A Coruña.- O novo presidente do PP de Ourense e da Deputación Provincial, Luis Menor, levará este venres ao pleno unha proposta de modificación da relación de postos de traballo (RTP) do organismo para consolidar como xefe do parque móbil de presidencia ao que foi chofer do seu antecesor, Manuel Baltar.
Segundo fontes consultadas por Luzes-Público, a manobra, de ser aprobada, contraviría a normativa legal dado que esa persoa pertence ao cadro de persoal laboral da Deputación e non é funcionario.
Este diario puido saber que ese chofer levaría varios anos exercendo de maneira irregular as funcións de xefe do parque móbil, posto que a norma que regula as bases do réxime local tamén prohibe que o persoal laboral exerza competencias xerárquicas de autoridade sobre os funcionarios.
«Estímase conveniente reformular o posto de xefe/a do parque móbil de presidencia xa que actualmente está previsto únicamente para funcionarios (…) cando se debe ampliar tamén para as prazas do cadro laboral», di a proposta de Menor, que non argumenta esa necesidade nin explica a razón pola que contradí a lei á que debería aterse.
Tamén obvia que hai condutores do servizo que si teñen a condición de funcionarios de carreira e que son quen debería cubrir esa praza.
Libre designación
Luzes-Público dirixiuse á Deputación para interesarse polo caso e para saber se a modificación da RPT está destinada a que Menor nome posteriormente xefe de servizo polo procedemento de libre designación ao exchófer de Baltar.
O responsable de comunicación do organismo limitouse a sinalar que a proposta obtivo o apoio da representación social da Deputación e que «non foi impugnada polos sindicatos».
O exchófer de Baltar, que agora tamén o é de Luis Menor, conducía o vehículo oficial no que viaxaba o expresidente o día en que a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) o cazou circulando a 157 km/h nun tramo limitado a 90, nunha das decenas de sancións que acumularon durante os seus mandatos os coches de parque móbil do organismo, incluídas as súas.
Aquela multa era de 500 euros e seis puntos no carné de conducir, pero a Deputación acabou pagando 1.500 porque se negou a identificar o condutor. Baltar rexeitou que soubese quen conducía tras esgrimir ante o pleno as conclusións dunha suposta investigación interna que, na súa versión, non podería esclarecelo.
Na foto do expediente sancionador da DXT publicada pola cadea SER e que o PSOE levou ao seguinte pleno, advírtese o engano porque nela obsérvase que el mesmo viaxaba no asento do copiloto no momento da infracción.
O exchofer de Baltar, quen o pasado 23 de maio se presentou nas listas do Partido Popular para as eleccións locais no municipio ourensán de Cenlle, foi unha das persoas que recibiron gratificacións aprobadas polo hoxe senador pouco antes de deixar a Deputación.
En total, Baltar entregou 55.000 euros ao seu persoal de confianza. Ese condutor, outras tres traballadoras do seu gabinete e varios altos cargos e mandos intermedios, que xa cobran outros pluses como o de produtividade, recibiron unha paga extra de entre 2.000 e 5.000 euros sen que o organismo xustificase que se debían a algo distinto a un agasallo persoal pagado con diñeiro público.
Luis Menor mantivo nos seus postos, incluíndo ao persoal da súa propia secretaría, a ese equipo de confianza de Baltar.
Doutra banda, o expresidente da Deputación segue á espera de que o Tribunal Supremo tramite o suplicatorio no Senado para xulgalo por un delito contra a seguridade viaria por conducir o coche oficial da institución a 215 km/h.
Ese mesmo vehículo acumula varios expedientes sancionadores máis por exceso de velocidade, algún dos cales concluíron co pago de cantidades que triplicaban a multa inicial porque a Deputación tamén se negou a identificar o condutor.