Os galegos que venceron aos nazis

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Víctor Lantes, fillo duns taberneiros da Coruña, manexou un morteiro nos bosques de Francia fronte aos tanques Panzer do exército alemán. Ángel Rodríguez Leira, alcumado Cariño López, tomou parte na liberación de París e no asalto da residencia do Führer. Loitaron unha guerra de nove anos contra o fascismo. Combateron a Franco e a Hitler. Perderon na casa e gañaron fóra. Nunca volveron estar ao sur dos Pireneos.

Ángel Rodríguez Leira naceu en Cariño en 1914. Traballou como percebeiro e mariño, foi militante da CNT, casou e tivo dous fillos, Ángel e Marina. E logo estalou a Guerra Civil. Foi recrutado á forza polos sublevados e obrigado a vestir o uniforme dos sublevados. Pero foi por pouco tempo, xa que desertou en canto puido para loitar co bando leal canda outro cariñés, Antonio Yáñez, o Gharepo.

Os dous de Cariño fuxiron de Alicante nunha barquiña chea de laranxas e despois de 14 días de navegación chegaron á Alxeria francesa

En marzo de 1939 víronse acurralados en Alacante, unha das últimas provincias en caer. Con outros cinco compañeiros, saíron de Guardamar del Segura nunha barquiña que era «case unha patera», segundo conta un dos netos de Ángel, Andrés Alonso. Enchérona de laranxas e cruzaron o Mediterráneo en catorce días, ata chegar a Beni Saf, na Alxeria francesa. Como moitos outros exiliados republicanos daquela altura, foron considerados perigosos polas autoridades e internados no penal de Suzzoni.

Segundo recolle Alicia Alted no libro La voz de los vencidos, Suzzoni era unha antiga fortaleza convertida en cárcere, carente de todos os servizos básicos, onde foron recluídos uns 300 republicanos. Un deles, o aviador Joaquín Tarazaga, lembraba: «O réxime era moi austero, só nos daban un pan para cada catro, lentellas e rutabaga —un tipo de nabo—. Cando me internaron, en abril de 1939, pesaba 67 quilos, e en decembro, cando me evadín, só 35».

Tamén os dous amigos galegos tentaron escapar daquel inferno en dúas ocasións, sen éxito. A saída non lles chegou ata 1942, cando os alistaron, de novo pola forza, nos Corpos Francos de África. O exército dos EUA viña de desembarcar en Marrocos e Alxeria e as colonias francesas apresuráranse a baleirar os campos de prisioneiros para formar este batallón co que plantarlle cara ao Afrika Korps de Rommel.

O país galo vivía entón unha esquizofrenia, entre a submisión colaboracionista do réxime de Vichy e a resistencia da «Francia Libre» dos partidarios do exiliado De Gaulle. A chegada dos americanos fixo que ninguén quixese ser tomado por vichista.

Porén, estes Corpos Francos disolvéronse axiña, tras algúns combates en Tunisia. Ángel e Antonio escolleron entón alistarse co xeneral Leclerc, que viña de loitar por toda África baixo a bandeira da Francia Libre. Polo seu prestixio ganado na batalla, foi escollido para comandar a 2ª División Blindada, unha unidade de nova creación dentro do exército do xeneral Patton. Formábana 14.000 homes de 32 nacionalidades, e uns 2ª000 eran republicanos españois. Os dous fuxidos de Cariño remataron na 9ª Compañía, La Nueve, case toda formada por veteranos da Guerra Civil.

Ángel Rodríguez Leira pasou a empregar o nome de Cariño López, para ocultar a súa identidade e deixar sinalado o seu lugar de orixe. Era unha práctica habitual entre os soldados, e mesmo nos mandos. O propio Leclerc escondía o seu nome real, Philippe de Hauteclocque, para aforrarlle á súa familia posíbeis represalias dos vichistas.

A 2ª División Blindada trasladouse a Escocia, antes de desembarcar en Normandía a comezos de agosto de 1944, dous meses despois do Día D, coa zona xa asegurada para permitir o paso dos blindados. A 9ª Compañía, integrada por homes con experiencia en combate, foi sempre na vangarda. Era unha unidade motorizada, que transportaba armamento antitanque nuns veloces half-tracks todoterreo. Os soldados pintáronlles a bandeira da República española e bautizáronos con nomes de batallas da Guerra Civil, como Madrid, Ebro, Guadalajara ou Brunete. Cariño López viaxaba na Guernica, e non tardou en facerse un nome pola súa puntería co canón do 57.

Cariño López estivo 24 horas sen afastarse do seu canón, no que «gravaba unha esvástica por cada tanque que destruía», segundo o seu neto Andrés

Así o conta o capitán Raymond Dronne, o oficial francés ao mando desta compañía de exiliados. Nas súas memorias, Carnets de route d’un croisé de la France Libre, reivindicaba o papel dos republicanos españois na loita pola liberación de Francia, «impulsados por un enorme desexo de revancha e de vitoria». Nelas eloxia a habilidade de Cariño López para rebentar blindados alemáns, e defíneo como «un home de gran sangue frío». Tivo que demostralo ben cedo. O 19 de agosto, La Nueve contivo unha división enteira da SS na vila de Écouché, nunha durísima batalla. Cariño López estivo 24 horas sen afastarse do seu canón, no que «gravaba unha esvástica por cada tanque que destruía», segundo o seu neto Andrés.

Na noite do 24 de agosto, esta unidade sería a primeira en entrar en París e chegar ate o Hôtel de Ville, o concello. Aló, un sorprendido tenente valenciano, Amado Granell, atopouse co líder da resistencia, Georges Bidault, e a foto dese encontro apareceu na portada do xornal Libération. En dous días, a capital foi liberada, nunha vitoria que marcou o principio da fin da Guerra. Aqueles half-tracks de estranos nomes tiveron un lugar destacado no desfile triunfal polos Campos Elíseos.

Carta de refuxiado de Cariño López. Foto cedida por Andrés Alonso

Nas semanas seguintes, a compañía pagou un alto custo en vidas para conter os alemáns na beira do río Mosela, cubrindo o avance do resto da división. O cabo Cariño López volveu ter un papel destacado: destruíu cinco Panzer en cinco disparos. O 26 de setembro de 1944 foi condecorado en Nancy xunto ao subtenente Miguel Campos e o sarxento Fermín Pujol, por Charles De Gaulle en persoa. O mesmo De Gaulle que logo afirmaría que na liberación de París só participaron franceses. A condecoración debeulle ser amarga ao galego: catro días despois vería morrer o seu amigo Antonio Yáñez, nun ataque sobre a vila alsaciana de Vaqueville, con outros dous compañeiros.

O percebeiro chegou a sarxento e loitou aínda na liberación de Estrasburgo, onde o frío era un inimigo tan perigoso coma os alemáns. Quedaban xa poucos dos homes que se alistaran en Alxeria. Raymond Dronne explicou que «tras cada combate, os baleiros enchíanse con mozos franceses, case todos carentes de instrución militar. Os vellos loitadores tomaban baixo a súa protección estes recrutas inexpertos, formándoos e protexéndoos; comportábanse como pais preocupados». Ao final da guerra, só 16 dos 156 de La Nueve volveron á casa con vida.

Orde do día do Xeneral Leclerc logo de liberar Estrasburgo. Foto cedida por Andrés Alonso

A súa última parada bélica estivo no Niño de Aguia, o refuxio dos altos cargos nazis. Estaba situado na vila alpina de Berschtesgaden, ao sur de Salzburgo, e defendido polos últimos efectivos das SS. Moitos deles eran pouco máis que adolescentes animados polo fanatismo, pero non por iso a batalla resultou máis suave. Os americanos chegaron primeiro á vila, pero os homes de Leclerc foron os que tomaron o Niño de Aguia, e fixeron ondear nel a bandeira francesa o 5 de maio de 1945. O artilleiro cariñés estivo presente, e saíu de alí cun reloxo de ouro que aínda hoxe segue na casa dunha das súas fillas.

Ángel ganou en Europa a súa gran guerra contra o fascismo, pero este seguía na casa. Non retornou nunca a España, sabedor de que aquí o agardaba un pelotón de fusilamento ou un tiro na caluga. Ficou en Francia, onde casaría e tería outras dúas fillas antes de morrer en París en 1979ª Dende 2010 unha placa lembra en Cariño este veterano da loita pola liberdade. Na vila viven aínda os seus fillos galegos e algúns dos seus netos.

 

Dúas veces exiliado, tres veces prisioneiro

Víctor Lantes naceu na Coruña en 1919, e finou en 2007, en París. Nos últimos anos da súa vida foi entrevistado pola historiadora Evelyn Mesquida, para o seu libro La Nueve. Los españoles que liberaron París. Contaba que os seus pais tiñan «unha pousada» preto da estación de tren de San Cristóbal, onde pasou «os anos felices da primeira infancia». Porén, xa en 1923 tivo que fuxir coa súa familia. Naquel tempo a cidade viviu unha dura folga xeral, convocada polos anarquistas, que foi brutalmente reprimida pola ditadura de Miguel Primo de Rivera. Os pais de Lantes, aqueles taberneiros, deran acubillo e axuda a varios líderes sindicais, polo que se viron obrigados a escapar.

O neno Víctor Lantes medrou en Bayona (Francia) coa súa avoa e uns tíos. Os pais seguiron o camiño aberto por tantos outros galegos e marcharon para Cuba, a facer cartos. «Miña nai volveu cinco anos despois. Tivera outros dous fillos, un rapaz e unha rapaza. Pouco despois marchamos para Alxer. Meu pai foise para Nova York, e dende alí mandaba cartos de cando en vez. Logo voltou con nós. Mina nai xa tiña un comercio de comestibles e traballaron xuntos», conta no libro de Mesquida.

Cando os militares se sublevaron contra a República, un Víctor Lantes de 17 anos traballaba nunha fábrica como mecánico axustador e militaba nas mocidades do Partido Comunista. A comezos de 1937 Víctor Lantes foi mobilizado para a artillería. Pero Lantes deu en pensar que xa pasara tempo abondo no exército español e escapou. Chegou en barco a Marrocos, onde foi detido nada máis pór un pé en terra.

Acabou de novo en prisión, no penal de Oudja, controlado por simpatizantes do réxime de Vichy. Pasadas unhas semanas, fixéronlle unha oferta: ou se alistaba na Lexión Estranxeira, ou de volta para España. Escolleu a primeira opción e mandárono conter o avance dos ingleses e americanos. Pasou así tres meses antes de ter ocasión de desertar.

«Alí vin como un rapaz quería saír dun tanque ardendo e non podía. Berraba e berraba, e o tanque ardía, e non puidemos facer nada por el», lembraba Víctor Lantes

En agosto de 1943, co alcume de Vedrune, Lantes alistouse na 2ª División Blindada do xeneral Leclerc, «un home extraordinario». Conduciu un half-track americano, o Catapulte, ao que subiu en Casablanca e do que xa non baixou ata que o licenciaron. Integrouse na Compañía de Apoio do Terceiro Batallón, onde un terzo dos soldados eran españois.

Víctor Lantes (sentado) cuns compañeiros a carón do todoterreo artillado. Foto cedida por Evelyn Mesquida

Tras desembarcar en Europa, a súa unidade mediuse contra os alemáns en Laval e Argentan, preto de Normandía, e sobre todo nas batallas de Écouché e do bosque de Écouves: «Alí vin como un rapaz quería saír dun tanque ardendo e non podía. Berraba e berraba, e o tanque ardía, e non puidemos facer nada por el», lembraba Víctor Lantes. Venceron, e percorreron 270 quilómetros en dous días para chegar a Anthony, nos arrabaldes de París, onde sorprenderon as forzas alemás e dispersáronas con fogo de morteiro. Ese día o coruñés disparou máis de vinte obuses. Así axudaron a abrir o camiño para que La Nueve entrase na capital francesa e tomase o concello esa mesma noite.

«Medo? Non, sinceramente non tiña medo. Vivín momentos moi difíciles, pero sempre confiei en que tería sorte», aseguroulle Víctor Lantes a Evelyn Mesquida, poucos anos antes de morrer na súa casa, coa súa familia. Casou en Francia e tivo dous fillos, que hoxe viven en Toulon, na Provenza. Nunca volveu á súa Coruña natal, onde ninguén sabe o seu nome, pero había ata hai pouco unha rúa da División Azul e unha avenida para o xeneral Sanjurjo.

Víctor Lantes en 2005. Foto cedida por Evelyn Mesquida

 

Uns casos raros no exilio galego

 A maioría dos galegos que fuxiron durante a Guerra Civil miraron cara á outra beira do Atlántico. «Á fin e ao cabo, Bos Aires, A Habana, Montevideo ou Nova York podían quedar máis preto que Francia ou Alxeria para un campesiño ou mariñeiro galego, debido ás redes microsociais tecidas pola emigración durante o século XIX», explica o profesor Xosé Manoel Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea na USC e autor xunto a Pilar Cagiao do libro Itinerarios do desterro. Era máis doado ir buscar a axuda dun tío, curmán ou parente nas Américas que lanzarse a probar sorte alén dos Pireneos ou no norte de África. Especialmente se temos en conta que Galicia cae en mans dos sublevados en cuestión de dez días.

De todos os xeitos, hai varios casos de galegos que lograron fuxir ou se atopaban na zona leal no intre da sublevación militar, polo que fixeron a guerra co bando leal. Mesmo houbo un batallón de Milicias Populares Galegas, formadas por campesiños que facían a sega en Castela, que tiveron un papel relevante na defensa de Madrid. «Os que sobreviviron ao conflito víronse abocados a seguiren un destino de exiliados. Pasaron a fronteira francesa nos primeiros meses de 1939. Aos que non puideron embarcar cara a América non lles quedou outra que sobrevivir na Francia de Vichy ou participar na Resistencia», sinala Núnez Seixas.

Só entre xaneiro e abril, máis de medio millón de persoas cruzaron os Pireneos para fuxir do réxime de terror dos vencedores, segundo a cifra que máis consenso semella ter entre os historiadores. O goberno francés non lles deu un gran recibimento. Todos aqueles que tiñan historial de combatentes ou activistas políticos foron recluídos en prisións e campos de concentración, onde sufriron fame, frío e malos tratos. Moitos morreron dentro daqueles valados, algúns escaparon, outros foron reclamados por familiares. Unha boa presa deles víronse forzados a alistarse no exército galo. Hitler andaba a ensaiar a blitzkrieg e non era cuestión de desperdiciar veteranos.

Geneviève Dreyfus-Armand calcula que en xuño de 1939 había 170.000 internos nos campos, pero en novembro xa eran 53.000. O Repertorio Biobibliográfico do Exilio Galego identificou nesa situación 1.320 galegos. «O seu número pode estar infravalorado, pero non representaban, en ningún caso, máis do 6% do conxunto de exiliados republicanos en Francia ao final de 1939», calcula Núñez Seixas.

Un deles foi José Romero, un pescador e militante anarquista de Boiro, a quen o golpe de estado de 1936 colleu traballando no porto de Pasaia, en Guipúscoa. Fixo a guerra na fronte norte ata que fuxir tivo máis sentido que loitar. Estivo no campo de refuxiados de Barcarès, en Francia, do que logrou saír en 1940, durante a invasión nazi. Tras a rápida derrota do exército galo, uniuse aos maquis que presentaban resistencia aos alemáns, e permaneceu nas súas filas ata 1945. Co tempo, escribiulle dende Marsella á súa irmá, emigrada en Arxentina, para pedirlle axuda, e chegou a Bos Aires en 1950. O seu nome aparece no repertorio, xunto co de moitos outros galegos que estiveron nos campos de Argelès sur Mer, Bezièrs, Sepfonds, Tarne-et-Garonne, Le Vernet…

Os diarios de campaña recollen a fazaña de 40 homes, aos que se lles encargou a misión suicida de botar os nazis da cota 220, un paso de montaña dende o que estaban a dominar o campo de batalla. Tiveron que atravesar un torrente de auga e xeo, chimpando de pedra en pedra e baixo os disparos de catro armas automáticas.

Cómpre lembrar tamén un tal Gayoso. Loitou en Noruega, e foi condecorado polo seu valor. Formou parte da 13ª Semibrigada da Lexión Estranxeira, destinada a Escandinavia en maio de 1940 para conter o ataque alemán. Loitou na batalla de Narvik, unha vila pesqueira de grande importancia estratéxica. Os diarios de campaña recollen a fazaña de 40 homes, aos que se lles encargou a misión suicida de botar os nazis da cota 220, un paso de montaña dende o que estaban a dominar o campo de batalla. Tiveron que atravesar un torrente de auga e xeo, chimpando de pedra en pedra e baixo os disparos de catro armas automáticas, e logo escalar a pendente. Con bombas de man lograron desfacerse de tres dos niños de metralladoras, pero o cuarto requiriu un asalto frontal.

Explica Erwan Bergot, no libro La Légion au combat, que «un tras outro, os homes foron caendo baixo o fogo alemán. O último intento fixérono tres lexionarios españois —Málaga, Pepe e Gayoso—, os dous primeiros non tardaron en caer barranco abaixo, segados polos tiros da cuarta metralladora; pero o terceiro logrou pór un pé na cornixa, derribar a máquina dunha patada e reducir o oficial alemán dun culatazo. Así foi ocupada a cota 220». Gayoso foi condecorado coa medalla militar ao valor, e pouco máis sabemos del. A 13ª Semibrigada foi un dos corpos militares que seguiron a De Gaulle ao exilio inglés, para loitar pola Francia Libre.

De seguro que hai máis historias semellantes pero é difícil seguirlles a pista. Xa vimos que na súa cadea de fuxidas, desercións e saltos de fronteira os exiliados adoitaban cambiar de nome para evitar represalias. Sumémoslle a iso que os franceses tiñan tendencia a enlearse con esa teima ibérica de ter dous apelidos, e veremos por que os rexistros oficiais son confusos. Algúns, como Víctor Lantes e Cariño López, sobreviviron para contalo. Moitos outros quedaron no camiño, sen que ninguén tivese ocasión de averiguar quen eran, onde naceran ou por que loitaban.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail