O devir traumático do BNG nos últimos anos parece ter finalizado. A escolla dunha muller de dentro da UPG ten dado un xiro a esta organización, que recupera a sintonía coa sociedade. Pero o camiño non foi doado.
O nacionalismo galego é a corrente política máis desvalida e castigada pola historia. A súa enerxía nace tanto da conciencia da opresión a un pobo como, loxicamente, da desesperación.
Mentres as institucións políticas de cataláns e vascos seguiron en territorio francés, no caso galego os nosos exiliados non puideron refuxiarse no Portugal da ditadura de Oliveira Salazar. E o Atlántico é moi ancho.
A fractura no galeguismo deuse decontado entre dúas posicións personificadas en Castelao: o exilio, e Ramón Piñeiro: o interior; unha tiña a esperanza dunha intervención aliada tras a guerra europea e a outra xa asumía a estratexia dos aliados, quen protexerían a Franco. A ruptura e a inimizade tiveron consecuencias definitivas no devir do nacionalismo até nós.
O exilio, Castelao e o republicanismo galego, todo se esvaeu no purgatorio da historia. No interior do país o galeguismo derivou en dous proxectos, un o de Piñeiro e o grupo Galaxia, que se adaptou ás condicións históricas existentes até concluír na identificación coas novas institucións tras a morte de Franco: Domingo García Sabell como delegado do Goberno central e Xerardo Fernández Albor como presidente da Xunta resumen tal estratexia. A identificación do proxecto coas institucións existentes fixo que o que houbese de proxecto político no piñeirismo concluíse, pois xa foi realizado. É o que hai.
O outro proxecto, a UPG, naceu entre universitarios galegos en Madrid, lonxe do mestrado que conducía ferreamente Piñeiro en Compostela. Nace nunha gran soidade e orfandade política e tampouco podía ter continuidade co galeguismo republicano, a política cívica era imposíbel exercela desde 1936 e a única inspiración posíbel era a do marxismo revolucionario. E, nunha sociedade á que se lle cortou a modernización das estruturas económicas e encerrada na ruralización, foi natural a identificación coas sociedades preindustriais e os seus movementos de liberación anticolonial.
A partir de 1972 e as loitas obreiras e unha posterior difusión territorial por universitarios, creouse unha pequena organización moi combativa que utilizaba loitas locais para darlle dimensión nacional galega. Conflitos como a das parroquias das Encrobas ou Baldaio foron presentados como loitas de país. E os obstáculos para exercer a política fixeron que a UPG fose imaxinativa, naceu unha organización ambigua e flexíbel, a AN-PG.
A transformación do Estado tras a morte de Franco colleu a UPG, e tamén o PSG, organización de menor entidade inspirada por Piñeiro, na intemperie. A Transición foi un proceso conducido dentro do bloque tutelado polos EUA tras unha sorpresiva Revolución dos cravos en Portugal que preocupou o dominio norteamericano. A restauración borbónica e a Reforma política concibíronse como un sistema representativo tutelado polos militares cun xogo político limitado, basicamente entre UCD e PSOE. Un partido como o PCE tivo capacidade para manobrar e facerse un lugar grazas á experiencia, implantación e a súa militancia esforzada. E grazas a dar as garantías de aceptación da Reforma. O nacionalismo galego, de esquerda, non soubo facer unha lectura axeitada da realidade social e da conxuntura histórica. Tras conseguir a súa legalización, o espectacular fracaso electoral foi difícil de dixerir, evidenciaba a distancia coa sociedade, a súa inmaturidade e soidade política.
Tras ese choque, a UPG e a AN-PG, que se presentaran electoralmente como BN-PG, viviron convulsións internas e dúas escisións, unha foi a reafirmación ideolóxica no marxismo leninismo, o PGP liderado por Xosé Luís Méndez Ferrín e Xosé González. Outra, o POG, intentou reformular a política, conducida polo enxeñeiro e economista Camilo Nogueira. E o PSG partiu ao medio. A figura de referencia, Xosé Manuel Beiras Torrado, catedrático, formado baixo Piñeiro, retirouse. Unha parte ingresou no PSOE e a outra continuou sen rumbo claro.
Tras as primeiras eleccións veu a loita pola autonomía, que en principio lle correspondía e que estaba a serlle negada tras un acordo entre UCD e PSOE. Un momento de convulsión e mobilización cidadá como non se vivira, mais para o nacionalismo galego foi un transo doloroso.
O grupo de presión conducido por Ramón Piñeiro actuou nese momento co nome de Realidade Galega e fixo un chamamento para reclamar unitariamente a autonomía que lle correspondía a Galiza como nacionalidade, segundo a propia Constitución. Os medios de comunicación e as estruturas locais dos propios partidos estatais apoiaron a reclamación, e ese era o sentimento social maioritario. Os seguidores de Piñeiro pasaron a ser «galeguistas históricos» e recoñecéuselles unha autoridade moral que administrarían nos anos seguintes conforme se foron creando as novas estruturas autonómicas.
Mentres tanto, a esquerda nacionalista no seu conxunto ficou á marxe. O moi minoritario POG participou activamente na campaña, mais o groso do nacionalismo conducido pola UPG situouse en contra. Consideraba que a autonomía era unha imposición colonial. Ese desencontro do sector maioritario do nacionalismo co momento histórico foi tamén un grave desencontro coa sociedade. O cruzamento de posicións escenificouse cunha tractorada convocada polas Comisións Labregas o mesmo día das grandes manifestacións a prol da autonomía. O nacionalismo retratouse así no seu conxunto, non aceptaba recoñecer nin o novo tempo nin a realidade dun novo marco político. E os tractores eran a súa arma e a súa imaxe, na identificación co campo fronte ás cidades.
Tras aprobarse finalmente un Estatuto, o POG e o PSG existente animaron a recrear o PG e montaron unha coalición que se presentou, con bo resultado, nas municipais: Unidade Galega. Un nacionalismo galego amplo que apostaba pola autonomía e que batía coa postura da UPG. Internamente inestábel, rompeu. O POG evolucionou e transformouse en Esquerda Galega, EG.
A UPG buscou unha saída pragmática á situación na que estaba ao negar a autonomía e decidiu concorrer ás eleccións autonómicas e incorporarse ao novo xogo político. Mais os partidos españois impuxeron un obstáculo excluínte, a obriga de xurar a constitución. O deputado de EG, Nogueira, optou por facer unha promesa sinalando que era obrigada, mais os tres deputados da coalición BN-PG co PSG, que volvera abalar cara á UPG, non aceptaron tal e foron expulsados. Só o deputado Carlos Mella secundou os intentos de Nogueira de modificar o regulamento para que se reincorporasen. Esa manobra do españolismo de esquerda e dereita e a decisión que adoptaron nesa situación eses tres deputados atrasou de xeito decisivo a evolución política do nacionalismo.
Favoreceu a constante deslexitimación do nacionalismo galego, negándolle lexitimidade democrática e mesmo o dereito a existir. Esaxerando contradicións, ocultando virtualidades, e adornándoo dos defectos que, seique, as demais correntes políticas non teñen.
Tras a expulsión dos outros tres deputados da esquerda nacionalista, o papel de EG no Parlamento galego foi clave. Decidiu aproveitar ao máximo as posibilidades da autonomía e afrontar os desafíos tras a entrada na Unión Europea, unha entrada en condicións moi prexudiciais para os nosos intereses. Foi Nogueira quen formulou a relación co Norte de Portugal, políticas industriais, protección do campo, denuncia da marxinación da Galiza no mapa das comunicacións, o cativo financiamento… O traballo político nas institucións de Esquerda Galega, logo reformulada en PSG-EG coa fusión co PSG restante, que volvera oscilar cara ao lado contrario, foi percibido pola sociedade como un nacionalismo adaptado ao seu tempo. Foi traballo perdido e esquecido totalmente ou alimentou a idea dun nacionalismo con dispoñibilidade e capacidade técnica para afrontar os problemas concretos do país?
Mais esa liña política nunca deixou de ser herexía para a maioría do nacionalismo, a UPG conservaba a autoridade moral das siglas fundadoras e implantación organizativa e territorial, o PSG-EG finalmente perdeu nesa competencia. Pois a UPG, logo da expulsión parlamentar e de verse inicialmente en fóra de xogo, reformulou a proposta creando o BNG en 1982, co que puido ir evolucionando desde o resistencialismo a unha adaptación ás regras do xogo. Poderíase dicir que o nacionalismo galego na década dos 80 e 90 estivo roto entre esas dúas organizacións, repartíndose produción política e capacidade organizativa, software e hardware.
Aquel BNG de 1982 fundouse sobre dúas patas, a organización que achegaba a UPG e o atractivo da figura de Beiras, quen, tras vivir unha crise persoal, se reincorporou á escena política nunha nova fase. Nunca desapareceu esa dualidade entre unha organización compacta e a soltura de Beiras, até unha ruptura traumática.
Tras a disolución do PSG-EG e a integración no BNG de boa parte dos seus membros con Camilo Nogueira, a organización vive un momento de fortaleza que coincide cunha crise da organización galega do PSOE, e sitúase en 1999 como primeira forza na oposición e consegue un eurodeputado.
Sobrevén a catástrofe do Prestige e aparece o «Nunca Máis», unha experiencia política que é puro nacionalismo galego. O que podía ter sido cousa de ecoloxistas e mariñeiros transformouse nunha resposta nacional galega, tratábase da «nosa costa», «a nosa terra», «o noso país». A identificación da cidadanía co mundo rural como alma do país naquel momento xa era moi débil, os problemas da nosa agricultura xa non eran percibidos como problemas de país, mais persistía a identificación co territorio. «A Terra», o mito dos galegos, seguiu evoluíndo e naquela altura estaba xa penetrado de conciencia ecolóxica. A aventura do Xurelo anos antes animara esa concienciación.
O «Nunca Máis» foi unha iniciativa do BNG. E naceu dun dilema político e dun desacordo interno, sendo o inicio do camiño que conduciu a unha ruptura entre a UPG e Beiras. Naquel momento Manuel Fraga Iribarne tiña maioría absoluta, un dominio total dos medios de comunicación públicos e privados e adquirira lexitimidade política cun discurso galeguista. O vello falanxista convertérase nun verdadeiro presidente da Xunta de Galicia con peso político no Estado. E así fora recoñecido polas forzas da oposición que tras a sorpresa inicial pasaron a respectalo e tratalo. Un verdadeiro, e afogante, reinado.
Beiras tamén se retratou con el e como esa relación era transcendente e difícil de asimilar para unha organización de radical antifranquismo, causou desgusto interno. Beiras, polo contrario, valoraba esa relación persoal. O recoñecemento mutuo era tan delicado para un coma para o outro; tamén o vello franquista tiña que dar explicacións do seu trato coa esquerda nacionalista, mais o nacionalismo galego, sempre estigmatizado e ao borde da exclusión do xogo político, víase recoñecido por quen tiña autoridade para lexitimar diante da sociedade.
O cálculo que facía Beiras, alén do protagonismo particular, tiña base. Mais ese movemento non era asimilado e aceptado pola organización. De feito a organización soubo a través dos medios desa iniciativa do seu portavoz, o que era tensión interna entre dous polos diferentes pasou a ser o inicio dun conflito.
Ante a marea negra e a actuación de Goberno central e Xunta do PP, a organización decide convocar axentes sociais e organizacións para unha gran mobilización. Nesa nova situación de enfrontamento radical non cabe xa o diálogo Fraga e Beiras. A continuación o BNG decide presentarlle moción de censura a un Fraga anulado desde Madrid polo PP de Aznar, cousa que choca novamente coa posición de Beiras, quen xa non actuou nesa ocasión como portavoz parlamentar para defender a moción. O ano seguinte a organización decidiu que a portavocía pasase de Beiras a Anxo Quintana.
No entanto, o BNG que impulsou con todos os medios a gran mobilización social, e calculaba un rédito electoral inmediato, mellorou os resultados, mais por debaixo das súas expectativas. Novamente a lección de 1977, para gañar eleccións non abondan as mobilizacións, é preciso gañar a confianza da sociedade para o proxecto político. A mesma lección que se podía extraer da experiencia do sindicalismo galego. A CIG conseguira ser non só a central máis activa e a primeira nas eleccións sindicais mais non houbo nin hai un traslado de votos para o BNG, a opción coa que ten maior sintonía.
No ano 2005 as eleccións autonómicas danlle paso a unha Xunta de colaboración entre o PSOE, no que Emilio Pérez Touriño conseguira imporse internamente, e o BNG, co seu candidato Anxo Quintana. Unha experiencia borrada da memoria social pola estratexia do PP de Feijóo, e borrada tamén da memoria tanto do PSOE como do BNG porque o fracaso posterior deu lugar a crises profundas nesas organizacións.
O BNG demostrou que o nacionalismo galego podía administrar poder e xestionar a Administración. O PSOE xa tivera unha experiencia previa con González Laxe. Mais para o BNG foi unha experiencia novamente traumática, o portavoz parlamentar e dirixente público separábase unha outra vez da organización. Como se o cargo de portavoz e candidato conferise unha perspectiva que conducise a ter un ritmo máis rápido que a organización. Ademais, ese rumbo político do portavoz non era asumido pola dirección e a maior parte da organización. O portavoz, Quintana, foi apartado novamente.
Nesta altura era evidente que no BNG, e no centro a UPG, a organización en si mesma era totalmente determinante e impedía un liderado persoal autónomo. Posición confirmada por dúas experiencias: Beiras e Quintana, vividas negativamente.
No 2012, finalmente, prodúcese a ruptura anunciada entre os dous polos fundadores do BNG, e Beiras con seguidores saíu da organización. A interpretación que facía no tempo do PP de Aznar levouno a destacar a pertinencia dunha alianza contra esa política e xa un ano antes asinara un manifesto nese senso con representantes da esquerda estatal.
A ruptura foi protagonizada por Beiras de tal xeito que apareceu nos medios como cousa necesaria e inevitábel. Foi sobre o fondo interpretativo segundo un argumento xa establecido: a UPG sería a responsábel última coa súa tradicional intransixencia. De modo que o camiño de Beiras e os seus seguidores foi interpretado polos principais medios como natural. Uns meses despois da súa saída nace AGE, unha alianza da organización que fundou, Anova, coa organización galega do PCE. Co atractivo da idea da unidade ante un perigo. Mentres, o BNG permanecía na soidade que lle correspondía ao nacionalismo galego. Esta visión do conflito para o público, que foi percibida como falsa e inxusta polo BNG resultante, non fixo senón afondar a súa amargura e desconfianza.
As autonómicas déronlle dous deputados máis á AGE ca ao BNG. Confirmábase que esa proposta contaba con máis simpatías e tiña máis asento no electorado que o dunha forza propia encarnada no Bloque. AGE deulle nova vida ao PCG, desaparecido desde había tempo, e propiciou unha carreira política, a de Yolanda Díaz. Preparou o camiño para o que veu despois, un verdadeiro tsunami entre unha parte do electorado que afectou directamente o BNG: Podemos.
A crise de Wall Street pasou a ser crise económica mundial, e desencadeou unha rebelión na xeración universitaria privada de futuro profesional e vital polas medidas ditadas desde Alemaña e Francia e asumidas polo Goberno central. Comezou cunha acampada de protesta espontánea no quilómetro cero da España radial, na Puerta del Sol. A protesta, no medio da campaña electoral, irradiou a través dos medios o seu efecto aparecendo protestas noutras cidades españolas. O PSOE perdeu o Goberno dando paso a dúas lexislaturas do PP de Mariano Rajoy. O cuestionamento do bipartidismo estatal estendeuse a toda organización e partido existente, considerados caducos. Un grupo de profesores da universidade madrileña ensaian un experimento político dirixíndose a ese sector mobilizado e utilizando as redes sociais. Inmediatamente as canles de televisión privadas dan cabida a ese novo discurso que cuestionaba os partidos que xestionaran o poder e ese equipo de novos políticos ofreceulles aos activistas unha caixa de recrutamento e unha nova organización, Podemos. A través das redes e dos medios chegou a telexénica figura de Pablo Iglesias desde Madrid, facéndoa carismática. Un público entregado agardábao cando se achegaba ás cidades galegas.
As imaxes do encontro entre Beiras e Iglesias, con Yolanda Díaz a carón eran demoledoras para o BNG. Mostraban a continuidade entre o proxecto de AGE e Podemos. A nova alianza, que recibía a benzón lexitimadora de Beiras, figura estelar e imaxe do BNG durante moitos anos, deixaba a proposta política do nacionalismo sen capacidade de reaxir. E, o máis preocupante, desde a nova oferta política cuestionábase directamente a necesidade da existencia do nacionalismo galego.
Un grupo de intelectuais e activistas, ante o horizonte da desaparición de Galiza como suxeito político, lanzou a idea dun 25 de xullo unitario que reafirmase o carácter nacional galego. A continuación a proposta da unidade para un grupo parlamentar galego nas cortes españolas. O proceso, tras voltas e reviravoltas, non conseguiu o obxectivo. Ficou dun lado o BNG , que se presentou nunha alianza con pequenas agrupacións como Nós-Candidatura galega e En Marea-Podemos. O BNG perdeu a representación no Congreso e case a metade dos votos. E En Marea-Podemos, que se presentara ás eleccións co compromiso de formar grupo parlamentar propio galego, obtivo seis deputados, que pasaron a integrarse no grupo parlamentar de Unidos Podemos.
A ansiedade ante unha situación histórica que semellaba desesperada agudizou as desconfianzas dentro do BNG e, unha outra vez, a maioría da dirección, a UPG, apartou a Xavier Vence, un militante independente portavoz da organización naquel momento e que xa substituíra o portavoz anterior neses anos adversos, Guillerme Vázquez. A organización novamente recolleuse sobre si mesma e optou por unha militante da UPG, Ana Pontón.
En Marea incumpriu o compromiso e disólvese no grupo de Podemos asumindo as directrices que chegaban unha tras outra desde Madrid, ás veces como unha orde a través do teléfono. Mostrou falta de autonomía e de proxecto propio. E, o que lle foi peor, falta de liderado interno entre grupos que nunca chegaron a consolidarse como organización, un espectáculo descarnado de guerra interna polo poder; unha candidatura que catalizara o entusiasmo e confianza de moitas persoas defraudou todas as expectativas e foi varrida do Parlamento galego, autodestruíuse. A marca Unidas Podemos aínda sacara dous escanos no Parlamento español nas eleccións previas: Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz.
A tremenda derrota da marca de UP na Galiza ilustrou o fracaso a medio prazo dunha política mediática e sen senso de país, levantada sobre un único sector social, sen organización e sen un alento ideolóxico nin proxecto político claro.
No entanto, o que inicialmente semellaba un repregamento e encollemento do BNG, cunha militante da UPG como portavoz, foi manifestándose como o contrario.
Aguantaron a posición solitaria confiando unicamente na súa propia forza como organización e na certeza da necesidade histórica do nacionalismo galego. A desaparición de En Marea e as candidaturas municipais que lle achegaban os apoios deixou novamente todo o terreo da esquerda libre, mais iso non abondaría para recuperar a confianza que perderan moitos simpatizantes, e para gañar unha nova xeración tería que haber algunha transformación.
O cuestionamento da política tradicional ocorrida uns anos antes foi unha lección que aprendeu o BNG, fixo por mostrar transparencia e debates abertos así como procurar chegar ao cinto de simpatizantes, cun progresivo aumento de afiliacións. E o traballo sistemático dentro e fóra do Parlamento da organización nunca decaeu o que, sumado ao carisma da portavoz, foi transformando a imaxe da organización.
Mais Ana Pontón non é meramente unha cara de muller nova. Para explicar a figura política hai que pensar que esa organización, un animal lento e desconfiado, aprendeu das probas dos últimos anos e iniciou unha renovación. E non parece que teña volta atrás porque, segundo as enquisas, a proposta política de Ana Pontón está en sintonía coa sociedade e o tempo actual. E esa transformación interna foi posíbel grazas á integración do feminismo como referencia ideolóxica profunda. Ana Pontón e o seu equipo son persoas dunha mesma xeración e son a consecuencia de todo o vivido. Pódese pensar que saíndo Pontón das entrañas da UPG nas que se criou a renovación non é tal e fracasará; penso que é xusto o contrario. O Bloque non puido ser anovado antes porque quen tiña que vivir a súa difícil evolución era a propia UPG e de aí tería que saír, como consecuencia, a liberación das posibilidades do BNG.
E Pontón é unha líder, como demostrou obrigando a organización e a todo o cinto de simpatizantes, a decidir se querían continuar polo camiño dos últimos anos, se querían que ela liderase ou non. A resposta foi masiva, a dirección foi unánime e a militancia tamén. É a principal dirixente e non está soa nin vai por libre. O liderado de Pontón xa non é outorgado, é gañado. E a cidadanía, que observaba con interese, entendeu que se trataba do proxecto político personificado en Ana Pontón.
O que ela formula é o reto de liderar, sen complexos, a maioría electoral e gobernar o país. Un país que xa non é o de hai dez anos, está baleirado. Baleirado de institucións financeiras propias, baleirado de xeracións novas, baleirado dabondo de lingua propia…
Seguirá a dirección e a militancia desprendéndose do resistencialismo interiorizado nunha difícil e longa peregrinaxe até aquí? E, o máis difícil, chegará a lugares decisivos da sociedade a onde non deu chegado antes o nacionalismo galego? E recoñecerá a sociedade no seu conxunto o BNG de Ana Pontón como capaz de gobernala?