Un Rolls-Royce por unha praza de funcionario: así operaba a Deputación que Feijóo deixou en mans dos Baltar (I)

A Coruña.- Na Deputación de Ourense, dominada durante décadas pola familia Baltar, podíase obter unha praza de funcionario a cambio dun Rolls-Royce.

Así se desprende dunhas gravacións efectuadas por un ex alto cargo da institución, ás que tivo acceso Luzes-Público e que desvelarían a corrupción endémica da rede clientelar tecida en torno ao organismo. Corrupción que, segundo a oposición, segue lastrando o mandato do actual presidente da Deputación, Luis Menor, novo presidente tamén do PP provincial.

Luzes-Público inicia hoxe unha serie de entregas con varios audios inéditos que recollen conversacións telefónicas entre empresarios da provincia e militantes e altos cargos do partido nas que falan, entre outras cousas, de supostos pagos millonarios e agasallos de luxo aos Baltar e de diñeiro para financiar o PP de Galicia, a cambio de empregos na Deputación para eles e os seus familiares.

Os audios recollen conversacións entre empresarios da provincia e militantes e altos cargos do partido nas que falan de supostos pagos millonarios e agasallos de luxo aos Baltar

O citado ex alto cargo pediu que a súa voz sexa distorsionada para que non se lle recoñeza e que a súa identidade sexa mantida no anonimato. Luzes-Público tentou obter a versión dos Baltar, que ao peche deste artigo non responderan ao ofrecemento para recollela.

Tamén preguntou ao equipo de comunicación de Luis Menor si o presidente está ao tanto desas presuntas irregularidades ou si desexa valoralas, pero declinaron facelo.

Feijóo levaba tres exercicios como presidente do PP galego

Os audios foron gravados no ano 2008, cando Alberto Núñez Feijóo xa levaba tres exercicios como presidente do PP galego. O líder do partido en Ourense e na Deputación era entón, e desde inicios da década dos 90, Xosé Luís Baltar, quen legou ambos os cargos ao seu fillo Manuel nos anos 2010 e 2012, respectivamente.

Luzes-Público soubo da existencia das gravacións e tivo acceso ao seu contido fai máis dunha década, pero a fonte só aceptou facelas públicas anos despois de que Baltar pai abandonase a vida política e de que o seu fillo perdese o ano pasado o poder que detentaba na Deputación.

Luis Menor, con Alfonso Rueda / Foto: PPdeG

Feijóo acudiu en numerosas ocasións ao auxilio dos Baltar, mesmo para converter en alcalde de Ourense a Gonzalo Pérez Jácome en 2019 co obxecto de garantir o apoio do líder de Democracia Ourensana ao PP na Deputación. Ou para impedir que o seu partido desaloxase a Pérez Jácome cunha moción de censura cando o rexedor perdeu o apoio de varios dos seus concelleiros. Ou, máis recentemente, cando o ano pasado fixo senador a Baltar fillo atrasando así un ano o seu procesamiento por un delito contra a seguridade viaria.

Na primeira das gravacións, un empresario da localidade da Rúa afirma que comprou un automóbil Rolls-Royce para o presidente da Deputación a cambio dunha praza de funcionaria para a súa irmá, quen, segundo puido constatar este diario, efectivamente a obtivo.

O prezo do vehículo, adquirido en Autos Santa Rita, un concesionario ourensán de compravenda de coches de luxo, era de sete millóns de pesetas —os interlocutores exprésanse en ocasións na extinta moeda—, é dicir 42.000 euros.

Esta é a conversación e a súa transcrición:

«Canto che custou o Rolls Royce?»

– Que che ía a dicir eu? A praza da túa irmá, como está o tema?
– Díxome que había unhas reunións de traballo que tiñan o mércores e que se saía ben pois que a chamaban para a semana ou así.
– Pero carallo, foder, o que levas ti, carallo… Non me fodas, o que levas ti dado… Cona! Xa está ben!, eh?
– Iso é verdade, si.
– Pero hostias, ti… Carallo, canto che custou o Rolls-Royce que lle pagaches ti ao Santa Rita [concesionario de vehículos de luxo en Ourense ao que Baltar compraba os coches da colección que foi engordando durante o seu mandato]. Seis millóns ou así?
– Seis… Ou sete.
– Sete? Eu non sei si ouvinlle a el ou a quen foi entón, que eran seis… Pois mira, sete, sete quilos. E o que levas ti dado.
– Efectivamente.

“Eu pensaba que o Rolls-Royce valérache seis millóns, pero foron sete, non?”

[…]

– O tema da túa irmá, carallo, Baltar, hostia, foder, ten que… Enténdesme? Porque xa está ben, enténdesme?.. Pois eu non sabía, eu non sabía que… Eu pensaba que o Rolls-Royce valérache seis millóns, pero foron sete, non?
– Si, por aí debía de andar.
– Foder, como lle diste sete millóns ao de Santa Rita? É un atracador!
– Eu non sei si é un atracador ou que…
– É un atracador, un xitano, carallo… Iso traíalo ti doutro lado pola metade do diñeiro. Fodeuche sete quilos e agora vas ao carallo. Bo…
– É un xitano.
– Exactamente. Bo, pois tranquilo, pois a ver como…

Na segunda das gravacións, outra persoa, neste caso un funcionario do servizo de condutores da Subdelegación do Goberno en Ourense, tamén fala de como reclamar unha praza para a súa filla tras pagar catro millóns de pesetas —24.000 euros—, outro vehículo valorado en cinco millóns de pesetas —30.000 euros— e outros tres millóns de pesetas —18.000 euros—para o partido.

Segundo puido saber este diario a través de fontes internas da Deputación, ela tamén obtería a súa praza. A fonte de Luzes-Público asegura ter constancia de que o diñeiro e o coche fóronlles entregados aos Baltar, como se desprende daquela conversación:

«Sen o coche, dinlle catro millóns»

– Eu creo que xa están ben, agora non se pode… Agora hai que presionar o tema e punto. Acabouse a historia, enténdesme?
– Si, teño que ir e dicirlle: «Mire, isto de agora non pode pasar».
– Claro, porque, vamos a ver, ao Baltar, canto lle deches ao principio?
– Pois mira, sen o coche, deille catro [millóns].
– Catro. E o coche?
– Cinco.
– E agora iso, o que lle diste agora para o partido tamén, agora no congreso. A hostia, unha cona!
– Deille tres, tamén.
– Eu era máis por sabelo, e dicirlle… «Eu creo que non está mal, non?». Enténdesme?
– Claro!

Xosé Luís Baltar acumulou durante os seus anos á fronte da Deputación unha valiosa colección de vehículos clásicos, segundo desvelou o diario El País hai 11 anos. En 2014 foi condenado a nove anos de inhabilitación por prevaricación por haber enchufado a 104 militantes do PP na Deputación de Ourense poucos meses antes do congreso provincial do PP no que cedeu ao seu fillo o poder no partido co voto de moitos daqueles compromisarios aos que acababa de contratar.

Entón, Feijóo evitou condenar a actuación de Baltar pai e limitouse a cualificar os feitos como unha mera «irregularidade».

«Canto lle deches ao principio?». «Pois mira, sen o coche, deille catro [millóns]». «Catro. E o coche?». «Cinco»

Pola súa banda, Baltar fillo deixou a presidencia da Deputación e do PP provincial o ano pasado tras os escándalos nos que se viu inmerso polas numerosas irregularidades do parque móbil da institución, así como polas gravacións publicadas por Luzes-Público en maio do ano pasado, nas que o seu irmán admitía que ambos recibían mordidas dos construtores adjudicatorios de obras pagas polo organismo. A Fiscalía abriu unha investigación por mor deses audios.

Rueda abraza a Baltar o día da súa dimisión como preidente do PP de Ourense, en presencia de Paula Prado / Foto: PP

Baltar tamén enfrontou varias polémicas polas súas propias multas por exceso de velocidade ao volante dun dos vehículos oficiais —a Deputación de Luis Menor acaba de pagar 1.200 euros por unha de elas—; polas sancións atribuídas a familiares do seu chofer persoal que logo obtiñan tamén prazas de funcionario na Deputación, e polos agasallos, ceas e diversos artigos pagos sen xustificar por ese condutor con diñeiro público, entre outras.

Senador por designación autonómica

Na primavera de 2023, Feijóo e o seu sucesor en Galicia, Alfonso Rueda, pactaron facer a Baltar senador por designación autonómica. O seu pai tamén ocupara un escano na Cámara Alta entre 1993 e 2000. A semana pasada, o pleno do Senado acordou levantarlle a inmunidade para que o Tribunal Supremo poida xulgalo por un delito contra a seguridade viaria por conducir a 215 km/h o Passat de 280 cabalos da Deputación que tiña á súa disposición.

Hai un mes, Luis Menor tratou de modificar a relación de postos de traballo do organismo provincial para premiar ao exchófer de Baltar coa xefatura do parque móbil, a pesar de que forma parte do persoal de persoal laboral e non é funcionario de carreira. O pleno rexeitou a modificación cos votos de PSOE, BNG e Democracia Ourensá , que alegaron que a proposta incumpría as normas reguladoras da Administración local.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail