A falta de persoal colapsa tres hospitais e o presidente da Xunta responde pedindo «sentidiño» aos doentes

A Coruña.- Sindicatos e asociacións médicas e de usuarias do Servizo Galego de Saúde (Sergas) denunciaron o colapso que sofren os servizos de urxencias de polo menos tres hospitais, mentres as orgaanizacións de defensa da sanidade pública anuncian un novo calendario de protestas contra a Xunta, que culminará o próximo 12 de febreiro cunha manifestación en Santiago.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, considera con todo que a responsabilidade de que os hospitais non colapsen é dos cidadáns, e lles pide «sentidiño» á hora de decidir se necesitan atención médica para non saturar os servizos de urxencia.

O xefe do Executivo galego engadiu que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) ten «un plan» para afrontar a situación, pero non explicou en que consiste.

Mais de 15 horas de agarda

A Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciou o pasado martes o colapso dos servizos de urxencias e observación do Hospital Lucus Augusti de Lugo (Hula), con persoas hacinadas en padiolas nos corredores con demoras de máis de 15 horas para que lles fose asignada unha cama en planta, situaciópon que tamén se deu no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

«Os doentes son danados no seu dereito fundamental á dignidade e á intimidade e corren o risco de padecer episodios de empeoramento da súa situación clínica»

O mércores, a Asociación de Pacientes e Usuarias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUAC) alertou de que 24 pacientes graves estaban «amoreados nos corredores» do Hospital Clinico da capital galega nunha situación de caos que se repetiu durante catro días.

Segundo Gloria Castro Diéguez, delegada de CIG-Saúde en Lugo unha ducia de persoas que chegaran o urxencias do HULA entre as nove e as doce da noite do luns aínda estaban, ao mediodía, pendentes de ingreso.

«Caos continuado e sostido no tempo»

«Una delas levaba esperando unha cama desde as 16.30» do día anterior, denuncia a CIG, que advirte ademais que «o caos» no centro é «continuado e sostido no tempo», a pesar de que o hospital conta «con andares baleiros ou a medio encher atendendo só a criterios economicistas, por non contar con máis equipos» de persoal que poidan atender aos enfermos.

Na Coruña, o sindicato alertou de que na mañá do martes había trece pacientes nos corredores de urxencias do principal centro do CHUAC e case 40 á espera de cama. A Comisión de Centro asegura que a situación era «previsible e evitable», e acusa á xerencia e á Xunta de «botar man da improvisación e da profesionalidade do persoal, expoñéndoa a situacións de estrés e sobrecarga» de traballo.

Doentes en camilla e cadeiras de roldas nos pasillos de urxencias do CHUS / Foto: Asociación de Pacientes e Usuarias do CHUS

Segundo a CIG, a Xunta dobrou o número de camas no Hospital de Oza, dependente do CHUAC, pero sen dotalas de persoal para atendelas, e triplicounas na terceira planta doutro centro, o Abente e Lago, onde non só non se dotou ao persoal de máis persoas «senón que nin sequera se están cubrindo» as baixas e ausencias.

En Santiago, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS relata que o martes ás catro da tarde 24 pacientes graves permanecían en padiolas e cadeiras de rodas nos corredores de acceso a urxencias esperando a ser atendidos, xunto a outros 46 con ingreso asinado en planta esperando por unha cama.

«Dano físico e moral»

«A pesar das denuncias públicas e do dano físico e moral que esta situación representa para os pacientes, os servizos de urxencias do CHUS están nun estado permanente de colapso», afirma Fernando Abraldes, portavoz da asociación.

Abraldes advirte de que os enfermos afectados «están a ser danados no seu dereito fundamental á dignidade e á intimidade e corren o risco de padecer episodios de empeoramento da súa situación clínica» por estar «nun lugar onde non deben estar e no que non é posible unha atención axeitada».

«O desmantelamento da atención primaria» durante os gobernos do PP na Xunta «repercute sobre a saúde da poboación»

«Os responsables do servizo e a xerencia seguen banalizando a situación e esquecen que nese mesmo corredor producíronse falecementos de persoas que deberon ser atendidas nos lugares destinados para iso», conclúe.

Calendario de protestas

A plataforma SOS Sanidade Pública, que agrupa a organizacións civís, profesionais, sindicatos e partidos políticos da oposición, convocou para o vindeiro martes unha protesta fronte á sede do Parlamento de Galicia en Santiago, e unha manifestación para o 12 de febreiro na mesma cidade.

A plataforma advirte de que o desmantelamento da atención primaria» durante os gobernos do PP na Xunta «repercute sobre a saúde da poboación» e provoca «o colapso das urxencias dos hospitais e o incremento exponencial das listas de espera».

O último acto dese tipo, o 13 de febreiro deste ano, convocou a decenas de miles de persoas nunha das mobilizacións máis concorridas da historia de Galicia despois das auspiciadas polo movemento Nunca Máis pola catástrofe do Prestige en 2002.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail