Santiago.- A Xunta de Galicia presidida por Alfonso Rueda destituíu do seu cargo de xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza a Eloína Núñez Masid, prima do presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, quen impulsou a súa carreira política e na administración sanitaria e anomeou para ese cargo en febreiro de 2017.
O anuncio, que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) fixo público o pasado sábado, produciuse un día despois de que os pacientes de cancro da área sanitaria anunciasen unha rolda de prensa para denunciar o mal funcionamento do servizo de oncoloxía.
Alegan atrasos de ata oito meses nas citas para a revisión da súa enfermidade; demoras de ata dez horas nos horarios previstos para os seus tratamentos de quimioterapia, e polo menos un caso dunha intervención cirúrxica de reconstrución errada tras unha mastectomía na que non participaron cirurxiáns plásticos e na que se implantaron á paciente prótese non adecuadas.
Eloína Núñez Masid é médica de atención primaria e foi concelleira do PP no Concello de Ourense. Feijóo nomeouna xerente da área sanitaria desa cidade nada máis chegar á presidencia da Xunta en 2009, e ascendeuna posteriormente á de Santiago, converténdoa así na en xerente dos cinco hospitais que a conforman.
Vogal na ejecutiva do PP de Galicia
En xullo de 2021 designouna tamén vocal no comité executivo do PP de Galicia, onde Rueda a mantivo tras a última reestruturación da dirección do partido en Galicia.
Desde o pasado inverno, a Asociación de Pacientes do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) vén denunciando que os enfermos e as enfermas de cancro padecen atrasos inxustificados nas citas para a revisión das súas doenzas. O pasado 25 de marzo presentaron unha queixa colectiva na Valedora do Pobo.
O conselleiro de Sanidade da Xunta é Antonio Gómez Caamaño, quen ata o seu nomeamento o pasado abril ocupaba precisamente a xefatura de Oncologia Radioterápica do CHUS. Este luns, preguntado polo cesamento de Eloína Núñez Masid, limitouse a asegurar, sen citala expresamente nin expresar agradecemento aos seus servizos, que a área sanitaria compostelá «ten unha singularidade especial e fai falta xente especial».
«Non é unha crítica á xestión [precedente], é simplemente que os proxectos empezan e acaban», dixo. «Novos tempos, nova xente, esas xerencias debían cumprir o seu papel», engadiu. Con respecto á situación das enfermas de oncoloxía, anunciou que «coa chegada da nova xerencia haberá que reformularse todo» no servizo.
Maioría de mulleres
Durante a rolda de prensa que ofreceron este luns en Santiago, as afectadas, na súa maioría mulleres, negaron que se tratase dun problema conxuntural, como ata o de agora viña defendendo o Sergas. Varias delas contaron os seus casos.
Aida C. C. explicou que leva cinco meses esperando á revisión que tiña que pasar en decembro de 2023 polo seu cancro de mama. Cristina expuxo o caso da súa nai, paciente oncolóxica desde 2011 o pasado venres 3 de maio tivo que esperar dez horas para un tratamento de quimioterapia de 15 minutos. «Citárona ás nove da mañá e saíu do centro ás dez da noite», afirmou.
Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade: «Non é unha crítica á xestión, pero esas xerencias debían cumprir o seu papel»
Outra paciente, Miriam, narrou que fora sometida a unha dobre mastectomía con reconstrución inmediata, na que non participou ningún cirurxián plástico. «A reconstrución foi desastrosa, as próteses non eran adecuadas para min nin por forma, nin por tamaño nin por materiais. Prodúcenme severas dores e psicoloxicamente atópome bastante mal», afirmou.
As afectadas alertaron do custo persoal que para elas ten o sacrificio decidido polo o Sergas, que supón que a Xunta atrase inxustificadamente as revisións ás que deben someterse, que nin sequera se lles dea cita para elas e que llas inclúa «nun sistema de caixa de correos» sen informalas de previsión algunha de cando poderán ser atendidas.
«Vulnera a legalidade»
O portavoz da asociación, Fernando Abraldes, advertiu de que ese sistema vulnera a legalidade, contra o establecido nunha orde do Sergas do ano 2004 que garante o dereito de todos os pacientes en seguimento a contar cunha cita «salvo excepcións debidamente autorizadas e por un tempo claramente definido».
«O sistema de caixa de correos é unha área virtual indeterminada e carente de ningún tipo de regulación», alertou Abraldes. «Os enfermos permanecen nese limbo durante un tempo indeterminado sen coñecer en que momento van ser citados e aínda que as súas doenzas requiran unha atención clínica pautada e nos tempos debidamente establecidos polos protocolos, como sucede cos e as pacientes de cancro», engadiu.
Durante os seis anos con Núñez Masid á fronte, os hospitais de Santiago e a comarca de Barbanza, na costa sur coruñesa, rexistraron os peores datos de listas de espera de Galicia.
A Xunta recibiu nesa época multitude de denuncias por colapsos recorrentes nos servizos de urxencias e por esperas inxustificadas de pacientes, bebés incluídos, con enfermidades raras ou doenzas graves para citas con especialistas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas.
A prima do presidente do Partido Popular enfrontou tamén numerosos conflitos co persoal dos hospitais pola carencia de medios humanos e o deficiente funcionamento dalgúns servizos, incluída unha folga de médicos otorrinos que durou nove meses.
O Sergas non responde
O substituto de Núñez Masid é Ángel Facio Villanueva, ata o de agora xerente da área sanitaria de Ferrol.
A Xunta non confirmou nin desmentiu que planee situar á exgerente noutro posto de xestión sanitaria no Goberno de Alfonso Rueda.