A Radio Galega presenta por «erro» como operario de limpeza a un alto cargo da Xunta entrevistado a pé de praia

A Coruña.- A Radio Galega (RG) atribuíu o pasado martes a «un erro» o presentar nas súas redes sociais a un alto cargo da Xunta como «operario» ao que entrevistou a pé de praia o pasado martes no programa Galicia por Diante, e quen sustentou as teses do Goberno galego minimizando o impacto da vertedura do Toconao e o perigo dos pellets que asolagan as costas galegas, asturianas e cántabras.

Trátase de Isaac Gómez, subdirector de Meteoroloxía e Cambio Climático da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente do Goberno de Alfonso Rueda, que dirixe a súa vicepresidenta e conselleira Ángeles Vázquez.

«Isaac é un dos operarios que recollen os plásticos», di o tweet colgado na conta de X do programa. «Forma parte da brigada de Sada [un municipio de 15.000 habitantes a uns 25 quilómetros da Coruña] e advirte das consecuencias dunha mala recollida: podemos pisalos ou levar material orgánico», concluía o post, que xa foi eliminado.

Tuit borado pola CRTVG no que se identificaba como “operario” entrevistado a pé de praia ao subdirector xeral de Meteroloxía e Cambio Climático da Xunta / Fonte: X

Varias persoas contestaron ao tuit da RG, adscrita á Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), advertindo de que Gómez non era un operario nin un voluntario, senón unha parte interesada na guerra de declaracións na que se meteu o Goberno de Alfonso Rueda para restar relevancia á vertedura e responsabilizar ao Executivo central da mala xestión da crise.

«Manipulación informativa»

Traballadores da CRTVG e do colectivo Defende a Galega consultados por Luzes-Público inscribiron o suceso «na estratexia de manipulación informativa» da que acusan á dirección dos medios públicos autonómicos, que encabeza Alfonso Sánchez Izquierdo, e pola que convocaron actos de protesta en todos os centros de traballo da CRTVG este xoves pola mañá.

O areal desde o que se fixo a entrevista nin sequera está afectado pola vertedura de plásticos

Fos do Concello de Sada confirmaron ademais que o areal no que foi entrevistado López non estaba afectado pola vertedura, e que se decataron de que a Xunta enviara alí ao seu subdirector xeral pola chamada dun veciño que alertou de que había varios vehículos metidos de cheo no areal e xornalistas dos medios públicos acompañando a unha decena de operarios con chalecos reflectores.

«Onte [polo luns] informamos de que había dúas praias de Sada afectadas, Cirro e Morazón. Pero non os dous areais urbanos onde se presentaron», explican fontes do Concello. Engaden que cando preguntaron ao responsable de Meteoroloxía e Cambio Climático quen decidira que se enviasen operarios a limpar unha praia que xa estaba limpa, a resposta foi: «O gabinete da conselleira». «É dicir, que non foi unha decisión técnica».

As mesmas fontes indican que López levaba na man un capazo con pellets, pero que lles explicou non eran de Sada e que os traía «doutra praia».

CRTVG: «Evidentemente é un erro do que se informa no tuit inmediatamente posterior na propia conta da Radio Galega»

A CRTVG asegurou onte que o tweet no que se identifica a López como operario «evidentemente é un erro do que se informa no tuit inmediatamente posterior na propia conta da Radio Galega», que conduce á entrevista. «No minuto 1:53 da ligazón que acompaña a ese tuit escóitase como a reporteira presenta ao entrevistado como subdirector xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático e responsable do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Camgal)», engade a CRTVG.

Luzes-Público tratou de obter a versión do departamento de Ángeles Vázquez e de contactar a través del con Isaac López, pero ao peche deste artigo non obtivera resposta.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail