A Coruña.- Unha enquisa realizada pola asociación Xornalistas Galegas desvelou que o 78% das profesionais da comunidade consultadas para o estudo sufriron en persoa comentarios e actitudes machistas no seu posto de traballo, e que outro 86% foron testemuñas desas condutas.
A sondaxe indica tamén que o 30%, é dicir case una de cada tres, padeceron ou coñeceron de primeira man situacións de acoso sexual.
Xornalistas Galegas conta con máis de 200 asociadas, todas profesionais da comunicación que desarrolan o seu traballo en Galicia «en defensa dun xornalismo con perspectiva feminista».
As autoras aseguran que o seu traballo non ten «ánimo estatístico» e que pretende máis ben servir «de aproximación a unha cuestión sobre a que hai unha crececiente conciencia, tanto social como interna, no seo da profesión».
«Hai compañeiros que comentan de maneira lasciva a vestimenta doutras traballadoras. A min mesma dixéronme nunha ocasión: ‘Se puidese arrincábache a camisa’»
Na sondaxe, de carácter anónimo, participaron 127 xornalistas e comunicadoras adscritas tanto a medios de comunicación como a gabinetes de prensa privados e institucionais, así como a axencias e empresas de comunicación, ademais de trabjadoras autónomas.
As súas idades están entre os 20 e os 56 anos, aínda que máis da metade teñen entre 36 e 50.
Situación de acoso sexual
Delas, 100 declararon ser vítimas de comentarios machistas ou presencialos, e preto de 40 sinalaron que foron acosadas ou observaron situacións de acoso sexual cara a outras compañeiras.
Xornalistas Galegas recolleu os seus testemuños, que se ofrecen ao final deste artigo.
Claudia Morán «Queremos sacar á luz unha situación que se produce a diario en todos os ámbitos deste sector, desde as redaccións da prensa escrita, a radio e a televisión aos gabinetes das administracións»
«En Galicia non existe un censo de xornalistas polo que non podemos facer extrapolacións estatísticas, pero o relevante é sacar á luz unha situación que se produce a diario en todos os ámbitos deste sector, desde as redaccións da prensa escrita, a radio e a televisión aos gabinetes das administracións», explica Claudia Morán, membro da directiva da asociación e autora do traballo xunto a Marga Tojo, Emma Araújo e Silvia Viqueira.
Morán detalla que a maioría das experiencias persoais que recolle o estudo refírense a «comentarios machistas e proposicións íntimas ou pouco profesionais aproveitando unha posición de poder dentro das empresas, pero tamén por parte das fontes, case sempre políticos, ou dos clientes no caso das profesionais autónomas».
Das testemuñas dedúcense situacións áun máis graves, como as propostas de intercambio de favores sexuais a cambio de promesas de promoción profesional e despedimentos por negarse a aceptalas.
Morán subliña ademais a indefensión que padecen as xornalistas máis novas cando inician as súas carreiras, dado que moitas das enquisadas declararon sufrir esas presións cando eran bolseiras, é dicir cando estaban nunha situación laboral precaria e cando a posición de poder dos seus compañeiros e superiores xerárquicos era maior.
«Fun despedida por negarme a deixar entrar ao director dunha produción audiovisual á miña casa tras unha cea de traballo»
«Esta é unha profesión moi femenizada, pero os postos de responsabilidade están maioritariamente ocupados por homes»; prosegue Morán. «Iso non quere dicir que se unha muller está nun deses postos vaia a ter conciencia de xénero, pero si mostra a necesidade de que a perspectiva de xénero estea presente tanto na liña editorial dos medios e nos seus contidos como na organización interna e nas condicións en que as xornalistas fan o seu traballo», engade.
A xornalista indica ademais que todas as empresas de comunicación deberían contar cunha «editora de xénero» que vele «pola perspectiva de xénero tanto a nivel interno como externo».
Nese sentido, o estudo destaca tamén que o 83% das enquisadas declara que nos lugares de traballo onde están empregadas non existen protocolos de acoso ou agresión, ou que, se existen, os descoñecen. Un 75% das que si saben que existen, con todo, afirman descoñecelos ou ter só unha «lixeira» idea sobre en que consisten. O 81% das mulleres que participaron na enquisa consideran que os seus empregadores non informan correctamente sobre eses protocolos.
Un 13% das xornalistas deixa a empresa ou a profesión por culpa do machismo
Os datos poden extrapolarse a toda España se se toma en consideración outra enquisa da Agrupación de Xornalistas da Federación de Servizos de CCOO que publicou este mércores El Periódico de España, e que reflicte que un 11% das mulleres consultadas foron obxecto de ofertas de sexo baixo ameaza de despedimento, sufriron relacións sexuais non consentidas ou foron vítimas da difusión de imaxes de contido sexual.
Un 27% das enquisadas nesa sondaxe tamén declaran vivir comportamentos tipificados como acoso sexual polo menos unha vez durante as súas carreiras. Un 13% tiveron que abandonar a súa empresa ou mesmo a profesión xornalística para non soportalos.
«O meu superior fíxome insinuacións para ter unha relación íntima que rexeitei. Nunca llo comuniquei á empresa por estar en período de prácticas»
O estudo de Xornalistas Galegas forma parte das accións que desenvolve o colectivo con motivo da celebración o vindeiro sábado 25 de novembro do Día Internacional para a Erradicación da Violencia de Xénero, e a asociación puxo en marcha o hastag #25NCóntao para animar a todas as xornalistas galegas a contar as agresións machistas que sufrisen ou das que fosen testemuña.
«Como opinion persoal, creo que as empresas non están preparadas para asumir todas as cousas que moitas mulleres xornalistas poden contar. Pero é que o mundo en xeral tampouco o está», engade Morán. «Sabemos que denunciar esas situacións coloca ás mulleres un estigma, ás veces mesmo pon en perigo os seus empregos e as súas carreiras. Todo iso ten que acabar», conclúe.
«A próxima vez que veña a un pleno bótolle un polvo e despois a boto fóra»
Xornalistas Galegas recolleu testemuños directos das profesionais enquisadas sobre casos de acoso sexual e condutas machistas no sector da comunicación en Galicia. O seguinte é un extracto das respostas recibidas na sondaxe anónima.
«Fun despedida por negarme a deixar entrar ao director dunha produción audiovisual á miña casa tras unha cea de traballo».
«O xefe coqueteando cunha compañeira, achegándose moito e preguntándolle a opinión sobre xoguetes sexuais».
«A unha compañeira un xefe obrigouna a ter sexo con el e varios xefes máis baixo presión».
«Escoitei a unha xefa de sección facer comentarios sobre o aspecto, no traballo, ás súas subordinadas, con cuestións como ‘estás mellor maquillada’, por dicir unha. E trátase dunha muller a outra… patético, como pouco».
«Lembro o caso dunha compañeira que, a ollos das encargadas, falaba demasiado cun compañeiro. Chamáronlle a atención (só a ela) porque o distraía e cambiáronlle a quenda».
«Hai compañeiros que comentan de maneira lasciva a vestimenta doutras traballadoras. A min mesma dixéronme nunha ocasión: ‘Se puidese arrincábache a camisa’. Foi diante doutro compañeiro. Houbo risas. Non volvín poñerme esa camisa».
«Repítense comentarios como: traes a saia moi curta, estás para que che poñan un piso… E opinións innecesarias sobre o aspecto físico: estás moi fraca ou moi gorda».
«Estar a cubrir calquera acto festivo e que se acheguen bébedos preguntándoche: ‘Non queres facerme a entrevista a min, guapa?’».
«Os homes facían listas de corpos, tetas, cus. Tivemos que aguantar, outras compañeiras e eu, moitos comentarios e chistes de dobres sentidos, convites sexuais e comentarios sobre o noso aspecto».
«Sufrín agresión, como tocamentos non desexados, por parte dun compañeiro cando traballaba en prensa escrita».
«Traballei na radio e sufrín acoso sexual e físico e laboral durante anos por parte de dous excompañeros da emisora. Un deles agrediume fisicamente».
«Un compañeiro moito maior que eu me enviou unha foto na que se lle marcaban os xenitais».
«Descubrín que alguén fixera correr o rumor de que eu mantivera unha relación cun xefe para conseguir un ascenso».
«Recibín ofertas e propostas de carácter sexual sen mediar relación de intimidade previa».
«Un entrevistado deume unha bofetada cando o afastei porque me quixo bicar na boca agarrándome a cabeza. Cando llo contei, o meu xefe me dixo: ‘Non podes ir namorando así os homes’».
«No caso dunha compañeira, unha fonte ‘confundiu’ a súa amabilidade cun interese amoroso/sexual e mesmo chantaxeouna: ou ían tomar algo xuntos ou lle negaba a información que antes lle prometera».
«Houbo fontes que derivaron as conversacións profesionais ao plano persoal e íntimo, sen que eu dese pé a nada».
«Un superior (home) dille a un político ao que ía entrevistar unha compañeira nunha campaña electoral: ‘Non te queixes, mira a que che puxemos. Está boa, eh?’».
«’Cantas mozas guapas hai aquí!’ Comentario dun alcalde ás xornalistas ao entrar nunha sala de prensa».
«Un político moi coñecido veu á emisora e entrou ‘saudando’ á compañeira que o ía a entrevistar dicíndolle que se ‘duchaba con ela’ cada mañá. A ela cambioulle a cara, pero non dixo nada, e o resto das persoas presentes tampouco».
«’Quen me dese ter 30 anos menos cada vez que falo contigo (frase dun alcalde dirixida a min)».
«Senta aquí (xesto dun exconselleiro ensinándome o seu colo)».
«A próxima vez que veña a un pleno bótolle un polvo e despois bótoa fóra (frase dun alcalde a unha xefa miña)».
«Entrevistados que responden dirixíndose ao meu compañeiro de traballo cando era eu quen preguntaba».
«Condescendencia: ‘Saberás mirar estes datos?’»
«Coller o teléfono e que o interlocutor me diga que lle pase cun xornalista».
«Cando chegaban as bolseiras vivíanse situacións de verdadeiro acoso. Unha noite que saímos, unha delas acabou chorando e con medo de volver; creo que deixou o xornalismo».
«As mozas que viñan de prácticas eran valoradas por se estaban máis ou menos ‘cachondas’, non pola valía profesional».
«Ao chegar as compañeiras en prácticas, algúns xefes e compañeiros (outros non) repartíanse a quen lle ‘entraba’ cada un. Se algunha lles parecía demasiado fea, librábase do acoso».
«O meu superior fíxome insinuacións para ter unha relación íntima que rexeitei. Nunca llo comuniquei á empresa por estar en período de prácticas e por estar aceptado na profesión que as bolseiras tiñamos que soportar comentarios machistas».
«Na entrevista para facer prácticas fixéronme preguntas como ‘Tes mozo? Dóeche a regra?’».
«Un director da radio díxome que prefería que un home presentase o informativo porque ‘a voz masculina ten máis credibilidade’».
«Tentaron que as bolseiras marchásemos prohibindo que locutásemos, porque querían voces masculinas».
«Facer un curso de xornalismo deportivo radiofónico fai máis de dez anos e que un dos relatores (director dun programa de nivel nacional) diga que non hai mulleres narradoras de fútbol porque o ton agudo é molesto. Grazas ás compañeiras que o deixaron en evidencia».
«O delegado dixo, cando unha compañeira marchou por baixa de maternidade, que xa lle gustaría a el ir tanto tempo de vacacións, que ía a quedar embarazado para gozar de todo ese tempo libre».