O chofer ao que Baltar sinala por falsear multas pagou comidas e agasallos do presidente do PP ourensán con fondos da Deputación

A Coruña.- O chofer de Manuel Baltar, cuxa muller e filla figuran como condutoras dos vehículos oficiais da Deputación de Ourense en senllos expedientes sancionadores da Dirección Xeral de Tráfico, pagou con cargo aos fondos da institución comidas do presidente, así como agasallos, flores, doces, accesorios e software informático, a reparación de móbiles e outros dispositivos como tabletas, e ata un balón de balonmán.

Así consta na documentación do ano 2021, á que tivo acceso Luzes-Público e que se ofrece neste artigo, relativa á liquidación de gastos de Raúl Domarco Piñeiro, responsable do parque móbil de Presidencia ata a súa xubilación en decembro pasado. En total, son máis de 3.800 euros en facturas consignadas como gastos menores mediante anticipos de caixa durante ese exercicio.

Segundo as follas de liquidación, Domarco pasou á Deputación gastos como as facturas da inspección técnica de catro vehículos oficiais por valor duns 40 euros cada unha e máis de 342 euros en billetes de aparcamento.

O resto, ata a cantidade total citada, é dificilmente xustificable dentro das súas funcións como responsable do parque móbil e condutor asignado á presidencia. Moitos deses desembolsos están consignados como «gastos de protocolo» e atribuídos á «Presidencia» ou ao «presidente«» do organismo.

Preto de 800 euros en comidas

Entre eles figuran catro comidas por uns 780 euros en total en tres restaurantes da provincia de Ourense e outro en Asturias. Unha é do 13 de agosto no restaurante Reitoral de Parada de Sil, por 131,40 euros, baixo o concepto «Comida presidente Málaga»; outra está anotada como «Comida a volta feminina», o 3 de setembro, por 140 euros, no Hostal A Viúda, de Pobra de Trives.

A terceira comida rexístrase tres días despois, o 6 de setembro, na gastroteca Floridita de Oviedo, por 114,70 euros, e é xustificada como «Comida premio Ourensania», un galardón que entrega a Deputación para distinguir a personalidades destacadas polo seu labor profesional.

En 2021 concedeuse este premio ao presidente do Comité Olímpico Español. O xurado, presidido por Baltar, reuniuse un mes antes na localidade de Esgos, onde este é concelleiro, a 18 quilómetros de Ourense pero a 370 de Oviedo. O acto de entrega foi o 11 de novembro no Teatro Principal da capital ourensá, sen que na axenda de Baltar conste ese día acto algún na capital ou relacionado co premio.

O cuarto xantar, por 397 euros, tivo lugar o 14 de outubro no restaurante Agape Liceo de Ourense, e o concepto co que Domarco o xustifíca é «Comida protocolo presidencia».

Ademais, o chofer cargou outros 184,75 euros en restaurantes, bares, pizzerías, panaderías e confeiterías xustificados como «gastos protocolo», «protocolo presidencia», «varios protocolo presidencia» e «cafés presidencia»… Mesmo aparece un cargo de 59,55 euros nun restaurante de pitos asados para levar como «Protocolo presidencia».

Un coxín de 90 euros e 54 euros en bicas galegas

A Deputación abonou a Domarco varios gastos por outras compras: unha botella sanitaria (75 euros), un centro de flores (70 euros), un balón de balonmán (14,95 euros), un «coxín protocolo» (92,25 euros) adquirido nunha tenda de teas; papel de agasallo (18 euros); produtos de bazar (10,80) e de óptica (11,80).

Tamén se pagaron 541,90 euros por catro facturas de reparacións de iphones, ipads e equipos informáticos; 34,74 euros por un queixo de Ourense e 54,20 por varias bicas.

Hai dúas facturas por 260 euros dos supermercados almacenistas Cuevas Cash de Ourense xustificadas como «Agasallos Presidencia», un tique de once euros por unha visita á catedral de Ourense e outro de 21 consignado tamén como «Catedral Ourense», así como 28,80 euros en «Adornos de Nadal» adquiridos o 11 de novembro.

 

Resultan rechamantes as compras dun «Pan de Cea Presidencia» por 8,15 euros; un gasto de 99 euros na web de Apple, outro de 119,88 na de Dropbox e outros 45 euros por unha solicitude á Federación de Gremios de Editores de España para obter un código ISBN, a referencia internacional que identifica un libro e permite a súa comercialización.

Combustible e peaxes

Finalmente, a Deputación de Ourense pagou a Domarco preto de 160 euros por gastos en gasolina e gasoil, cando cada coche oficial do organismo ten asignada unha tarxeta de crédito Repsol coa que se abonan as reposicións, e de cuxos pagos os condutores deben obter recibo con data, lugar e hora de compra. Eses datos non aparecen na citada liquidación.

Cando se usa algún dos coches oficiais que non teñen dispositivo de pago electrónico para peaxes, os choferes deben abonalo con esa tarxeta, pero Domarco pasou varios billetes de autoestrada con eses mesmos conceptos.

Ata 1.500 euros por unha soa multa

En abril de 2021, un dos coches oficiais da Deputación foi captado por un radar circulando a 179 quilómetros por hora na AP6, e un ano despois, o mesmo vehículo foi detectado a 171 km/h na A52. Como condutoras foron sancionadas, respectivamente, a filla de Domarco, Laura Domarco Álvarez, tamén funcionaria provincial, e a súa muller, María José Álvarez Rodríguez, identificadas diante a DXT como responsables das infraccións.

A Deputación, titular dos vehículos e onde chegaron as comunicacións da DXT co reclamo de comunicar quen conducía no momento da infracción, asegura que non consta nos seus arquivos «rexistro oficial» desa comunicación, e sinalou nun comunicado a «mala praxe» de Domarco.

As sancións coinciden coas datas e as horas nas que Baltar, que xa foi multado noutras ocasións por conducir os coches oficiais a máis velocidade da permitida —unha delas a 215 km/h e outra a 173 km/h o mesmo día—, asistiu a senllos actos en Madrid e Valencia, e con eses traxectos.

O coche co que Baltar foi multado dúas veces acumula polo menos outras nove sanciones nas que a Deputación non identificou a ningún condutor. Polo menos nunha ocasión, a DXT triplicou a multa, de 500 euros, e o organismo acabou pagando 1.500.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail