Case a metade dos contratos de axencias, fundacións e sociedades da Xunta de Feijóo incumpriron a legalidade en 2018

A Coruña.- Case a metade dos contratos licitados no ano 2018 polas entidades instrumentais da Xunta fundacións, axencias, consorcios, sociedades públicas, etcétera incluíron criterios de adxudicación contrarios á legalidade.

Así o asegura un informe do Consello de Contas de Galicia, que alerta ademais de que esas entidades, que durante os mandatos de Alberto Núñez Feijóo (2009-2022) chegaron a xestionar máis do 15% do orzamento autonómico, usaron os contratos menores de maneira irregular.

O estudo refírese a 2018, o ano en que entrou en vigor a nova Lei de Contratos do Sector Público. Esa norma traspuxo á lexislación española a normativa comunitaria e pretendía, segundo a súa exposición de motivos, dotar de maior transparencia ás adxudicacións e conseguir unha mellor relación calidade-prezo nos bens e servizos adquiridos polas administracións.

Segundo o informe do Consello de Contas, o 46% dos expedientes revisados e que foran tramitados polas entidades descentralizadas da Xunta polo procedemento convencional aberto é dicir, mediante concurso público e concorrencia de ofertas «incluíron criterios de adxudicación susceptibles de anulación por ser contrarios á legalidade ou á doutrina dos órganos de recursos contractuais».

Transparencia e igualdade de trato

O organismo advirte de que esa circunstancia «pode actuar como factor restritivo da concorrencia» e que afecta os principios «de transparencia e igualdade de trato restando obxectividade ao proceso de selección» das empresas adxudicatarias.

As entidades descentralizadas da Xunta, cuxa débeda creceu ata os 631 millóns de euros durante os anos de Goberno de Feijóo, adxudicaron mediante procedemento aberto no ano 2018 un total de 477 contratos por un importe global de 251,32 millóns de euros.

Ademais, axencias, fundacións, empresas públicas e consorcios gastaron como mínimo outros 51,12 millóns de euros en contratos menores, é dicir os que non superan os 40.000 euros en adxudicacións de obras ou os 15.000 euros nas de servizos. Eses contratos, segundo a nova lei, poden adxudicarse directamente a calquera empresario sen necesidade de concurso.

No 46% das entidades cuxas adxudicacións estudou o Consello, a administración paralela da Xunta usou a ese procedemento «para contratar prestacións que responden a necesidades a contratación menor recorrentes que se reiteran anualmente e cuxo importe, calculado de forma acumulada, excedía o límite que permite adxudicar de forma directa».

«Isto evidenciou un incumprimento da obrigación de planificar a actividade contractual e das regras de cálculo do valor estimado dos contratos», di o estudo.

Fraccionamento indebido en contratos menores

No 15% das entidades detectáronse, ademais, «supostos de fraccionamento indebido do obxecto do contrato», de forma que se adxudicaron de forma separada, mediante contratos menores, servizos entre os que existía «un vínculo operativo que esixía a súa licitación conxunta a través doutros procedementos» máis garantistas.

Segundo o informe do Consello de Contas, advertiuse tamén o uso irregular dos contratos menores «como contratos-ponte» mentres non se resolvía a licitación a través doutros procedementos, por cantidades que finalmente superaron con moito o límite legal. Como exemplo, os auditores do organismo advirten que tres deses contratos menores acabaron sumando gastos de 3,6 millóns, 210.991 euros e 129.708 euros respectivamente.

«Os contratos revisados adxudicáronse directamente sen efectuar unha mínima comparación de prezos e ofertas»

A análise do organismo fiscalizador do Consello de Contas advirte así mesmo de que a recomendación de que a Administración solicite polo menos tres ofertas de empresas distintas para adxudicar un contratos en condicións vantaxosas de calidade e prezo «foi excepcional» nas entidades descentralizadas da Xunta. «Con carácter xeral, os contratos revisados adxudicáronse directamente sen efectuar unha mínima comparación de prezos e ofertas».

«Fóra daqueles casos nos que non resulta posible promover concorrencia, se non se xustifica por que se elixe ese adxudicatario e non se contrastan outras opcións, ademais de prexudicar a consecución dun mellor prezo, constitúe un factor de risco para favorecer a unha determinada empresa», conclúe o informe.

Durante os mandatos de Feijóo producíronse numerosas denuncias sobre o trato de favor a determinadas sociedades por parte da Xunta, incluídas algunhas vinculadas á súa contorna familiar.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail