O PP négase a investigar en Galicia as adxudicacións á empresa do cuñado de Feijóo durante a emerxencia sanitaria

A Coruña.-  O Partido Popular, que impulsou a comisión do Senado que investiga as contratacións de manterial sanitario polo chamado caso Koldo, rexeitou este martes facer o mesmo en Galicia coas adxudicacións durante a pandemia baixo os gobernos de Alberto Núñez Feijóo.

O portavoz dos populares, Alberto Pazos, desacreditou a proposta de abrir unha comisión no Parlamento de Galicia para estudar eses contratos e acusou ao BNG, autor da iniciativa, de «enlamar a política galega». Os nacionalistas, ao seu xuízo, «deliran», chegou a dicir.

O BNG baseaba a súa pretensión nun informe do Consello de Contas, o organismo que fiscaliza a contabilidade da administración autonómica, que desvelou numerosas irregularidades e defectos nos procedementos de contratación durante a epidemia de covid en Galicia.

Entre outras cousas, que Universal Support, empresa da que é director comercial o cuñado do presidente do PP, foi a máis beneficiada por esas adxudicacións en 2021 a pesar de que non tiña vinculación algunha co sector sanitario.

Segundo publicou Luzes-Público, esa compañía levou contratos da Xunta por valor de 19,2 millóns entre 2020 e 2023. Na súa maioría fíxoo mediante adxudicacións tramitadas polo procedemento de emerxencia, é dicir a dedo e sen concurso público, aínda que no caso doutros 4,2 millóns, levou a licitación coa oferta económica menos vantaxosa das que foron estudadas.

Os contratos tiñan por obxecto o establecemento dun call center para atender chamadas cidadás relacionadas coa covid e coas citas para as vacinas; e para o seguimento de casos da enfermidade.

O deputado nacionalista Iago Tabares denunciou que a Xunta non remitira ao seu grupo a documentación que solicitaron sobre eses procedementos, e defendeu que as sospeitas sobre eses contratos están fundamentadas no informe do Consello de Contas e nas investigacións xornalísticas iniciadas polo diario Nós.

A portavoz do PSOE, Patricia Iglesias, exletrada maior do Consello e quen apoiou a postura do BNG, asegurou que os contratos «non foron transparentes» e desvelou que contiñan «ineficiencias e irregularidades». «Se non hai nada que ocultar, o PP non tería nada que temer a que se constitúa esta comisión», aseverou.

O deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, tamén apoiou a proposta do BNG «non por afán morboso ou acusador», senón como método de «aprendizaxe e lección para o futuro», dixo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail