Ana Pontón: unha veterana da política galega en busca de avelaíñas brancas

Diciamos do actual presidente da Xunta de Galicia que chegara ao posto sen pasar polas urnas porque este vaise y aquél vaise, e todos, todos se van. O poema-vaticinio de Rosalía de Castro continúa así: Galicia, sin homes quedas que te poidan traballar. Non se preocupen: polo si ou polo non, aquí estamos as mulleres. E máis lles vale a algúns (isto non é un masculino xenérico) que o poder de adiviñación da escritora sexa mera coincidencia, porque unha das que espera pacientemente no banco é a líder da oposición no Parlamento galego: Ana Pontón.

Pontón naceu na súa casa familiar da aldea de Airexe (Sarria, Lugo) en 1977. Para algunhas xuízas iso podería considerarse a «Galicia profunda», pero máis parece o inicio da novela galega máis reeditada e traducida da historia, Memorias dun(ha) neno(a) labrego(a): «Eu son Belén. Unha moza de aldea. Como quen di, unha ninguén». E é que no seu DNI aparece Ana Belén, e polo seu segundo nome a chaman na familia.

A obra inaugural da literatura infantil e xuvenil en Galicia foi escrita a finais dos 60 en Buenos Aires. Xosé Neira Vilas, o seu autor traballaba naquela época nunha empresa de importación de madeira na que facía xestións bancarias. Despois de terminar a súa xornada laboral ía ao café La Vieja Viena e escribía. En tres meses estaba rematada, aínda que non se publicou na súa terra natal ata 1968.

As orixes de Pontón parecen remitirse á novela galega máis reeditada e traducida dahistoria, que ben podería ampliar o seu título: Memorias dun(ha) neno(a) labrego(a)

Non sabemos se Pontón cultivará tanto éxito o próximo 18 de febreiro, pero si que para chegar onde está agora tivo que esperar moito máis do que o fixo Neira Vilas para ver o seu libro publicado en Galicia.

Licenciada en Ciencias Políticas e da Administración, comezou a súa militancia política con tan só 16 anos ao afiliarse a Galiza Nova, as mocidades do Bloque Nacionalista Galego.

Con 18 marchou estudar a Santiago de Compostela, onde participou nos Comités Abertos de Facultade (CAF), organización estudantil da que chegou a ser representante na xunta da Facultade de Ciencias Políticas e no claustro universitario.

En 2004, e tras pasar pola secretaría de organización de Galiza Nova e ser membro da súa dirección nacional e da súa comisión permanente, Pontón aterrou no Parlamento de Galicia como deputada. E aí segue. Precisamente isto é o que máis lle afean os seus rivais: que leva toda a vida sendo parlamentaria, cando nos últimos anos se poñía de moda medir a decencia da caste política en termos de quen estaba de paso e quen non. Hai quen prefire chamalo experiencia.

Os seus rivais lle afean levar 20 anos no Parlamento de Galicia. Hai quen prefire chamalo experiencia

Noutra aldea de Sarria, Ortoá, naceu tamén a poeta Xela Arias, a quen se homenaxeou nas Letras Galegas do ano 2021. Foi a quinta muller á que se lle dedicou este día desde 1963, pero iso é outro tema. Ou non: o feminismo sempre estivo presente en Pontón e a primeira en achegarllo foi a súa avoa. Inculcoulle que as mulleres nin eramos menos nin traballabamos menos, máis ben ao contrario.

As súas palabras tiveron eco na neta: a primeira muller que podería presidir a Xunta de Galicia tamén foi a primeira en liderar o seu partido, aínda que non resultase unha tarefa fácil. Nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2009, tras o bipartito, o BNG obtivo os peores resultados desde 1989, o que provocou que o exvicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e os outros membros da directiva presentasen a súa dimisión.

Nas de 2012 a caída agudizouse, pasando de doce a sete deputados. Neses comicios, as diferentes correntes do partido xa iniciaran a guerra interna e varias escindíronse. Crearon Anova e coa coalición Alternativa Galega de Esquerdas, na que estaban Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz, conseguiron nove escanos. Vencerse é cousa de se tratar, que diría a veciña de Pontón, Xela Arias. Logo chegaron as Mareas e o partido nacionalista estivo a piques de desaparecer. Noutras palabras: o BNG estaba tan confuso que se feriu a si mesmo. Nese vórtice, Pontón foi momentaneamente portavoz no Parlamento en 2012. Pensou en deixar a política, vista a situación do seu partido, pero o que finalmente fixo foi coller o temón da nave en 2016, tras as eleccións nas que conseguiron seis escanos fronte aos catorce de En Marea.

Cando se lle pregunta por que, afirma que precisamente porque é muller: «Se fose home, probablemente non daría o paso. Pero son muller, e as mulleres sabemos que, cando temos unha oportunidade, non podemos desaproveitala, porque é probable que non volvamos tela». Por ser muller tivo que aguantar que Feijóo lle dixese en 2018 que «estaba moi necesitada».

A súa avoa xa llo advertiu. A neta perseverou. Catro anos despois, o BNG obtiña os mellores resultados da súa historia, sobrepasando ao PSdeG e converténdose no partido líder da oposición.

«Se fose home, probablemente non daría o paso [de liderar o BNG]. Pero son muller, e as mulleres sabemos que, cando temos unha oportunidade, non podemos desaproveitala»

Á parte do feminismo, na súa infancia tamén coñeceu a subordinación do galego. Decatouse de que algúns consideraban a súa lingua de segunda, posto que servía para falar na casa e entre a xente da aldea, pero non para dar misa, por exemplo. «Gobernar baixo a subordinación a Madrid tampouco é bo», afirma, e o Bloque fai gala diso: «Nos últimos 40 anos, Galicia tivo seis presidentes, todos homes e todos de forzas estatais». A ela ninguén lle vai a dicir desde fóra o que ten que facer aquí.

No ámbito privado, Ana Pontón ten unha filla e gústalle pasear polo comercio local do seu barrio compostelán. É afeccionada ao ioga e o pasado Día do Libro recomendou Avelaíñas eléctricas, da xove Sica Romero. As avelaíñas, bolboretas nocturnas, son símbolo de superstición na tradición galega: brancas para presaxios positivos, negras para os negativos.

Visto o éxito da sarriá, as súas deben de ser das primeiras: o seu partido vive o mellor momento dos seus 40 anos de historia grazas á elixida para unilos e gobernalos a todos (e todas). Mesmo asinou a paz con Anova este xaneiro.

Está por ver se o influxo do anel de Sauron chega tamén aos galegos e galegas, converténdoa así na primeira presidenta da Xunta de Galicia. De momento, as cifras prometen: as enquisas poñen xa en dúbida unha nova maioría absoluta do PP e nas municipais do pasado 28 de maio, o BNG e o PSdeG, sen contar a ningún outro partido do espectro de esquerdas, sumaron case un 20% máis de votos, en contra do que pasou no resto do Estado. Veremos se as avelaíñas de Pontón seguen sendo brancas o 18 de febreiro.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail