A incomparecencia do público

O fenómeno do político amósase, as máis das veces, como un fenómeno oculto cuxas evidencias non relacionamos, precisamente, co que é explicitamente. Vivimos dende hai corenta anos unha erosión progresiva dos lugares comúns. Un dos obxectivos das políticas neoliberais dos últimos tempos foi aquela destrución dos espazos de xuntanza. Enténdase xuntanza como o feito de agrupar, esporádica ou aleatoriamente, xente de distinta procedencia, nivel socioecnómico e cultural. A degradación dos lugares comúns non aparece en ningunha lei orgánica, de aí a súa enorme precariedade e continxencia: o común aparece de casualidade, esporádico, e con grandes cargas de liberdade na súa espontaneidade; non é posible describir nun BOE, nun DOG, o seu esmorecemento, mais si permitilo na súa redución progresiva nos orzamentos. No político é posible facilitar a descomposición, mais rara vez o tiro rematador é visible.

A sanidade pública devaluose nunha operación de degradación progresiva. Se degradas un sistema, a xente intenta buscar alternativas. É a perversión da orientación do público: que o público te obrigue, sen que apareza case por escrito,  a acudir ao privado. No que pode ser un lexítimo exercicio de defensa da liberdade esquécese a defensa de mínimos que debe estabelecer o estado social. O neoliberalismo que traballa detrás do veludo converteu o público en organismo incomparecente: sen axudas, sen financiación, infindos tempos de espera e, no último lugar, o risco da morte. A sanidade pública é por iso un piar do Benestar, precisamente, porque non só iguala a todas e todos diante do risco de non vivir, a última fronteira, senón porque aparellada a ela constrúese unha sociedade que se entende en común, que se coida e que entende a política como instrumento, algo que é unha carga de profundidade na mentalidade conservadora máis ácrata. 

A sanidade pública devaluose nunha operación de degradación progresiva. Se degradas un sistema, a xente intenta buscar alternativas. É a perversión da orientación do público: que o público te obrigue, sen que apareza case por escrito,  a acudir ao privado

Coidarse é un movemento afectivo e político. Os estados do Benestar após 1945 naceron para coidar a unha xeración maltratada polos anos da guerra e por unha década de Grande Depresión onde a indecencia ocupou un lugar privilexiado nas bocas e nas mentes dos homes e mulleres. A indecencia fronte á pobreza e a miseria, encarnada na rabia do fascismo, e a indiferenza fronte a aquel mal e aquela desigualdade, encarnada nun liberalismo cuxa prosperidade «estaba á volta da esquina» para os rápidos. Os lentos, morrían, é o mercado, amigo.

Aqueles que desexan a liberdade como escusa para a opresión dos fráxiles, dos débiles, dos pobres, converteron a sanidade pública, precisamente, no corazón da indecencia política. A incomparecencia do público e o desafiuzamento da cidadanía. Na pasada cerimonia dos Goya chamou moito a atención o chío da conta oficial da Comunidade de Madrid. Nel, diante do discurso dunha viúva, recordábase que o hospital onde faleceu o cineasta Carlos Saura, homenaxeado na gala, era de xestión público-privada. Non compareceu nin a sensibilidade nin o sentido da vergoña allea. A indecencia, pola contra, tan individualista, tan de mirar á outra esquina cando o importante acontece nesta, sempre fai acto de presenza nos momentos de debilidade. Funciona, verán, como o mercado: alá onde hai oportunidade, vende se vai mal e arrímase ao teu carón se vai ben. 

Diante do discurso dunha viúva, recordábase que o hospital onde faleceu o cineasta Carlos Saura, homenaxeado na gala, era de xestión público-privada. Non compareceu nin a sensibilidade nin o sentido da vergoña allea

Pero, por que nos doe tanto a sanidade? Porque é o último resorte de control colectivo diante da morte, do último misterio. A sanidade evidencia o nivel de protección do público cando os efectos da enfermidade e cando as ausencias no espazo rachan o estoicismo liberal. A comparecencia disto, a decencia, é o que revela a orientación progresista do político, é algo en si pero é tamén unha maneira de orientarse, de ser, como dicía Vargas Llosa en La civilización del espectáculo, parafraseando a T.S. Elliot en relación á importancia da cultura, «unha maneira de ser na que as formas importan tanto como o contido». Forma e contido con carga son os dous elementos presentes na transcendencia que ten o actual debate sobre o dereito a unha sanidade pública de calidade.

As xeracións que viñeron despois de 1945 coñeceron a morte ou ben nos campos de Europa ou ben nos baleiros das casas, estómagos e conciencias. A morte e a intelixencia andaban a pelexar nunha batalla final. E aquela xeración, dinos a historia, diante da última fronteira puxo a saúde, coa socialdemocracia como cobertura ideolóxica, de piar principal para a construción do benestar. Colocou a solidariedade onde antes primaba o mito do pioneiro decimonónico –o «emprendedor», hoxe–, e adecuaron a planificación á defensa da liberdade. Redistribuír para igualar, redistribuír para asegurar unha vida máis tranquila. Porque liberdade non é gozar do privilexio, liberdade é non ter medo. Sen sanidade pública, por exemplo, afloran os medos. Medra a inseguridade cando a saúde baleira unha xa minguada carteira, cando os fíos que nos quedan –amor, familia, amizades, barrio…– se ven afectados polo azar da desigualdade na que radica a existencia. O combate ao medo, en fin, é orientar o libre albedrío no camiño da felicidade.

Pero, por que nos doe tanto a sanidade? Porque é o último resorte de control colectivo diante da morte, do último misterio

Os nós que nos unen aos uns cos outros son, por natureza, febles. Alí onde o mundo nos outorga febleza o ser humano pode facer verdadeiras marabillas coas mans. As ligazóns que nos arrexuntan non veñen dadas, aí volve aparecer a sanidade pública, para que enfermar non sexa un privilexio, para que a fraxilidade non sexa condición de non-supervivencia. A sanidade pública é boa porque fai a fraxilidade unha condición asumible de vida. Fai a fraxilidade algo non punible. Sálvanos do xuízo implacable dunha selección natural que se leva moi ben coa non intervención. Consegue que non sexa normal que esteas mal por sentirte mal.  Todas e todos somos fráxiles, non só nun momento da vida, senón na vida. A fraxilidade é co-substancial á existencia en tanto que a nosa percepción do mundo consta de feridas inevitables. 

A comunidade é o corazón da sanidade pública porque nela nos refuxiamos contra a morte. Por iso é o lugar de batalla. No momento no que as dinámicas do mercado peneiran nese dereito, o dereito devalúase, o dereito xa é cousa de intercambio, é menos seguro, é menos garantista. Esta operación é, ao seu xeito, perversa. Aquilo que debera ser innato á vida nunha democracia, aquilo que nace para aqueles que non poden mercar o benestar cos seus cartos, convértese en si mesmo noutro lugar de privilexio. A sanidade pública é tamén o lugar onde o dereito é o amparo dos que precisan do público fronte aos outros, os privilexiados para os que o público é o que se interpón entre eles e unha (aínda maior) riqueza. Aí entra a incomparecencia e o desafiuzamento do público: disfrazar de liberdade o que, á luz común, non deixa de ser feo, nasty. O pasado domingo compareceu a decencia, compareceu o público.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail