O irmán de Baltar recoñece mordidas e financiamento ilegal do PP: «Ata que me dean os 8.000, teñen cortada a billa»

A Coruña.- José Luis Baltar, irmán do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, fala en varias gravacións de audio e en mensaxes curtas e a través de Whatsapp, aos que tivo acceso Luzes-Público, de mordidas e financiamento ilegal das campañas electorais do Partido Popular mediante comisións pagas polas empresas que contratan obra pública coa institución provincial.

Nunha das conversacións, José Luis Baltar fala cunha persoa sobre como conseguir que un contratista, ao que outra empresa derivou unha obra da Deputación no municipio de Piñor de Cea, lles pague a mordida que lles adebeda. O irmán do presidente da Deputación explícalle o que el mesmo lle dixo ao arquitecto do Concello: «Ti certifica o que poidas, porque é unha cousa do irmán do xefe».

José Luis Baltar naceu en 1969 e é o segundo fillo de José Luis Baltar pai, que presidiu a Deputación e o PP ourensán desde principios dos noventa ata 2012. Aquel ano dimitiu acosado por varios casos de corrupción que finalmente derivaron nunha condena de nove anos de inhabilitación.

 «Un código anticorropción! Estes fillos de puta queren acabar comigo!»

O seu fillo Manuel herdou ambos os cargos, mentres que o outro fillo, José Luis, foi empregado de banca desde que empezou a traballar en Caixa Ourense, cando a Deputación que presidía o seu pai tiña unha importante participación nesa entidade. Ata hai dous anos traballou en Abanca, o banco privado resultante da fusión das caixas galegas, entre elas Caixa Ourense, despois de que estas tivesen que ser rescatadas, intervidas polo Estado e fusionadas na empresa resultante.

Precisamente, nunha conversación en 2018, José Luis expresa ironicamente a súa postura respecto das prácticas das que presume, ríndose dos protocolos de Abanca: «Hoxe saíu unha nota, ‘Ampliación do código ético para empregados de Abanca. Código anticorrupción’. Contratas, non sei que, non sei canto… Xa non mirei nada, xa non quixen mirar nada… Que dixen eu, estes fillos de puta van por min! Estes quérenme botar!».

«De cada obra, pim, pam, pim, pam»

Seguindo coas súas explicacións, o irmán do presidente confirma a súa intención de presionar ao contratista e ao subcontratista para poder cobrar as mordidas acordadas polas obras: «Oe, se hai máis obras, macho, aquí, favor por favor, tesme que axudar a cobrar o deste, aínda que sexa aos poucos. De cada obra, pim, pam, pim, pam, do que lle toca a el […]. Pero isto é por deixarlle as obras ao tío. Plas! O tío dáme isto polas obras. E o resto, o Ramón quedou en tal, xa lle dixen agora: ‘Hai que axudarme a cobrar esta… Nestas obras que van vir’».

Luzes-Público confirmou con varias fontes que é José Luis Baltar quen fala nos audios e confirmou que o móbil a través do que se mantiveron os cruces de mensaxes curtas e de whatsapps é o seu.

Preguntado por este diario, José Luis Baltar asegurou que non tiña coñecemento ningún do asunto e evitou dar máis explicacións agás que el non tiña «nada que ver coa política» e que «estaba xubilado». Este diario tamén chamou ao seu irmán, Manuel Baltar, presidente da Deputación, sen obter resposta, e indicoulle por mensaxería o desexo de obter a súa versión. Pouco despois, o seu equipo de comunicación respondeu por WhatsApp: «Non faremos comentarios».

Máis ‘whatsapps’

Noutro lote de mensaxes, José Luis tamén mantén por sms e por whatsapp, a través do seu teléfono privado e do corporativo de Abanca, varias conversacións nas que fala da comisión pola obra anterior e grazas á cal poderá saldar as súas débedas:«Da outra xa quedei co meu irmán en que tiñan que darme o resto pero houbo algún problema que o alcalde protestou, que non estaba ben feito e aínda non a cobraron […]. A de Bande [outro municipio ourensán] non se puido coller porque me dixo o meu irmán que non era adxudicación directa jaaaa [sic] pero que me dará unha das súas e con iso xa podería devolverche todo».

«Hai que axudarme a cobrar de estas obras que van vir»

En máis mensaxes, José Luis explica a outra persoa como a Deputación de Ourense forzaría á empresa construtora Coviastec a facerse cargo do rescate financeiro do Club Baloncesto Ourense no ano 2016 a cambio de seguir recibindo obras da Deputación. Esta empresa é unha das cinco construtoras que levan o 70% das adxudicacións de obras menores da institución provincial, segundo advertiu hai dous anos o Consello de Contas de Galicia.

José Luis Baltar: Hablé con mi hermano y tenías tú razón. Si Camilo y la empresa no cogían el COB se le cerraba el grifo de las obras de la Dipu [sic]. Y [sic] igual también las de la Xunta.

Interlocutor: Camilo no invierte si no es para sacar dinero como sea, pero igual tu hermano, si le cierra el grifo también sale él perdiendo… Las mordidas se le van al carajo

José Luis Baltar: Y no creo que Camilo y la puñetera empresa les cobre sólo el 3%.
Jaaaa…. Según me dijo este creo que ya le ha subido en alguna obra el porcentaje al 12%.

Coviastec é a construtora de Benigno Álvarez Álvarez, exalcalde do municipio de Maside, quen estivo á fronte do Concello desa localidade ata que deixou a dirección da compañía e cedeulla ao seu fillo, Camilo Álvarez, á súa vez expresidente do Club Ourense de Baloncesto. A conversación de José Luis Baltar co seu interlocutor continúa e falan de «Camilo» e de «Benigno», relacionándoos coa trama das mordidas coa colocación de persoal na Deputación e co financiamento das campañas electorais do Partido Popular:

Interlocutor: E agora coas múltiples eleccións que se aveciñan quen cres que vai financialas??? Como sempre… A empresa. Cando eu fun de concelleiro non pasei un só euro á empresa… Paguei todo do meu peto e sábeno todos…

José Luis Baltar: Iso sábeo toda a provincia e os alcaldes, funcionan con todos igual, a base de porcentaxes. E o financiamento non sei canto lles custará esta vez, supoño q pagarán a maior parte como sempre jaaaaa

Interlocutor: Pero só financian as municipais ou tamén as outras?

José Luis Baltar: Todas carallo, o teu pareces […] jaaaa. Desde sempre.

Interlocutor: Estaba […] Preguntácheslle ao teu irmán?

José Luis Baltar: Claro, ti es […], sábeo todo deus

Interlocutor: E que dixo das prazas de funcionarios dos xenros de Benigno?

José Luis Baltar: Desconto en obras como ti desconfiabas.

Interlocutor: Estaba cantado

Luzes-Público tamén se puxo en contacto con Camilo Álvarez, de Coviastec, quen negou «rotundamente» a participación del ou das súas empresas en calquera actividade ilícita ou irregular relacionada coa cobranza de mordidas, comisións ou co financiamento ilegal de ningún partido. «Dedícome á obra pública e traballo con todas as Administracións. É unha empresa que desde o ano setenta se dedica a buscar a vida cun persoal importante. Ao que me di, rotundamente non».

«O trampas»

No último cruzamento de mensaxes entre José Luis Baltar e o seu interlocutor, este interrógalle polas obras que o seu irmán Manuel, a quen alcuma O Trampas, lle pasou-

Luis Baltar: Xa lle dixen que mentres non cobrase non había máis obras. Xa avisei ao Trampas e ata que me dean os 8.000 que dixeramos tenlle cortado a billa.

Interlocutor: Pois a ver se che pagan. Non vaia a ser que o cobre o Trampas… Jaaaaaa (sic) este róubachos ata ao teu irmán ehhhh jaaaaaa (sic)

José Luis Baltar: E unha merda, esta vez deixeillo claro, correspóndenme a min.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail