declive do espazo político. Diríase que a forza de repetir esperan relanzar a esquerda á esquerda do PSOE.
Este recurso ao consumo de eventos ten moito que ver coa debordiana «sociedade do espectáculo». Poderíase dicir que a Nova Política mudou nun espectáculo do acontecido en 2014. Se daquela unha vaga de mobilización aboara o terreo no que xermolaron novos actores (Podemos, municipalismos, etc.); na fase actual asistimos a unha manifestación baleira que se predica como «movemento» sen estar impulsada pola desobediencia que lle é propia.
Definir Sumar como «movemento» é un xesto ideolóxico carente de consistencia discursiva. Analiticamente induce o erro de pensar que os movementos puideran ter unha existencia só solipsista. Nas ciencias sociais, porén, é coñecido que non hai movemento sen base na desobediencia civil. O 15M é un bo exemplo recente de como un acto de desobediencia civil (resistirse a abandonar a praza) pode activar un movemento.
No caso de Sumar aínda está por descubrir a acción desobediente que o informaría como movemento. Pola contra, da man de Debord, non é difícil comprobar que Sumar se está constituír coma unha sorte de «espectáculo» do que foi Podemos. Se o xesto que impulsou a formación do partido morado tiña unha potencia destituínte de seu, que desbordaba todas as expectativas e se aliñaba co 15M; o proceso de escucha inverteu o lugar de enunciación: líderes falando baixo as condicións dunha institucionalidade destinada a bloquear calquera desbordamento eventual.
Desde os seus inicios no dedazo de Iglesias, Sumar ten sido un efecto posíbel do réxime inducido desde instancias gobernamentais que debe o espazo que ocupa ao propio declive da mobilización. O contexto non axuda, aducen algúns dirixentes en privado. Mais tampouco se pode dicir que Sumar axude a modificar o contexto. Fronte ás orixes tumultuosas de Podemos, Sumar caracterízase por un disciplinario silenciar subalterno de establishment que nace dun cruel descarte de elites intrínseco ao declive da acción colectiva e con el do apoio electoral.
No cerne do que (non) acontece en Sumar atópase a ausencia dunha axencia democrática á altura do momento. Sumar rexeita combinar nunha única axencia as tres modalidades posíbeis: notábeis, partidos e movementos. Nos inicios da Nova Política debateuse abondo de todo isto: «partido instrumental», «institucionalidade outra», «novo suxeito político», «partido-movemento», etc. Co tempo e os efectos inducidos do poder constituído, o debate teórico esmoreceu. Na historia democrática recente, porén, temos un bon contraexemplo exitoso de formación dunha axencia anovadora: o BNG.
Entre 1985 e 1997 o Bloque estruturou unha institucionalidade propia que pasou dun só deputado a 18 e da marxinalidade a liderar a oposición. O suceso do BNG explícase polo xeito en que a estratexia frontista soubo ler a constitución material da Galiza na crise do fordismo e adaptar a maquinaria de partido á emerxencia da primeira vaga de mobilización da democracia (reconversión, OTAN, movemento estudantil, 14D…).
Logo dun período de crise e mutación que foi da asemblea constituinte (1982) á III asamblea (1989), o Bloque desenvolveu unha axencia eficaz. De 1989 a 1997 ao tempo que participaba, cando non dinamizaba activamente os movementos, ía incorporando formacións á institucionalidade frontista: Galiza Nova (1988), PNG-PG (1991), Esquerda Nacionalista (1992), Inzar (1993) e Unidade Galega (1994).
O interesante do BNG é como se produciu unha axencia que, ao tempo que interactuaba cos movementos do país, resolvía unha lóxica sistémica do réxime (reducir o número de partidos) acomodando aos notábeis nas institucións (Rodríguez Peña, Xesús Veiga, Camilo Nogueira…). Esta axencia estivo operativa cando menos ata 1997, momento en que, por efecto da globalización, colleu forza a vaga altermundialista.
Contemporáneo do eurocomunismo, o BNG contrastou sempre coa IU de Anguita. Non é casual que logo do 18F teñamos un panorama partidario que, mutatis mutandis, garde tantas semellanzas co final dos noventa. O mesmo vai sendo tempo para os herdeiros do eurocomunismo de tomar a axencia en serio no canto de tentar acomodar a uns notábeis dos partidos que só andan na procura da súa supervivencia nun contexto de declive.