A Coruña.- O director xeral da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, está citado a declarar este xoves polo Xulgado de Instrución número 1 de Santiago en calidade de investigado por un presunto delito de acoso laboral a unha traballadora.
A xornalista denuncia que durante anos sufriu abusos, humillacións e descrédito profesional por parte dos seus superiores, tras perder nos xulgados dos Social unha demanda na que aseguraba que as súas condicións de traballo foran modificadas por unha decisión sexista.
A maxistrada Ana López-Suevos tamén imputou polo mesmo delito a outras sete persoas do equipo directivo de Sánchez Izquierdo, das que cinco xa prestaron declaración no xulgado.
Luzes-Público dirixiuse á CRTVG para solicitar unha valoración dos feitos, pero ao peche deste artigo non obtivera resposta.
En anteriores ocasións a dirección da empresa respondeu alegando que a xustiza xa se pronunciou no seu favor sobre os temas denunciados. Pero esa afirmación non é certa.
Causa penal
Un xulgado do Social e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia si deron a razón á CRTVG na demanda presentada pola xornalista en 2018 tras ser cambiada de posto de traballo. Pero ningún tribunal se pronunciou aínda sobre a persecución que di sufrir desde entón.
Iso é o que se investiga agora como causa penal, baseada nos danos psicolóxicos que padeceu a traballadora e que foron diagnosticados por tres médicos diferentes, incluída a da empresa.
A CRTVG tamén alegou noutras ocasións que abrira dúas comisións internas de investigación «formadas por empresa e parte social que concluíron que non existían indicios de condutas compatibles con supostos de acoso laboral».
A xornalista denuncia con todo que esa comisión nin sequera a chamou a declarar nin valorou as probas que achegou, e que ademais excluíu das súas conclusións o voto particular da representación social que si apreciou acoso na conduta dos directivos.
A xuíza que os investiga reclamou á empresa a documentación relativa ás reunións da comisión e as declaracións das testemuñas citadas.
Correos electrónicos
Tamén os correos electrónicos mediante os que a CRTVG rexeitou recoller nas conclusións da súa investigación interna a versión dos membros da comisión que advertiron de que si existían indicios de acoso laboral na actuación de Sánchez Izquierdo e o seu equipo.
Sánchez Izquierdo, tamén xornalista e exdirector do diario ourensán La Región, é o máximo responsable da CRTVG desde 2009.
Alberto Núñez Feijóo designouno nada máis tomar posesión como presidente da Xunta tras gañar ese ano a súa primeira maioría absoluta en Galicia, e tanto el como Alfonso Rueda mantivérono no posto a pesar de que desde 2011 unha lei impulsada e aprobada polo propio PP no Parlamento de Galicia establece que este debe ser cuberto por decisión cualificada da Cámara.
No seu mandato a CRTVG acumula centenares de sentenzas en contra por persecución ideolóxica de xornalistas, vulneración de dereitos fundamentais e laborale discriminación de xénero, pero é a primeira vez que acode ao xulgado en calidade de investigado nunha causa penal.