Feijóo SA: as empresas vinculadas á contorna íntima do líder do PP que se beneficiaron do diñeiro da Xunta

A Coruña.- As empresas vinculadas a persoas da contorna máis próxima do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, beneficiáronse durante anos de axudas e adxudicacións da Xunta cando este era o seu presidente, un cargo desde o que tamén ascendeu a postos de responsabilidade aos seus familiares directos.

O último exemplo foi Universal Support, filial coruñesa de telemarketing da multinacional Konecta que entre 2020 e 2023 recibiu polo menos 19,2 millóns de euros en adxudicacións do Servizo Galego de Saúde, a maioría delas polo procedemento de emerxencia e sen concurso público.

Universal Support, sen vinculación algunha co sector sanitario, farmacéutico ou biomédico, beneficiouse dos fondos anticovid da Xunta para prestar o seu call center como centro de información cidadá sobre a pandemia; para rastrexar casos da enfermidade e para asesorar sobre citas, calendarios e certificados de vacinación.

No único concurso público que gañou, por valor de máis de catro millóns de euros, Universal Support presentou a oferta económica menos vantaxosa, pero a mellor en materia de formación de persoal, gestón e organización e infraestruturas física e tecnolóxicas.

O irmán da parella de Feijóo

O director comercial da empresa é Ignacio Cárdenas Botas, irmán de Eva Cárdenas, parella de Feijóo desde 2013, exdirectiva de Inditex e quen desde finais do ano pasado exerce como directiva en Mango. Previamente traballou dous anos nunha empresa da Fundación Sargadelos, que recibiu axudas da Xunta, pero cando ela non formaba parte do persoal da compañía.

Quen si traballaba nunha sociedade que recibiu centos de contratos da Xunta durante os mandatos de Feijóo foi a súa irmá, Micaela Núñez, directiva do Grupo Eulen, especializado en seguridade, limpeza e prestación de servizos diversos a empresas e administracións públicas.

A Xunta multiplicou as adxudicacións a Eulen desde que Feijóo accedeu á presidencia da Xunta

Segundo a investigación que Luzes-Público publicou entre febreiro e marzo de 2022, a Xunta multiplicou as adxudicacións a Eulen desde que Feijóo accedeu á presidencia da Xunta en abril de 2009. Entre ambas as datas, a compañía e as súas filiais fixéronse con polo menos 140 contratos da administración autonómica por valor de máis de 37 millóns de euros.

O ano no que Eulen rexistrou o seu récord adxudicacións foi 2015, con 6,2 millóns. Ao exercicio seguinte, Micaela Núñez, directora rexional en Galicia, foi ascendida á dirección para o noroeste de España.

Trato de favor ou manexo de información privilexiada

A investigación de Público desvelou indicios de que en numerosas ocasións Eulen recibira trato de favor ou manexaba información reservada sobre as ofertas das súas competidoras e as condicións dos concursos.

En varios casos levou os contratos coa proposta económica máis cara, por exclusión dos outros licitadores sen que nos expedientes consten explicacións a esa decisión ou mesmo cando presentaba ofertas en baixa temeraria. É dicir anormalmente baratas, que podían poñer en perigo o correcto cumprimento dos servizos contratados ou que se baseaban nos baixos salarios do persoal destinado a prestalos.

Más do 77% do total do diñeiro público que Eulen ingresou con Feijóo á fronte da Xunta adxudicouse a través de entidades instrumentais como axencias, fundacións, sociedades e empresas públicas, que gozan de criterios máis laxos para a contratación e en moitas das cales o presidente galego colocou a amigos, militantes e cargos do PP coincidindo con aquelas licitacións.

Feijóo e Eloína Núñez, no Clínico de Santiago / Foto: Xunta

Precisamente, unha das profesionais que viu disparada a súa carreira cando Feijóo accedeu á Xunta foi a súa prima, a doutora Eloína Núñez Masid, que ten a mesma idade que o presidente do PP e que fora concelleira dese partido no Concello de Ourense.

Núñez Masid, que dirixía a atención primaria nesa cidade, foi ascendida á xerencia de todo o complexo hospitalario da provincia só 40 días despois de que o seu curmán fose investido presidente. En febreiro de 2017 o Servizo Galego de Saúde volveu ascendela entregándolle o mando sobre todos os hospitais públicos da área sanitaria de Santiago, a capital de Galicia.

Marcial Dorado

Feijóo comezara a súa carreira política nos anos 90 como secretario xeral da Consellería de Sanidade, que contratou nesa época a subministración de combustible para as ambulancias e a calefacción dos hospitais públicos coas gasolineiras do narcotraficante Marcial Dorado, con quen Feijóo trabou unha soada e polémica relación de amizade.

Case vinte anos despois, e xunto ao ascenso da súa prima, renovou as xerencias das áreas sanitarias do Sergas con persoas afíns ao PP. A partir de entón, o Sergas converteuse no ente público autonómico que máis contratos públicos adxudicou a Eulen.

En maio de 2022, outra investigación de Luzes-Público destapou que a Comunidad de Madrid, o Concello da capital do Estado e a propia Xunta, todos gobernados polo PP, pagaran polo menos 4,8 millóns de euros a un empresario ben relacionado coa Administración autonómica galega pola compra de máscaras con selo falsificado e sobre as que se tiñan emitido previamente alertas sanitarias.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail