O BNG pecha a súa etapa de «resistencia» e dáse tres anos para asaltar o electorado galeguista de Feijóo

A formación celebra este domingo na Coruña a asemblea que renovará o liderado de Ana Pontón e na que lanzará o seu proxecto para converterse en alternativa real ao Goberno do PP na Xunta

A Coruña- O Bloque Nacionalista Galego pretende pechar este domingo na Coruña a etapa de reorganización á que o levou a crise interna que padeceu ata hai catro anos, para armar un proxecto co que asaltar a Xunta no 2024 e disputar a hexemonía ao PP.

Os nacionalistas galegos nunca se viron tan fortes nos seus corenta anos de historia, e agora parecen convencidos de que a transversalidade da súa líder, Ana Pontón, permitiralles superar os seus límites electorais para cooptar o voto galeguista moderado que vén outorgando maiorías absolutas a Alberto Núñez Feijóo desde hai doce anos.

O BNG naceu en 1982 como fronte de partidos encabezado polos socialdemócratas galeguistas do Partido Socialista Galego -nada que ver co PSOE- e os nacionalistas comunistas da Unión do Povo Galego (UPG), a maiores doutros grupos e independentes. Ata o auxe de Pontón, o Bloque limitábase a disputar co PSOE a condición de segunda forza do país.

Ana Pontón, nunha imaxe de arquivo

A formación chegou á Xunta no 2005 como apoio do socialista Emilio Pérez Touriño, pero catro anos despois perdeu o escano que daba maioría a ese Goberno e a piques estivo de afundirse tras a escisión dos partidarios de Xosé Manuel Beiras e o auxe das mareas e do movemento 15 M, que incluíran ao BNG no establisment do sistema de partidos a combater.

En menos de catro anos, Pontón non só contivo ese declive, senón que levou ao Bloque ao seu mellor resultado histórico, adiantando ao PSOE e facendo desaparecer ás mareas. Recompuxo a organización, feminizou e modernizou as súas formas e o seu discurso, e osixenouna cun equipo de dirección máis novo, que repetirá mandato na súa maioría e que atraeu nova militancia. Desde as eleccións autonómicas do verán pasado o Bloque sumou ao redor dun milleiro de persoas máis, case o 10% das máis de 9.000 coas que conta hoxe a formación.

Pontón segue mantendo a necesidade de reforzar as estruturas internas. «Calquera avance sen fortalecer a organización pode ter os pés de barro», adoita dicir, segundo contan os seus colaboradores. Pero agora dá por pechada esa etapa de «recomposición» para iniciar unha nova, cuxo obxectivo é aproveitar unha oportunidade «que quizais non volva producirse en moito tempo», explican fontes da súa contorna. «Non se trata de pelexarnos por ter uns escanos máis [desde o ano pasado contan con 19 no Parlamento autonómico], senón de gobernar . E para iso temos que seguir ampliando a base electoral do nacionalismo», engaden.

Á vella garda da formación, especialmente á nucleada ao redor da UPG, que lidera o deputado no Congreso, Néstor Rego, atribúeselle desde sempre un excesivo numantismo na defensa dos piares ideolóxicos do Bloque, cuxa carta de principios políticos encabezan o soberanismo e o dereito de autodeterminación. A eses clásicos a quen a militancia alcuma «coroneis», atribúeselles unha sempiterna desconfianza cara aos discursos internos que non basculan sobre a liña soberanista máis ortodoxa.

Néstor Rego, no Congreso dos Deputados / Foto: BNG

Co «período de reflexión» que abriu hai pouco máis de dous meses e que pechou esta semana, Pontón deixou claro que o que toca non é discutir sobre principios, senón estirar ao máximo as posibilidades do nacionalismo e non conformarse co mínimo común electoral que mantivo ao Bloque na oposición en 36 do últimos corenta anos.

Esas razóns estratéxicas pechan calquera posibilidade de que o BNG se arrisque nunha alianza electoral con Bildu e con Esquerra Republicana máis aló da que mantén desde hai anos con eles para os comicios ao Parlamento Europeo, que se celebran cunha única circunscrición para todo o Estado. Non habería nada que gañar e si moito que perder identificándose demasiado con partidos que o galeguismo moderado identifica con posicións fundamentalistas. Por iso non haberá coalición para as próximas xerais, a segunda meta volante na folla de ruta de Pontón cara a Xunta, tras as municipais do 2023 e antes das autonómicas previstas para o verán do 2024.

Na asemblea deste domingo na Coruña, na que a dirección calcula que participarán ao redor de 3.000 persoas, todo un récord, é seguro que a actual portavoz nacional e a súa executiva rozarán a unanimidade en apoios da militancia. «Son das que pensan que a política non vai só de ter razón, senón de construír un proxecto gañador, e iso só é posible se a cidadanía che dá a razón», dixo Pontón o día en que confirmou a súa candidatura á reelección. O lema oficial da súa campaña só ten unha palabra: «Gañar».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail