Os grupos políticos que se opuxeron a que Galicia celebrase eleccións no verán reclaman para os comicios debates entre todas as forzas e garantías sanitarias, afeando a Feijóo que leve xa «60 días de campaña» comparecendo na televisión pública.
Galicia vaise a eleccións no verán e os grupos xa formularon propostas para a campaña electoral. Este martes, os partidos da oposición, aínda que continúen criticando a celebración dos comicios pola crise sanitaria, expresaron as súas ganas de realizar debates na televisión para contrastar ideas entre as diferentes forzas. Sinalan o peso dos medios públicos para iso, ata o momento acaparados por Feijóo e insisten na importancia das garantías sanitarias durante todo o proceso electoral.
Todos os partidos políticos galegos coinciden en que a prioridade é a xestión da pandemia e a saúde da poboación, pero a campaña empeza o 26 de xuño e están vixiantes para que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, non volva eludir o debate e o diálogo como fixo durante o estado de alarma. Asistiu dúas veces á Deputación Permanente, cancelou tres veces a xunta de portavoces, os partidos foron convocados a reunións a través dos medios de comunicación, non foron avisados por parte da presidencia da data electoral… E por iso o primeiro que piden é debate, debate e máis debate.
[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]
O partido socialista en Galicia, encabezado por Gonzalo Caballero, pide directamente un cara a cara como en tempos do bipartidismo. «A Feijóo non lle gusta debater», manifestou hoxe nunha rolda de prensa telemática. Insistiu en que acudirá a todos os encontros aos que vaia o PP e que «o mínimo», despois de que «force» á comunidade para ir a eleccións, é que o presidente da Xunta acepte todos estes encontros.
Caballero tamén reprochou a «indecente» e «impropia» xestión dos medios de comunicación galegos pola treintena de ocasións que Feijóo compareceu en televisión. «Galicia é o seu chiringuito» e como consecuencia a cidadanía está «farta» da manipulación, engadiu. Por iso pediu que a CRTVG durante a campaña realice un «seguimento amplo» onde exista un pluralismo «de acordo á normativa».
O mesmo esixiu a candidata do BNG Ana Pontón, que pediu «neutralidade informativa» nos medios públicos onde se celebren polo menos «dous debates», así como ampliar o tempo para tratar a campaña electoral e a realización de entrevistas aos cabeza de listas das provincias. Tamén na comparecencia deste martes tachou a Feijóo de «cinismo» por falar dunha campaña electoral diminuíndo os actos de partido cando el «leva de campaña dous meses» con «31 mitins» en directo e en prime time.
«É máis evidente que non quere unha campaña electoral», comunicou o tamén candidato por Galicia en Común Anova-Mareas Antón Gómez Reino, e notificou que desde o seu partido procurarán que o PPdeG non cometa «imprudencias». Na mesma liña que as outras forzas de oposición considera que os medios públicos en Galicia deben ser reforzados para poder encarar o 12 de xullo. En canto á duración e formato da campaña, anunciou que o partido non fará «nada que poida insistir na irresponsabilidade que xa é convocar eleccións neste momento».
Un «mailing único»
Pontón foi un paso máis aló e referiuse a que as papeletas cheguen a todos os domicilios conxuntamente, propoñendo un «mailing único». Este formato permitiría un «aforro moi importante de recursos públicos que se poderían destinar a medidas de seguridade na campaña e á xornada electoral». Cre que a Xunta debe facer un «protocolo» e poñer os medios para garantir a votación.
O Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, comunicou que os galegos poderán votar «con tranquilidade» porque a Xunta «xa está a traballar» nunhas medidas específicas. Recoñece que a situación «nunca se deu» e que hai actividades que «se están facendo» por parte de grupos que son «máis complexas de controlar» que o voto. Tamén xustificou as eleccións en xullo postulando que nestes momentos «non hai circulación» do virus.
Desta maneira, Feijóo deixou en mans dos propios partidos a duración da súa campaña e comunicou que por lei ten que durar 15 días. Nos mitins teranse que cumprir as limitacións do número de asistentes. «Os partidos imos cumprir a normativa que rexa no momento da precampaña e ao comezo da campaña», asegurou. Tamén confirmou a súa disposición para acudir aos debates coa oposición. «Entendo que ese costume debe manterse», respondeu os medios.