As crianzas do Postman’s Park

Fotografía de portada de LaSexta @stonecold2050

 

Hai en Londres un parque chamado Postman’s Park.

En 4º da ESO, o meu profesor de filosofía sacounos o debate de se todo o que facía o ser humano era motivado polo egoísmo. Nós, na idade do enfant-terrible-ismo aseguramos que si, que claro, que o ser humano era inherentemente egoísta, non ves? Se ata cando facemos cousas polos demais estamos motivades por medo a sentirnos mal despois. O ser humano é egoísta, e egoísta é todo o que fai. A este profesor gustáballe moito guiarnos cara unha resposta para despois dar unha reviravolta por sorpresa a outros camiños, a outras respostas.

«Pero non é certo que moitas veces o humano se sacrifica polos demais sen ter tempo a meditar se se vai sentir mal despois? Faino e punto. Porque é o que ten que facer».

En maio de 2017, un home decide quitarse a vida saltando dunha ponte no Norte de Londres. Completes descoñecides aférranse a el durante horas para que non salte. Nas fotografías pode verse como unha persoa se abraza con forza a el coa varanda entre eles. Outra persoa rodéalle as pernas cos brazos. Non o deixan ir. Non o soltan.

Os meus pais levan á cadela, Piruleta, a esterilizar. Vixíana ben de preto, pero Piruleta é grande e ten moito pelo e está demasiado afeita a súa independencia, a correr dun sitio a outro. Sen que ninguén teña tempo a darse de conta, ábrenselle os puntos. Ela bótase diante do carballo enfrente da cociña para morrer, coas tripas fóra. Todo o mundo quere facer o posible por salvala, pero ela xa está moi mal. 

Tápana cunha manta. A miña prima Inés déitase con ela. Aloumíñaa mentres agardan polo veterinario. O último que sente neste mundo Piruleta é o calor de Inés, acompañándoa na morte coma un psicopompo. Piruleta morre baixo o carballo, querida. 

Hai en Londres un parque chamado Postman’s Park. É un parque un pouco peculiar. Ten unhas placas que buscan honrar aquelas persoas que morreron intentando salvar unha vida.

Mary Rogers, 46 anos. Sacrificouse ao cederlle o seu chaleco salvavidas a outra persoa mentres se afundía o barco no que traballaba de azafata.

William Freer Lucas, 23 anos. Preferiu arriscarse a enfermar de difteria a non tratar a un neno enfermo baixo o seu coidado.

Thomas Griffin, 22 anos. Morreu das queimaduras provocadas por intentar salvar ao seu compañeiro despois da explosión dunha caldeira no seu lugar de traballo.

Godfrey Maule Nicholson, 29; George Elliott, 35; e Robert Underhill, 24. Morreron salvando aos seus compañeiros dun gas velenoso na destilería na que traballaban.

Alice Ayres, 18 anos, Morreu salvando tres rapaces que non coñecía dun edificio ardendo.

Elizabeth Boxall, 17. Morreu salvando a un neno dun cabalo desbocado.

Herbert Maconoghu, 13 anos. Morreu intentando salvar dous amigos de afogar no río.

Harry Sisley, 10 anos. Morreu intentando salvar ao seu irmán, despois de ser el rescatado.

Soloman Galaman, 11 anos. Morreu salvando ao seu irmán de ser atropelado.

En xaneiro de 2018 quedo cun amigo para tomar un café despois dunha rolda de dúas semanas de terapia electroconvulsiva para tratar o seu extremadamente complicado caso de trastorno bipolar. Os cantos de serea das ideacións suicidas perseguírono durante tanto tempo e con tanta insistencia que os médicos do seu país consideraron algo así de vintage como último recurso. Reméxeme enteira ver a unha persoa cuxo cerebro insiste en ser o seu peor inimigo aferrándose á vida desta maneira.

«É gracioso», dime el, «como me electrocuto o cerebro de vez en cando para poder seguir erguéndome polas mañás e quedar a tomar o peor café da Europa continental contigo». 

«E que, págache a pena?», pregunto.

El ri. «Paga a pena, si.»

O meu profesor de filosofía di que hai veces que non nos dá a cabeza para ser egoístas. Piruleta morre envolta no benquerer de Inés. Hai un parque en Londres que se chama Postman’s Park. 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail