O hospital comarcal de Valdeorras, en Ourense, converteuse para moitos nun dos exemplos máis dramáticos da estratexia de recortes, privatizacións e desmantelamento da sanidade pública do Goberno do PP
A Coruña.- O hospital comarcal de Valdeorras, no Barco, 13.000 habitantes no sueste da provincia de Ourense, foi inaugurado hai cincuenta anos e ata hai un decenio contaba con máis de 400 traballadores: médicos especialistas, farmacéuticos, piscólogos, enfermeiros, celadores, persoal de cociña, limpeza, lavandería, cafetería… Ata había un sacerdote incluído no cadro de persoal do centro.
Desde o 2010, ao ano seguinte da chegada de Alberto Núñez Feijóo á Xunta, o hospital, que cobre unha poboación de 32.000 persoas no conxunto de municipios da comarca, foi sufrindo un lento proceso de perda de recursos materiais e humanos. Quedou nunha «situación desastrosa», segundo unha moción aprobada hai dous meses polo pleno municipal da localidade, gobernada polo socialista Alfredo García..
A moción, presentada polo BNG, advertía de que o proceso de desmantelamento iniciouse coa reforma sanitaria de Feijóo, que eliminou a autonomía dos hospitais comarcais e fíxoos depender da xerencias dos grandes centros. No caso do do Barco, pasou a depender da xerencia da área sanitaria de Ourense, a cuxa cabeza Feijóo nomeara un ano antes, e só dous meses despois de gañar as súas primeiras eleccións autonómicas, á súa propia curmá, Eloína Núñez Masid, ex concelleira do PP na capital provincial.

«Servizos clínicos que antes tiñan catro profesionais, como cirurxía, hoxe están reducidos a un só; traumatoloxía pasou de tres a un, e outros como uroloxía e cardioloxía, que tiñan praza orzada no hospital, quedáronse sen ninguén. Dermatoloxía tamén desapareceu», asegura Suso Vilasánchez, concelleiro do BNG e autor da moción, que sinala ademais que se perderon ou están sen cubrir catro prazas de xefaturas médicas, dúas prazas de coordinación de persoal non facultativo e as direccións de xerencia, xestión e enfermería.
Esas carencias provocan que os pacientes que xa na poden ser atendidos no hospital deban desprazarse ata Ourense, a unha hora e tres cuartos por unha estrada infame e cun transporte público deficitario. De feito, o pasado verán quedaron sen facultativos dispoñibles para acompañar no traslado a Ourense, como é preceptivo nas ambulancias medicalizadas, a enfermos afectados por accidentes cardiovasculares ou reaccións alérxicas graves que requirían atención urxente e non podían ser tratados no Barco.
«Moitas veces o paciente grave debe esperar varias horas que veñan buscalo desde Ourense ao hospital, e mesmo se deu un caso no que o enfermo saíu na ambulancia só con persoal de enfermería coa intención de atoparse a medio camiño coa ambulancia que traía ao médico desde Ourense», engade o edil nacionalista.
Hai dúas semanas, máis de 4.000 persoas manifestáronse na vila protestando pola situación do hospital e en defensa da sanidade pública. En proporcion coa poboación da comarca de Vigo, sería como se nesa cidade saísen á rúa 60.000 persoas. Ou máis de 950.000 en Madrid.

Os manifestantes do Barco denunciaban que os recortes da Xunta dan lugar a situacións surrealistas, que serían hilarantes de non ser porque están en xogo as súas vidas e a súa saúde. Hai menos de dous meses, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) citou no hospital para decembro do 2022 a unha muller de 92 anos para retirarlle unha escaiola por unha fractura de pulso. A Xunta atribuíuno entón a un erro, pero quen consideran que o Goberno de Feijóo está a desmantelar o hospital o atribúen a un problema estrutural.
Aseguran que as gardas de radioloxía fanse «a distancia», é dicir que o técnico fai as probas que logo se envían a Ourense para que sexa un galeno de alí quen as interprete, e que no caso dos TAC e mamografías de consultas externas e atención primaria, envíanse a un centro privado de León, onde son médicos desa comunidade autonóma os que diagnostican e informan os pacientes do seu resultado.
A retahíla de efectos dos recortes segue: xa non hai facultativos de medicina preventiva nin de admisións e o servizo de rehabilitación tamén se quedou sen especialistas propios, polo que os enfermos teñen que esperar a que o Sergas os envíe desde outros hospitais. O mesmo sucede para cubrir boa parte das gardas de cirurxía, traumatoloxía e pediatría, que dependen de que se envíen especialistas doutros centros.
«Case todas as especialidades do hospital de Valdeorras son deficitarias, e as poucas que non o son levan trinta anos sen aumentar persoal, cando o certo é que a demanda si aumentou», explica Víctor Pariente, celador do centro, membro da súa Xunta de Persoal por UGT e ex secretario xeral do sindicato na provincia.

Parente asegura que o «desprezo» polo hospital do Barco chega ao punto de que, no canto de renovar o material, alí lle envían o que Ourense refuga. Desde as bandexas de comida ás camas. «Por iso aquí os colchóns bailan: son de 1.80 e as camas que nos mandaron de Ourense, de 1,90». Engade que os recortes impiden ao centro desenvolver servizos adecuados ás necesidades sanitarias da poboación, como o de neumoloxía, nunha comarca onde a actividade da minería de lousa provocou que abunden os casos de silicose e enfermidades respiratorias asociadas.
A Xunta, pola súa banda, nega a maior. Fuentes do Sergas, que depende da Consellería de Sanidade que dirixe Julio García Comesaña, aseguran que é mentira que o centro estea a ser desmantelado, e apuntan a dificultade para atopar médicos que queiran ir ao Barco, a pesar de que lles ofrecen contratos indefinidos e puntos extra para as oposicións.
Tamén xustifican que o envío esporádico de profesionais desde outras áreas sanitarias responde á estratexia de «concibir os recursos do Sergas como un único hospital, no que os distintos centros apóianse para garantir a cobertura sanitaria de todo o territorio» de Galicia.

Así, o Sergas sostén que con ese sistema de xestión garante que estean «ao 100%» no Barco servizos como hematoloxía, otorrinolaringoloxía, oftalmoloxía, psiquiatría e microbiología; que en dixestivo haxa dous novos cirurxiáns e en urxencias, un doutor e dous enfermeiros máis; que en xinecoloxía espere pasar de tres a cinco médicos, e que desde a posta en marcha da xestión integrada téñanse icorporado consultas en reumatoloxía, neuroloxía, dixestivo, endocrinoloxía…
A última actuación da Xunta nese sentido foi acordar cos xefes de servizo de traumatoloxía do resto de hospitais de Galicia un sistema para que persoal de toda a comunidade rote e cubra tanto a atención ordinaria como as gardas de Valdeorras, que hoxe só conta cun traumatólogo que está de vacacións porque ten que consumilas antes de que acabe o ano.
Esa estratexia de «parches» non convence a quen insiste en que o hospital de Valdeorras xa non pode considerarse un hospital. Como Orlando Saavedra, o primeiro xerente do centro e hoxe concelleiro do PSOE no Barco.
«Nos hospitais comarcais crese ou non se cre. E se quen os dirixe non cre neles, é moi dificil que saian adiante. Un hospital comarcal non pode ter determinados servizos porque non vai poder contar con profesionais para cubrilos, pero o que si ten que ter é autonomía. Porque se non, o hospital grande sempre acabará coméndose ao pequeno», engade.

Este mesmo luns, a plataforma SOS Sanidade enviou un comunicado no que reclama ao Sergas que reinstaure e dote de persoal os servizos «que foron desmantelados total ou parcialmente pola administración do PP» con recortes que foron «responsables do incremento das listas de espera e que agravan as enfermidades e os riscos de morte evitable».
Mentres tanto, a carreira profesional e política de Eloína Núñez Masid non deixou de crecer: hai catro anos foi elevada á xerencia da área sanitaria de Santiago, e o seu curmán incluina no Comité Executivo do PPdeG no congreso que a formación celebrou o verán pasado.