A ti si? A min tamén!

O outro día quedei coa miña Laura, a miña amizade máis lonxeva. Con ela crecín, madurei e aprendín. Para as que temos a sorte de manter un grupo de amigas sólido durante toda a infancia, adolescencia e xuventude volver a el cando a vida adulta nos separa inevitablemente é volver a un terreno coñecido, amable e seguro. É sentirte suficientemente cómoda como para expresarte con honestidade, sabendo que quen te recibe ao outro lado te vai interpretar dun xeito co que estás familiarizada.

Laura e eu, nenas

A última vez que nos vimos falamos, inevitablemente, do traballo. Por moito que queiramos evitalo, algo que nos consume a maior parte do día vai ser un elemento central das nosas conversas a non ser que as reduzamos a falar do que comimos, de canto durmimos ou do que mercamos no súper. Logo dalgunha anécdota recente e un par de cotilleos chegamos a un tema que tamén é inevitable que toquemos: ser muller nova no traballo con todo o que conleva. Entre ela e eu, ou entre calquera das rapazas do grupo e eu, non existe posibilidade de debate no feito de que ser muller nova en calquera traballo acarrea unha serie de condicionantes que fan que teñamos que aguantar segundo que cousas. Porén, temos que nos enfrontar, por veces en forma de comentario pondo en dúbida, por veces en forma de cegueira absoluta, a cuestionamentos acerca de que estes condicionantes estean tan presentes.

O comentario dun compañeiro non pretende nin ferir, nin negar, nin botar por terra nada. É propio de alguén que non necesita reflexionar sobre como o ven os demais

É bastante habitual que os nosos colegas non reparen nas diferencias sutís (eu diría que non o son tanto) que o sesgo de xénero provoca nas experiencias laborais e, se ben son innegables, cando esta resistencia a crer nunha narrativa te rodea, é fácil dubidar dela mesmo se é a propia. Afirmar algo vivido en primeira persoa e ter unha ou varias voces incrédulas fai que reavalíes o que acabas de dicir, que lle deas mil voltas e que mesmo intentes achegar a túa realidade á de esas voces, negando parcialmente unha vivencia propia. Este escenario non ten por que ser violento, nen agresivo, nen adoita crear mal ambiente. Pode vir dun compañeiro con boas intencións que con toda honestidade é incapaz de ver que ti te enfrontes dun xeito tan diferente ao mesmo traballo que el. O seu comentario non pretende nin ferir, nin negar, nin botar por terra nada. É simplemente ilustrativo da pouca atención que presta a como se manifesta nos nosos comportamentos e no noso trato aos demais a maneira en que os categorizamos. É propio de alguén que non necesita reflexionar sobre como o ven os demais.

Cando a rutina laboral inclúe estes desaxustes nas apreciacións da realidade, volver a un entorno familiar como é o das amizades de sempre é un alivio. Aínda máis cando, ao tratar estes temas, a conclusión á que se chega é moi semellante e podemos reafirmarnos e sentir alivio porque, efectivamente, estamos na mesma beira. Se non se dixeron vinte «Tía, a ti si? A min tamén!» e sucedáneos non se dixo ningún . Isto que ía reflexionando logo de quedar con Laura contenta porque quedar cunhe amigue sempre é unha vía de escape á vida de cotización que nos imbúe e porque bebera dúas cervexas levoume a recordar un termo que vin que se empregaba moito por internet haberá un par de anos. Entón, houbera unha especie de estourido arredor do concepto «cámara de eco», que se refire á tendencia que temos a consumir información filtrada polo noso propio sesgo ideolóxico, impedindo dalgún xeito que nos chegue a que non se axuste a este marco e creando un canle de información hermético que non só dá cabida exclusivamente a ideas que o reafirman, senón que as distorsionan e esaxeran.

Debatiuse todo o que implica estreitar as canles polas que se reciben información, anticipáronse posibles efectos de consumir información deste xeito, intentouse calcular o efecto deste fenómeno a nivel social. Eu non sei de Socioloxía, Politoloxía nen Xornalismo pero a título individual e obviando irresponsablemente toda a complexidade do termo teño que recoñecer que estou bastante contenta de que as miñas amigas me proporcionen esa cámara de eco. Para recibir input que me nega a experiencia propia e me é completamente alleo xa teño o día a día.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail