Cando as rapazas que berran baixan a voz

Polo que contan, ela debeu ser así toda a vida. Téñena chamado de todo: sabichona, resabida, pesada, insufrible. «É que ten moito xenio». No instituto actualizaron os termos: feminazi, filla de puta. «É que ten moita mala hostia». Se algunha vez deixou que lle afectara, non permitiu que se lle notara. A súa irmá máis nova fala dela coma dun fenómeno natural. «Eu sempre fun moi apoucadiña, moi caladiña, así que empezaron a meterse comigo», dime, «pero cando ela se enterou non sei o que lles fixo ou o que lles dixo, pero nunca máis me volveron facer un só comentario».

Na universidade estaba metida en todos os barullos. Meteuse en problemas co reitorado, o sindicato de estudantes, a cantina da facultade de Hannah. Co reitorado, porque un rapaz que coñeceu na miña festa de aniversario lle contou que tres marulos un curso por enriba del levaban máis dun ano chamándolle «maricón» nos corredores da facultade e na universidade insistían en que era unha cousa que «tiñan que arranxar entre eles». Co sindicato de estudantes, porque lles deu por organizar unha festa coa temática «Suits & Sluts» en pleno 2016. Coa cantina da facultade de Hannah porque Hannah é celíaca e intolerante á lactosa e déronlle varias veces comida que non podía comer, o que acabou por levala a urxencias e a perder unha presentación moi importante. Ela estaba convencida de que lle deran esa comida a propósito, porque hai moita xente moi rancia que pensa que a celiaquía e a intolerancia á lactosa son enfermidades de chichinabo que non supoñen un enorme risco para a saúde. Cando Hannah lle dixo que a ver, que tampouco era para tanto, que seguro que o fixeron sen darse conta, ela respondeu, «Hannah, ese é o tipo de cousas polas que tes que facer por darte puta conta».

Tamén nolo contaba todo. Todo, todo, todo. Tiñamos actualizacións a tempo real do seu tránsito intestinal, do episodio exacto da serie que estaba vendo, de cada pensamento que se lle pasaba pola cabeza. Por iso nos resultou tan obvio cando deixou de contarnos as cousas.

Unha vez todo xa pasara, díxome: «Non creo que el fora o principal culpable de que me illara tanto. Illeime eu soa por non ter que pasar pola humillación de contarvos o como estaba deixando que me tratara».

Iso non é certo, claro. El si a illou. Apareceu coas súas unllas pintadas e os seus aneis e a súa tote, falando de coidados afectivos e facendo brincas sobre cousas que compartira coa súa psicóloga. Escoitaba Lana del Rey e SZA. Dicíalle, «Non sentira isto por ninguén tan rápido na miña vida». Dicíalle, «Non me podo crer que unha rapaza coma ti me faga puto caso». Dicíalle, «É que es perfecta». Cando comezaron a saír non lle vimos o pelo en dúas semanas.

Presentouno en sociedade no aniversario de Seb. A Lisa e a min caeunos mal inmediatamente. A min, porque me pareceu que todo o seu rollito era unha pose, e parecía que mentres me falaba me estaba escaneando, buscando por onde tirar, como crear unha versión de si mesmo que me resultara o máis inofensiva posible. Eu estaba moi incómoda e non se me dá nada ben disimular o que sinto, así que supoño que lle resultei fría e distante. A Lisa caeulle mal porque lle lembraba ao ex que a mandara a urxencias dúas veces. Saltaban alarmas por todos lados.

Ela estaba sorprendida de que un rapaz a quixera tal e como era. Nunca tivera mozo. As rapazas coma ela, que berran moito e din o que pensan, que ocupan espazo, que bailan en tarimas e lle dan unha patada ao pavo que lle soba o cu a súa amiga no pub… asoballan aos homes. Facía brincas sobre como ía morrer soa e rodeada de animais de granxa («Non me vou limitar aos gatos, eu quero cabras e galiñas!»). Tiña plans de ser tía guai des filles das súas amigas. Que un home a quixera como moza desequilibrouna un pouco.

Comezou pouco a pouco. Cada vez viña a menos cousas. No meu aniversario el tivo un «episodio de mala saúde mental». Na festa de despedida de Laura, outro. Só lle viñan estes episodios cando ela ía quedar coas súas amigas. Chegamos ata o punto no que só a podiamos ver se coincidiamos con ela na facultade. Disfrazaba os seus caprichos de preocupación. «Creo que ti e máis as túas amigas tedes unha relación bastante codependente». As súas manipulacións viñan agochadas nun montón de linguaxe de psicólogo mal usado. «Lisa é unha persoa moi tóxica», sentenciou, despois de coñecela unha vez, «creo que non lle caio ben porque non se fía dos homes desde que cortou co seu ex». El usaba moito a palabra «boundaries» (límites). Tiña boundaries en todos lados. Tiña boundaries para a roupa que levaba ela, boundaries para as cousas que lles contaba as súas amigas, boundaries para o rápido que lle tiña que contestar aos WhatsApps. Unha vez veu cear á miña casa e o seu mobil quedou sen batería sen que se dera ela conta. Levabamos tanto tempo sen falar que quedou ata as catro na miña casa, laretando. Cando prendeu o móbil, el mandaralle máis de 50 mensaxes. «Xa vin a historia de Malva, sei que estás con ela», dicía nun deles. Nin sequera me seguía nas redes, pero ven vixiada que a tiña. «Se non me contas o que vas facer é porque no fondo sabes que estás facendo algo malo para ti». «Accountability» (responsabilidade) era outra palabra que lle molaba moito. «Só estou intentando que te responsabilices do teu comportamento. Non vas ser capaz de medrar como persoa se te rodeas de rapazas coma elas».

Eu non vin esas mensaxes ata máis de medio ano máis tarde. Non souben as consecuencias que lle trouxo cear comigo ata que as cousas foron a peor. Acabou tendo un aborto espontáneo sen saber sequera que estaba embarazada, despois de que repetidamente el quitara o condón mentres fodían sen dicirlle nada a ela. Pillouno varias veces, pero non se víu capaz de dicirlle nada, porque a todo lle daba a volta e non pensaba que fora a conseguir nada. Ela. A sabichona feminazi filla de puta que lle montaba un pifostio a quen fixera falta. Perdera a voz.

A palabra accountability saíu na conversación posterior á visita ao médico. «Deberías responsabilizarte pola túa parte da nosa vida sexual conxunta e comezar a tomar a píldora para que ambos podamos desfrutar do sexo en igualdade de condicións», dixo el. «Ti non notas o condón, pero eu si».

Foi unha visita da súa irmá pouco despois o que a trouxo á realidade. A irmá preguntou por min, por Lisa, por todes. Quería coñecernos. Quedamos nun bar. El tardou dez minutos en comezar a ter un episodio, pero desta vez parámoslle os pés. «Con canta frecuencia ‘te necesita’? Porque parece que só lle pasa cando quedas connosco». Pouco a pouco foi saíndo todo. As mensaxes, os boudaries, as accountabilities, os episodios, o aborto. Nós xa sospeitábamos que a cousa estaba mal, pero non tanto. Choramos, abrazámonos, trazamos plan de acción. Ela volveu coa súa irmá á casa dos pais unha tempada. Lisa e máis eu aferrámonos á culpabilidade de non ter dito algo esa primeira noite, no aniversario de Seb, durante anos. Sendo realistas, non tería cambiado moito as cousas. Pero quen sabe?

Moitos homes queren unha muller que fai ruido, que berra, que ocupan espazo, que brillan, única e exclusivamente para convertilas nalgo que non son. Hai pouco, Sarah Brady, ex moza de Jonah Hill, publicou unha serie de mensaxes que me lembraron a esta situación. Jonah Hill atopou nas redes a unha surfeira despampanante, modelo, activista, e baixo a excusa dos boudaries eses quixo que deixara de surfear, de publicar fotos en bikini, de quedar coas súas amigas. El xa sabía que muller era ela antes de que comezaran a saír, pero a graza estaba en convertila noutra diferente. As capturas de pantalla atragantáronseme durante días. Éranme demasiado familiares. Hai xente que non vai a terapia para poñerse mellor, senón para conseguir ferramentas coas que maquillar e branquear as súas malas intencións. 

Ela está ben. Volveu atopar o camiño. Levoulle anos desfacer o destrozo que deixou el, pero non acabou con ela. Ela era demasiado para el, en todos os sentidos, demasiado ata para matarlle o espírito. Segue berrando e ocupando espazo. Volveulle a mala hostia. Ao final, é que sempre foi así. E, a pesares de todo, sempre o vai ser.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail