La Piniella, a casona asturiana que os Franco tampouco dan vendido

A familia rebaixa a 1,9 millóns de euros o prezo que pide pola luxosa vivenda na que o ditador e a súa muller pasaron a súa noite de vodas hai case cen anos

A Coruña.- A familia Franco volveu a rebaixar o prezo da luxosa vivenda que posúe na localidade de San Cucao, no municipio asturiano de Llanera, a uns quince quilómetros de Oviedo. Foi nese inmoble onde Carmen Polo e Francisco Franco pasaron a súa noite de vodas hai case cen anos, o 23 de outubro de 1923.

La Piniella, ou La Casina, onde Franco e Polo adoitaban pasar algunhas tempadas, era propiedade da familia política do ditador. Construíuse a principios do século XIX, ten 360 metros cadrados distribuídos en dúas plantas sobre unha parcela de 3.000 metros e aínda garda no interior pertenzas persoais do tirano. Segundo informa La Voz de Asturias, o seu prezo foi rebaixado en dúas ocasións.

Dormitorio

Os Franco puxérona á venda fai catro anos nun portal inmobiliario de luxo por cinco millóns. Ao ano seguinte rebaixárona a 2,9 millóns, e recentemente, e pola imposiblidade de vendela a ese prezo, reduciron a oferta a 1,9 millóns e colgárona no portal dixital Idealista, de perfil ben máis asequible. Trátase do segundo inmoble máis caro desa web en Asturias.

«Engel & Völkers presenta esta bonita casa de campo do século XVIII en Piniella, no centro de Asturias», di o anuncio. «Escoltado por dúas garitas recíbenos un camiño con sebes altos ata chegar ao enreixado principal, pola cal accedemos ao camiño con platanus que nos dirixe desde o xardín á entrada principal. Alí recíbenos un pequeno hall distribuidor desde o cal, á súa esquerda, atópase o salón principal con cheminea e a súa capela, con destacables detalles en madeira tallados nas contraventanas».

A casa dispón ademais de salón de té, comedor con outra cheminea, cociña, zona de despensa e caldeiras, seis dormitorios, cinco baños -dous deles en suite en senllas habitacións-, salita de lectura con outra cheminea máis, sala de costura e terraza orientada ao sur.

Tamén conta con xardíns, casa para os guardeses, garaxe para varios vehículos, almacén, corte e galiñeiro. «Estamos diante dunha propiedade ideal para investimentos vinculados á hostalería e a restauración, xa que conta con amplos espazos exteriores e varias edificacións», prosegue o anuncio, que non menciona o uso que da casa fixeron Franco e a súa muller pero si detalla que precisa de obras de renovación.

Capela

O ditador e Carmen Polo casaron oito anos despois de coñecerse, cando a el o destinaron a Oviedo cando foi ascendido a comandante. Ela era filla de Felipe Polo, un adiñeirado avogado natural de Palencia, e de Ramona Martínez-Valdés, pertencente a unha poderosa familia asturiana da zona.

Segundo contan os historiadores, os Polo recearon do noivado porque preferían enlazar a Carmen con algún membro da nobreza, a pesar de que Franco xa gozaba de certo prestixio militar tras as súas primeiras campañas en África.

Portalón de entrada

A relación viuse interrompida en 1920, cando Millán Astray convenceu a Franco para regresar a África como o seu segundo. Carmen Polo chegou a dicir que non tivo «un noivado feliz» por mor desa separación, e que padeceu ansiedade polo medo ao que puidese pasarlle a el na guerra contra Marrocos.

Segundo La Voz de Asturias, Carmen Polo herdou La Piniella tres anos despois de casar, tras a morte do seu pai -a súa nai falecera en 1914-. Desde entón, os Franco Polo usárona como residencia estacional. Foi alí, asegura o diario asturiano, onde o ditador empezou a afeccionarse á pesca do salmón.

Á morte de Carmen Polo, o inmoble pasou a mans dos seus sete netos, que hai dous anos tamén tentaron vender o pazo de Meirás por oito millóns cando advertiron a intención do Estado de obrigalos a devolvelo.

Salón

A xustiza sentenciou que Meirás pertence ao patrimonio público, e que foi roubado polos Franco cunha operación mediante a que falsearon o espolio disfrazándoo como un suposto regalo da cidadanía da provincia da Coruña.

O Concello da Coruña tamén iniciou os trámites para recuperar a Casa Cornide, un palacete que os Franco tamén roubaron ao patrimonio municipal simulando unha falsa permuta e amañanado unha poxa con Pedro Barrié de la Maza para que este llela doase directamente.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail